Recensión a Espazos de Rosalía en Compostela. Un paseo por Santiago con Rosalía de Castro, de Mercedes Espiño, en Grial 234

No último número, 234 (abril, maio e xuño do 2022) de Grial. Revista Galega de Cultura, que desde hai días xa anda polas librarías, e tamén se pode adquirir desde a propia páxina da Editorial Galaxia, asino na habitual sección intitulada «O espello das letras» un texto intitulado «Tras os pasos de Rosalía», unha recensión ao estudo literario Espazos de Rosalía en Compostela. Un paseo por Santiago con Rosalía de Castro, da autoría de Mercedes Espiño, publicación auspiciada pola A.C. O Galo en colaboración co Concello de Santiago de Compostela.

Este número 234 centra os seus contidos monográficos na análise «Quen desafía o patriarcado? Respostas violentas e contraargumentos», cuxa introdución intitulada «Xénero e violencia» asinan Inma López Silva e Álex Alonso Nogueira, para daren paso aos artigos «Que lexitima o discurso violento», de Carme Adán; «A lingua, a violencia e a común fraxilidade», de Rexina Vega; «Habelxs, hainxs: a visibilidade dos xéneros e sexualidades non normativos na literatura», de Danny Barreto e «Desigualdade e violencia sobre a muller: o eterno debate», de Paz Filgueira.

Na sección «Temas do noso tempo» aparecen os artigos «A crise ucraína e a paz perpetua», de Xoán Hermida e «Os mapas imaxinarios e a Ucraína real», de Briaxis Fernández Méndez.

Na sección «Ciencia e Técnica» o texto «O Gabinete de Historia Natural da Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago da USC», que asina Francisco J. Leonardo Docanto e na sección «Economía e medio ambiente» o artigo «Os efectos da transición enerxética. O caso das Pontes de García Rodríguez», de Fernando González Laxe.

A seguir na sección «Documentos» Henrique Monteagudo asina a achega «Inédito de Castelao (1943?)». E na sección «Historia e memoria» publícase o artigo «Feniciopúnicos no noroeste de Iberia. As illas do estaño», de Javier Rodríguez Corral.

Alén diso, neste novo número, as páxinas de creación narrativa traen a colaboración de Javier Fraiz, e a poética uns textos inéditos da autoría de Lúa Mosquetera.

As habituais recensións literarias da sección «O espello das letras» complétanse cos artigos «Ofrenda floral ao autor de Longa noite de pedra», que asina Xosé Manuel Dasilva; «O mestre e Margarida. Autorreferencia e subversión no Fausto da URSS», da autoría de Iago Codesido e «A dobre cara do destino: as irmás Casares no devir do exilio», de Inmaculada Real López.

Na sección «Crónica» o texto «Carta de Viena. Por Ucraína libre», de Carlos Penela.

A maiores na sección «Feminismos» escriben Sabela Pérez Martín sobre «A violencia machista institucioanl en Galicia» e Amara García Adán sobre «Xustiza ou verdade?».

Pecha o volume a sección «Debates» co texto «A negación da razón produce monstros» que asina Luca Chao.

Velaquí o contido da miña recensión.

Tras os pasos de Rosalía

Espazos de Rosalía en Compostela. Un paseo por Santiago con Rosalía de Castro

Mercedes Espiño

A.C. O Galo / Concello de Santiago de Compostela, 190 páxinas

Sesenta anos, desde a súa fundación en 1961, celebra de existencia a compostelá A.C. O Galo, entidade que neste longo período atravesou diferentes etapas que condicionaron a súa presenza e a súa actividade pública.

A asociación, co patrocinio da Concellaría de Acción Cultural do Concello de Santiago de Compostela, vén de publicar unha obra da profesora Mercedes Espiño que leva ao papel unha proposta dun interesante e suxestivo roteiro literario baseado nos espazos biográficos e literarios composteláns da escritora Rosalía de Castro, que xa se levou á práctica quer pola propia entidade cultural quer polo CAFI (Centro Autonómico de Formación e Innovación) nunha xeira dirixida ao profesorado. De feito o seu Asesor, Xoán Carlos Rodríguez, dinamizador de ducias de roteiros literarios nos últimos cursos, explica de xeito diáfano na lapela a súa orixe e a súa definición actual, coma un novo xeito de nos aproximar ás obras de creación e remata: “Grazas a eles é posible vincular obras, autores ou xeracións a determinados lugares: A Terra Chá e Manuel María, Dublín e Joyce, O Courel e Novoneyra, Praga e Kafka, Rianxo e Manuel Antonio, París e Víctor Hugo, Mondoñedo e Cunqueiro, Madrid e Galdós, Ourense e a Xeración Nós, Soria e Antonio Machado, Rosalía e Compostela etc.”

Alén da presentación da propia A.C. O Galo, a obra inclúe un Limiar asinado por Francisco Rodríguez Sánchez, autor de varias aproximacións interpretativas á obra e á vida da poeta como Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria (a persoa e a obra de onte a hoxe) (A Coruña: AS-PG, 2011), que resume o estado da cuestión en once páxinas de asisada contextualización historiográfica ao tempo que saúda a aparición deste volume pois “Este Roteiro de Rosalía, que Mercedes Espiño elaborou con tanta información e rigor, e con tanto convencemento da súa utilidade práctica, define un itinerario vital, artístico, filosófico e moral, sustentado nos textos literarios da escritora, que á vez iluminan, de forma orixinal e co seu trasfondo histórico ou biográfico, sucesos, personaxes, lugares e monumentos da cidade. Compostela estaba unida a ela por emocións e lembranzas ambivalente e contraditorias”.

Xa metidos en fariña, Mercedes Espiño deseñou un itinerario de 22 puntos guiado non por cuestións cronolóxicas na biografía rosaliá senón pola evidente practicidade á hora de desenvolver unha andaina que permita achegarse sen desvíos a cada lugar de parada, arrincando primeiro no mosteiro de Conxo e na antiga estación de Cornes, antes de se dirixir ao monumentos a Rosalía na Praza de Vigo (onde estaba a desaparecida casa natal e que daquela era aínda concello de Conxo anexionado por Santiago en 1925) e na carballeira de San Lourenzo e ir camiñando cara á cidade vella, entremurallas, onde decorrerán a maior parte dos escenarios suxeridos para encontrármonos coa pegada vivencial da poeta. Esa propositada non adecuación cronolóxica dos espazos fai que até o punto 13 non nos poidamos achegar até a capela do Hospital Real (hoxe parador do Hostal dos RRCC), pois este lugar está próximo á catedral compostelá onde se suxiren lecturas importantes como os seus poemas “Santa Escolástica” (En las orillas del Sar) e “Na catedral” (Follas Novas).

Un mapa da situación dos puntos no rueiro actual, deseñado por Xoán Carlos Rodríguez, e unha cronobiografía rosaliá que sitúa a escritora en todas as vilas e cidades nas que viviu ou viaxes máis ou menos coñecidas, como a realizada á romaría da Barca en Muxía convidada por Eduarda Pondal ou aos baños de Caldas, permiten adquirir unha noción de ave inqueda, case sempre por mor das dificultades económicas, de Rosalía e do seu matrimonio co historiador Manuel Murguía. Son dez páxinas que resumen a erudición sobre as xeografías literarias rosaliás non só na cidade compostelá.

Deseguida os 22 capítulos teñen unha estrutura semellante, xa que levan coma epígrafe a numeración actual dos espazos, as máis das veces non coincidente coa que tiñan en vida de Rosalía, botando man de numerosa documentación que xustifica esas mudanzas. A iso engádenselle apuntamentos históricos ou biográficos sobre outras persoas e sempre fragmentos da obra en verso e en prosa da propia Rosalía para ler ao detérmonos nese punto, escollidos con excelente criterio de oportunidade.

Mais non só a obra de Rosalía, poñamos por caso no punto 1 na praza Arcebispo Martín de Herrera, onde se sitúa o mosteiro de Santa María, Mercedes Espiño aproveita para lembrar o Banquete de Conxo, malia non estar demostrada a presenza da poeta no acontecemento literario e político. Desta volta os textos que se ofrecen para a lectura son fragmentos dos discursos de Aurelio Aguirre, Eduardo Pondal e Luís Rodríguez Seoane, mentres que os escollidos da obra de Rosalía fan referencia ao bosque e ao manicomio ou a Vidán, onde a autora do roteiro tamén ofrece un achegamento ao castelo e á ponte vella da Rocha.

Non nos podemos deter aquí a falar de cada un dos puntos, porén é de salientar que as explicacións que os acompañan, sempre adobiadas de documentación, permiten a Mercedes Espiño amosar incluso polémicas da época, e en certa maneira tamén actuais, sobre a asimilación oficial de Rosalía verbo do monumento erguido en 1917 no hoxe denominado Paseo das Letras na alameda ou verbo do traslado dos seus restos ao Panteón de Galegos Ilustres. Outros acontecementos que se abeiran en paralelo ao itinerario descritos son a creación do Padroado Rosalía de Castro, hoxe Fundación, na sé padronesa da Matanza, ou as súas relacións de amizade ou persoais con outros intelectuais da época, como é o caso do poeta Aurelio Aguirre.

A fotografía de Anxo Regueiro na capa amosa un contrapunto entre as estatuas de Federico García Lorca, de recente instalación, e de Rosalía de Castro no paseo das Letras da alameda compostelá e a fotografía de contracapa recolle unha das embarcacións patrimoniais coa “inchadiña branca vela”, ambas e dúas testemuñan o fascinio intelectual e a admiración popular que inspirou e inspira a poeta e completan unha boa colección de imaxes esparexidas nas páxinas do libro, entre as que salientan os retratos de Rosalía ou dos seus familiares máis achegados e algunhas das casas nas que habitaron, sendo a última o cadro Rosalía morta, realizado en 1885 polo seu fillo Ovidio Murguía.

As árbores xenealóxicas da familia Martínez Murguía de Castro e das familias materna e paterna da poeta poñen o ramo a este evocador itinerario rosaliano que, como di Francisco Rodríguez, “era tan necesario como a auga para saciar a sede”. E nós propios que o fixemos guiados con amenidade e sabedoría pola autora Mercedes Espiño, nunha actividade de formación do profesorado, damos fe da utilidade práctica do seu deseño, agora dispoñibilizado neste volume e animamos a realizar este paseo literario da man das suxestivas lecturas dos textos de Rosalía e dos documentos históricos que os acompañan. Será a ben seguro unha xornada ben agradecida.

Esta entrada foi publicada en Biografía, Efemérides, Estudos literarios, Fotografía, Historia, Lingua, Memoria Literaria, Poesía, Recensións, Roteiros. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta