«Florencio Delgado Gurriarán, o poeta galeguista no exilio mexicano», artigo publicado na Revista Luzes 103

Engado ao repositorio destas crebas.gal o artigo escrito para a Revista Luzes 103, dirixida por Xosé Manuel Pereiro e Manuel Rivas, correspondente ao mes de maio, que se publicou a xeito de monográfico dedicado ao autor que homenaxeamos no Día das Letras Galegas 2022, que coordinou a xornalista Ana Cermeño.

Velaquí a táboa de contidos:

Reportaxes
Florencio Delgado Gurriarán. O poeta galeguista no exilio mexicano
México e os barcos da esperanza
O alento de Luís Soto
O aviador que elevou o galeguismo ao ceo da aventura
A outra cara da historia. Mulleres galegas que se viron na obriga de fuxir
A palabra exilio: verbas sobre cultura e política
Juan Rulfo e Carlos Velo en Nueva Galicia. Aquí temos facilidade para morrer
José Caridad Mateo e os espazos republicanos
O último retrato dos Hermanos Mayo
Por Miro Villar, Roberto Mera, Xurxo Martínez González, Santiago Romero, Paula Chouza, Belén Teiga, Ramón González Rey, Xosé Lois Martinez Suárez, Omayra Lista e Xurxo Lobato.

Entrevista
Demetrio Bilbatúa
«Quen vivimos aquela guerra e despois o exilio temos unha historia intensa». Por Mariángeles Comesaña.

E as opinións de Mª Luisa Julia Pazos Pazos, Pilar Cagiao Vila, Teresa Táboas, Mª Xosé Rodríguez Galdo, Agar Ledo, Uxía e Manuel Barreiro.

Reproduzo deseguida o texto da miña autoría, que tamén se pode ler na Luzes 103, á venda en formato papel nas principais librarías do noso País e tamén na tenda online nesta ligazón.

Florencio Delgado Gurriarán, o poeta galeguista no exilio mexicano

O 7 de xullo de 1939, ás cinco da tarde hora local, un dos “barcos da liberdade” de nome Ipanema fondeaba no porto mexicano de Veracruz. Entre as 998 persoas na procura de asilo político estaba o poeta galeguista Florencio Delgado Gurriarán. O arquivo histórico da Fundación Pablo Iglesias custodia un documento mecanografado coas súas fichas, na de Florencio figura que tiña 35 anos, solteiro, nado en Vilamartín de Valdeorras, que non militaba en ningún partido e si no sindicato UGT. E cita os seus cargos antes da guerra, na xestora municipal da corporación republicana de Vilamartín, e na guerra, sobre todo no Servizo de Información de Evadidos e Prisioneiros.

Porén nesa altura Florencio era xa un sobranceiro militante do PG. O seu biógrafo, Ricardo Gurriarán (1999), 2022) documenta a súa temperá relación cos galeguistas valdeorreses, antes de ingresar en 1933 no PG, como consta no seu carné. Partillou actos políticos con Otero Pedrayo, que sempre o influíu, e con Alexandre Bóveda, a quen dedicou poemas contra a súa morte. E coa represión falanxista de 1936 protagoniza unha longa peripecia con agochos e a fuxida a través da raia e logo nun barco que o levou desde Porto a Bordeos. Desbota ficar no acomodo de París e viaxa á zona republicana onde exerce varios cargos e foi nomeado “Segredario de Propaganda” do PG.

Embarcada no Ipanema ía tamén a escritora libertaria Silvia Mistral, seudónimo de Hortensia Blanch Pita, nada na emigración cubana de nai galega e pai catalán, que viviu en Galicia entre 1922 e 1926 até que a ditadura de Primo de Rivera declarou desertor a seu pai, fuxidos a Cuba e retornados coa proclamación da República en 1931. Silvia Mistral narra a súa historia persoal en Éxodo. Diario de una refugiada española (1ª ed. México, 1940) e nas páxinas finais conta que cando o Ipanema deixa Bordeos foron proferidos os berros: Viva México! Viva Cárdenas! Viva la República! E que ninguén deu vivas a Francia.

Tamén conta a Mistral que cando o “barco da liberdade” pasaba á altura do cabo de Fisterra varios mozos galegos xuntáronse a babor e leron o seguinte texto (en galego no orixinal): “A vista do Fisterre, recibe, pobo galego o saúdo garimoso dos que niste intre dooroso van cara o exilio. Non perdades esperanzas, mantede o esprito ergueito que non tardará en cair o treidor que perante anos encheu de mortos Galiza e de loito os seus fogares. VIVA GALIZA CEIBE. VIVA A REPÚBRICA. ABAIXO FRANCO”.

Non hai testemuños, nin sequera propios, de que Florencio fose un deses afoutos mozos, porén o escrito concorda moito coa súa poesía de combate antifranquista, seis poemas asinados só co nome, sen apelidos que comprometan a familia, no periódico dos comunistas Nueva Galicia, onde publicaron outros galeguistas como Castelao. Os seus versos eran ben explícitos:

Franco, Franquiño,

piquirrichiño:

nas nádegas de Hitler

puxeche o fuciño.

E o “duce” da Italia

Tamén llas bicache,

pra que te fixeran

o que ti soñache.

Nesa altura Florencio era xa poeta con obra édita, pois en abril de 1934 vira lume o seu único título antes da guerra civil, Bebedeira, no prelo compostelán da Nós de Ánxel Casal, cuxa portada é unha ilustración sobe a vendima do artista, crítico de arte e xornalista Xosé de Castro Arines, quen pouco tempo despois había dirixir a revista Guieiro da Federación de Mocedades Galeguistas.

A cerna do libro é o mundo vitivinícola, xa desde a dedicatoria que antecede ao primeiro poema: «Ás retortas cepeiras, barroco motivo da verde sinfonía do meu val: Ao viño de Valdeorras, que é o millor do mundo». Son textos que enxalzan a socialización derredor do viño, que o glorifican pois “o viño é sangue de Cristo / que se bebe ata na eigresia!”, que describen os labores (a vendima), as músicas (alalás) que as acompañan e os amores que xorden nas xeiras de traballo, ou falan das diferentes variedades de uvas e viños (garnacha, caíño, godello, moza fresca…) ou dos seus procesos de elaboración.

Desde a súa chegada a Veracruz a aclimatación á condición de exiliado en México non vai ser doada. De primeiras traballa para o SERE, procurando o benestar das persoas refuxiadas, e co transcorrer dos anos desenvolve diversos oficios, o de vendedor de zapatos permitiu que coñecese e namorase de Celia Teijeiro, filla de emigrantes galegos e nada en Cuernavaca, coa que casa en xullo e que lle dará cinco fillos: Florencio (1944), Chela (1945), Maruxa Ildara (1949), Lucio Antonio (1951) e Carmiña (1955). E nos últimos anos traballou nunha empresa farmacéutica.

Alén das angueiras que lle permitían soster unha familia numerosa, Florencio nunca descoidou a súa feraz actividade cultural, literaria e política. De feito, foi un dos representantes do PG na redacción do pacto Galeuzka (con organizacións nacionalistas catalás e vascas) ou fixo parte da legación mexicana no Consello de Galiza, creado por Castelao desde o exilio bonaerense, e ao que a consolidación do réxime franquista, malia a vitoria dos «aliados» na II Guerra Mundial, fanou a súa capacidade de incidencia.

Nunha primeira etapa literaria da posguerra Florencio non esquece a musa civil antifranquista. De inicio envórcase na redacción de Saudade. Verba galega nas Américas (con dúas etapas: 1942‒1944 e 1952‒1953), composta por Ramón Cabanillas Álvarez (fillo do poeta e tamén compañeiro na travesía do Ipanema), Ramiro Illa Couto, Carlos Velo e o propio Florencio, entre outros. A revista, creada pola Irmandade Galeguista e o grupo Saudade, tiña na súa extensa listaxe de colaboradores a case todos os nomes do exilio galego en México, mais tamén dos exiliados e emigrantes noutros territorios de América e, máis tarde, dos galeguistas que escribían no denominado «exilio interior». A revista conformouse como unha arma ideolóxica para combater o franquismo desde unha óptica próxima ao galeguismo político seguindo o ideario dimanado de Castelao e o Consello de Galiza.

Florencio foi un esteo fundamental no Cancioneiro da loita galega (1943), editado polo Partido Galeguista de México, con colofón do Día de Galiza, nunha imprenta de Durango participada polo Goberno de México e na que traballaban outros exiliados galegos. Para Alonso Montero (1996) o verdadeiro armadanzas do proxecto foi o poeta valdeorrés. Nos seus propios poemas, doce, usou o pseudónimo Nadel, aos que Gurriarán (1999) engade dous sen asinar por atopar os manuscritos no arquivo do poeta e outros dous asinados co pseudónimo R. Miño, polo que é o autor máis prolífico e isto avalaría a hipótese da súa responsabilidade na edición.

Por volta de 1946 o seu labor de tradutor de poetas franceses recibe un premio no certame literario convocado no XXV aniversario da FSG (Federación de Sociedades Gallegas) de Buenos Aires, no que tamén foron galardoados Plácido R. Castro e Lois Tobío Fernández. Os textos foron recollidos en Poesía inglesa e francesa vertida ao galego (Buenos Aires: Alborada, 1949). Florencio anosou trece autores en lingua francesa (Rimbaud, Mallarmé, Regnier, Valéry, Claudel, Tristan Klingsor ‒pseudónimo de Léon Leclère‒, Lucie Delarue-Mardrus, Cocteau, Drieu la Rochelle, Philippe Chabaneix, o flamengo Maeterlinck, a escritora de orixe romanesa Hélène Vacaresco e o escritor de orixe uruguaia Jules Supervielle). Anos despois, en 1952 en Opinión Gallega, unha das cabeceiras da nutrida diáspora galega na Arxentina, asina a primeira versión galega do Cimetière marin, de Valéry.

En xuño de 1953 o núcleo dos galeguistas, a maioría militantes do vello PG, crean o Padroado da Cultura Galega no México co que colabora tanto nas publicacións (Vieiros) coma nas emisións radiofónicas “A hora de Galicia”. Outra volta as diferenzas e tensións ideolóxicas desactivan a entidade. No entanto, a súa sinatura tamén está na nómina de escritores republicanos de Ecuador Oº, O’, O». Revista de Poesía Universal, fermosa iniciativa do fisterrán exiliado Alexandre Finisterre, pseudónimo de Alejandro Campos Ramírez, secretario do Ateneo de Galicia en México e inxustamente máis coñecido por ser o inventor do futbolín ou por ser custodio e testamenteiro de León Felipe do que é como poeta ou editor.

A revista Vieiros é un proxecto moito máis pretensioso que incorpora escritores «novos» (Ferrín, Casares, López-Casanova, Bernardino Graña, Xohana Torres, …) e colaboracións plásticas de artistas galegos de sona na preguerra (Castelao, Díaz Pardo, Souto…) e na posguerra (Reimundo Patiño, Xulio Maside…). Florencio é un dos tres directores da revista, xunto a Luís Soto e Carlos Velo, nos dous primeiros números pois no terceiro é substituído nesa terna por José Caridad Mateos debido ao seu traslado por razóns laborais a Guadalaxara (Nova Galicia).

En Vieiros publicou nove poemas no primeiro número, dous no segundo, nada no terceiro, que coincide co traslado, e outros dous no cuarto e derradeiro, dos que un é a tradución «Barco Bébedo (Paráfrasis Galega do “Bateau Ivre” de Jean-Arthur Rimbaud», todos incorporados a obras posteriores. Salienta tamén o seu labor como crítico literario que fai recensións das novidades literarias que recibían de Galaxia. Escribiu sobre obras de Ánxel Fole, Xohana Torres, Uxío Novoneyra, Gonzalo López Abente, Álvaro Cunqueiro, Ramón Cabanillas ou Valentín Paz Andrade. Tamén se anunciaron artigos lingüísticos que non verían a luz, uns «Apontamentos lingüísticos. O Corpo» cuxo mecanoscrito exhumou Gurriarán (1999) e unha crítica do Diccionario de Eladio Rodríguez González.

A súa obra de máis interese é Galicia infinda (1963), non só polo feito de xuntar a súa poesía de preguerra e de posguerra, senón porque nos seus versos achamos todas as tendencias formais e estéticas empregadas polo autor valdeorrés. Apareceu, segundo o colofón, o día 16 do mes de Nadal de 1963 e fai o nº 12 de «Salnés», a colección de poesía galega de Galaxia que daquela codirixían Celso Emilio Ferreiro, Emilio Álvarez Blázquez e Salvador Lorenzana, coñecido pseudónimo de Francisco Fernández del Riego. E cómpre salientar este labor, pois na altura Delgado Gurriarán era aínda un escritor exiliado en México por mor do seu compromiso antifranquista e viña de cofundar Vieiros, unha das revistas que representou a contestación galeguista e progresista contra o réxime.

O libro presenta 43 poemas de moi diversa factura. Os tres primeiros («Galicia infinda», «Nomes» e «Resposta a Rosalía») aparecen soltos, mentres que os outros corenta se agrupan baixo cinco epígrafes: «Cantarenas», «Valdeorras», «Castiñeiros», «Varia» e «Poemas mexicanos». Nove destes últimos foron publicados antes por Marcial Fernández no artigo «A Poesía de Florencio Manuel Delgado Gurriarán» no primeiro número de Vieiros (1959).

Posteriormente, o propio escritor recuperará vinte poemas deste libro na compilación Cantarenas. Poemas 1934‒1980, que foi publicada no ano 1981 en Ediciós do Castro, por iniciativa do Instituto de Estudios Valdeorreses, do que o autor foi membro de mérito.

No verán de 1968 volta por vez primeira a Galicia, á terra de Valdeorras, onde puido abrazar os familiares e tamén os poucos vellos galeguistas valdeorreses, e tamén viaxou para se encontrar con aqueloutros do grupo Galaxia ou para estar na homenaxe na Coruña a Virxinia Pereira, dona de Castelao, que tamén retornaba. Neses días gravou para o programa «Poetas de Galicia» de RNE, que o Arquivo Sonoro do Consello da Cultura Galega vén de dispoñibilizar na rede.

Transcorrerán oito anos máis até a segunda estadía en 1976 e alén das visitas a familiares e amizades galeguistas desta volta explora as posibilidades dun regreso definitivo, porén unha doenza coronaria foi en opinión de Gurriarán (1999) a que abortou esa decisión. Desde o galeguismo organizado, con moita febleza, en México continúan os contactos cos galeguistas do interior na denominada Transición.

No outono de 1979 celébrase en Madrid unha multitudinaria homenaxe a Celso Emilio Ferreiro, recén falecido, organizada por unha comisión que presidía o socialista de orixe valdeorresa José Antonio Gurriarán e con presenza do dramaturgo Lauro Olmo. Florencio é convidado a participar. Non puido acudir mais enviou unha elexía intitulada «A Celso Emilio Ferreiro», que publicaría o xornal ourensán La Región.

A creación do Instituto de Estudios Valdeorreses por volta da primavera de 1979, do que será nomeado socio de honra, xunto a Lauro Olmo e Valentín Paz Andrade, pulará polo mellor coñecemento e difusión da súa obra. En 1980 editan unha primeira biobibliografía, da autoría de Pepe Gayoso, e realizan unhas xornadas divulgativas. No mesmo ano dedicáselle unha rúa no seu Córgomo natal e descóbrese unha placa co seu nome na súa casa. Valdeorras principiaba a estimar de maneira pública a un dos seus creadores máis senlleiros.

En setembro de 1981 retorna outra vez a Galicia e pronuncia o pregón das Festas do Cristo do Barco de Valdeorras e un día despois entregáselle a medalla de académico correspondente da RAG nun concorrido e emotivo acto. Comprométese a anosar a obra do dramaturgo Lauro Olmo, mais os dereitos dos contratos editoriais do autor fanan de vez esa proposta. A finais dese mesmo mes é recibido, xunto coa súa dona, no pazo de Raxoi polo segundo presidente da pre-autonomía de Galicia, Xosé Quiroga Suárez, valdeorrés de Petín. Nas entrevistas que lle realiza a prensa nesas datas reafírmase no seu compromiso republicano e galeguista.

En 1986 verá a luz o seu derradeiro libro de poemas O soño do guieiro, mais xa non pode gozar moito da súa recepción na sociedade galega xa que Florencio fina dunha doenza cardíaca o 14 de maio de 1987 en Fair Oaks, California, onde residía parte da familia. As súas cinzas primeiro recalan en México e desde xullo no seu Córgomo de Valdeorras.

O romance «Galiza ergueita», que publicara en Opinión gallega no cincuentenario da morte de Curros Enríquez, ou o texto que lle dá título ao libro, escrito con motivo do vinte e cinco aniversario do pasamento de Castelao, recperado do Galicia, do Centro Gallego de Bos Aires, onde fai unha paráfrase do capítulo XXXII do Sempre en Galiza, son boa mostra do seu estro.

Esta entrada foi publicada en Biografía, Cinema, Documental, Efemérides, Entrevistas, Estudos literarios, Fotografía, Historia, Lingua, Memoria Literaria, Poesía, Política. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta