Recensión a Álvaro Cebreiro (1903-1956). Caricatura, humorismo, ilustración, de Xesús Torres Regueiro, en A Trabe de Ouro 117

Unha das publicacións nas que adoito colaborar con estudos literarios ou traballos críticos é A Trabe de Ouro, que dirixe Xosé Luís Méndez Ferrín e que edita Atlántica, editora tamén da revista mensual Tempos Novos. No último número, 117 (maio, xuño, xullo, agosto de 2021) asino na sección «Publicacións» o texto intitulado «Biografía dun artista poliédrico e singular», unha recensión ao libro Álvaro Cebreiro (1903-1956). Caricatura, humorismo, ilustración, de Xesús Torres Regueiro.

Este número 117 abeira os seguintes contidos. Na sección «Cuestións» os artigos «A educación secundaria ou a esclerose do pensamento crítico» de Rosa López; «Da inexistencia do estado e outros asuntos conexos», de Juan Domingo Sánchez Estop e «Nós», de Xosé Luís Méndez Ferrín.

Na sección «Acoutacións» aparecen os artigos «Intervención do autor no seminario Galicia 2002 a través da imaxinación creadora» de Xosé María Álvarez Blázquez; «A paixón de contar: Entrevista con Manuel Rivas» de Sara Lozano Figueira; «É posíbel desminorar unha lingua? O caso galego» de Fernando Ramallo; «Nacimento e pasión da pintura: Manuel Colmeiro. Unha conferencia de Álvaro Cunqueiro» de Carlos L. Bernárdez e «Cataluña e o dereito de autodeterminación» de Carles Boix.

Na sección «Textos» publícase o magnífico poema «Ortelinda e Roxiña», de Anxo Angueira e «Schulz, Jesenká, Kolmar. Tres voces na tona da destrución», que asina Carlos Penela.

Por último, na sección «Publicacións», alén da miña recensión, tamén van «Santos lendarios» de Xosé Luís Barreiro Barreiro e «O desexo inquebrantable de escribir» de Sara Plaza. E pecha deste volume na sección «Crónica» o texto «As Xulianas de Bueu. Unha estirpe de poxadoras de peixe» de Xosé Manuel Dopazo Entenza.

Velaquí a miña recensión:

Álvaro Cebreiro (1903-1956). Caricatura, humorismo, ilustración

Xesús Torres Regueiro

Deputación da Coruña, 2020. 486 páxinas

A entidade provincial coruñesa, con nota limiar do seu actual presidente Valentín González Formoso, vén de arrequentar o seu catálogo de publicacións coa biografía Álvaro Cebreiro (1903-1956). Caricatura, humorismo, ilustración, da autoría do historiador betanceiro Xesús Torres Regueiro, con case medio milleiro de páxinas divididas en 39 capítulos de áxil lectura, aos que se engaden catro Apéndices e a Bibliografía final, para configurar un erudito e excelente traballo que ilumina a obra e a personalidade do artista coruñés.

De primeiras coñeceremos as súas orixes familiares e o que se sabe da súa infancia e da súa adolescencia, como se iniciou na caricatura xa durante os tempos de bacharelato ou que foi vítima do que hoxe se denomina co anglicismo bullying por mor dunha prematura calvicie, provocada por unha infección, que o levou a deixar os estudos e a ser unha persoa retraída. De feito a fotografía de portada é un retrato de mocidade coa boina até as orellas que ía ser a súa imaxe durante moitos anos, até o momento de recuperar o cabelo. Porén, Torres Regueiro documenta con diversos testemuños a súa formación autodidacta e a súa voracidade lectora.

Malia que o propio Cebreiro recoñeceu en entrevistas a súa impericia como poeta fronte á súa destreza á hora de pintar, este estudo revélanos a súa vocación poética frustrada desde unhas primeiras “cántigas” en galego publicadas con quince anos en Nós, páxinas galegas do diario da Cruña El Noroeste e outros textos, non moitos, noutras cabeceiras, dos que na nosa opinión non desmerece o intitulado “As fouces non están vencidas”, con pegadas de Cabanillas, que apareceu na emigración na revista Betanzos do Centro Betanzos de Bos Aires e que se reproduce. Non pecha este capítulo Torres Regueiro sen facer un repaso da súa feraz relación cos poetas e coa poesía, en moitos casos xeradora dunha intensa relación epistolar na que literatura e pintura van de mans dadas.

Como necesaria contextualización esta biografía integra algúns capítulos, como “A Coruña, berce das Irmandades da Fala”, que nos mostran a xénese de movementos culturais, políticos ou sociais de capital importancia na vida de Cebreiro, mais tamén as súas crises e tensións como “A división do nacionalismo. A ING”. Representan o acompañamento dos capítulos fulcrais centrados na súa obra, como “Os inicios dun artista” no que se detalla a traxectoria desde 1919 cando publica as súas primeiras caricaturas en A Nosa Terra, inspiradas noutros artistas ou en escritores como Risco, Viqueira ou Teixeira de Pascoaes, que o biógrafo reproduce e das que comenta as técnicas de elaboración e o resultado estético acadado.

A Nosa Terra e Nós van supoñer a aceptación e mesmo consolidación do talento do debuxante e serán decisivas á hora de encarreirar o oficio artístico de Cebreiro, cuxa obra axiña tamén vai facer parte de mostras ou exhibicións públicas, as primeiras sempre realizadas ao acubillo do galeguismo das Irmandades, mais logo tamén noutros ámbitos e escenarios afastados do seu propio compromiso socio-político. Esta notoria repercusión levará a que sexa considerado o primeiro “ultraísta” coruñés e iso vai significar que sexa observado como un artista vangardista ou renovador, cando menos. Torres Regueiro incluso documenta a súa presenza en revistas francesas como Manomètre.

A conformación dunha personalidade tamén se fai a través das amizades e o biógrafo debulla en diferentes capítulos as estreitas relacións con Antón Villar Ponte e co poeta Manoel-Antonio, con especial relevo para “O berro de rebeldía do manifesto ¡Mais alá!”, mais tamén con Teixeira de Pascoaes, por quen o coruñés tiña devoción, e con outros intelectuais portugueses, como parte desa rede de afectos que naquela altura se tecía entre as dúas beiras do Miño. Teixeira agradecía e celebraba as caricaturas que lle fixo Cebreiro, como testemuñan as cartas que se conservan dunha relación epistolar que durou toda unha década. Moitas páxinas máis adiante Torres Regueiro tamén documenta a súa relación co poeta armenio Nazariantz, moitísimo máis circunstancial mais non por iso menos importante.

Os capítulos centrais da biografía, que inclúen numerosas reproducións da obra do artista, percorren con profusión de datos e referencias a súa presenza en moitas publicacións coruñesas dos anos vinte de tipoloxía varia, desde revistas de prestixio como Alfar até outras cabeceiras menores; recollen a súa participación como director artístico na luguesa Ronsel, que tiña como director literario a Evaristo Correa Calderón ou dan conta da súa produtiva faceta de ilustrador de moitos libros da nosa literatura, dos poetas Cabanillas, Taibo ou Abente e de moitos outros.

A cerna de toda esta produción artística está no capítulo “Cebreiro caricaturista”, Torres Regueiro nunha exhaustiva investigación sinala todo o seu repertorio ao tempo que tamén reproduce e comenta case corenta desas entregas, publicadas todas elas en diferentes medios, nomeadamente xornais da época. E ás que hai que engadir “As «historietas» de Cebreiro”, que hoxe coñecemos como banda deseñada por estaren artelladas en varios cadriños e un texto narrativo ou dialogado que acompaña as ilustracións, unha disciplina na que tamén acadou mestría e pola que obtivo non só o recoñecemento dos lectores senón unha outra fonte de ingresos na súa sempre debilitada economía persoal. De feito, serán as colaboracións en xornais, como os vigueses Galicia primeiro e despois El Pueblo Gallego, e revistas, como Vida Gallega, onde sosteña boa parte da súa subsistencia.

Cebreiro sempre tería que dar prioridade ao que lle daba de comer, a ilustración, mais nunca deixou de lado a pintura, malia a súa eterna sona de artista preguiceiro (que o biógrafo pretende relativizar nun dos capítulos finais “A eterna preguiza e outros tópicos”), e participou en varias exposicións colectivas con maior ou menor fortuna na recepción do seu traballo.

A sinatura de Álvaro Cebreiro transcende, coma a doutros artistas e escritores, e é demandada a súa colaboración por cabeceiras do activo movemento societario da emigración galega, sobre todo na Arxentina. Desta volta o biógrafo testemuña a súa notable presenza nas páxinas da revista Céltiga.

Outros acontecementos que teñen relevancia nesta completa biografía teñen a ver coa súa intensa relación co deposto presidente Machado e os exiliados portugueses na Coruña e coa súa viaxe de formación a París, así como a insensibilidade do xurado de académicos coruñeses de Belas Artes que a finais dos anos vinte deron en negarlle a posibilidade dunha bolsa de estudos da Deputación coruñesa.

A chegada dos anos da II República permiten a Torres Regueiro realizar un deses capítulos de contexto para nos situar axeitadamente nas inquedanzas sociais e políticas da época e para salientar a maior implicación política de Cebreiro, sempre da man de Antón Villar Ponte a quen acompaña nos seus proxectos. Son tamén anos nos que bota man da súa habelencia para facer cartelismo e ás veces gañar concursos de promoción turística da cidade coruñesa, pois outras veces circunstancias alleas ao seu talento facían que non fose premiado.

A guerra civil e a dura represión posterior dos fascistas sublevados son analizadas deseguida, coma adoito primeiro dun xeito global para axiña centrarse nas repercusións que habían ter en Cebreiro. Para isto Torres Regueiro bota man da coñecida definición de “exilio interior”. Tardará en recuperar a súa actividade artística mais a súa saúde xa vai estar condicionada polo avance da súa enfermidade. Serán as páxinas do xornal coruñés El Ideal Gallego onde Cebreiro atope acubillo para o seu humor e, ao tempo, para a súa sobrevivencia, ducias de colaboracións e as únicas en galego, debuxos que non podían sortear o control da censura, de aí que optase por non comentar a actualidade, con textos moi xenéricos e máis semellantes á súa etapa en Vida Gallega. Non estaba o forno para outros bolos.

Ao tempo vai colaborar nalgunhas revistas, como Atlántida, ou vai ser nomeado académico correspondente de Belas Artes, que na súa persoa tamén vai significar o recoñecemento da ilustración pola academia. mais xa se atopa moi enfermo e emprende a tarefa de tentar ir preparando a recolleita da súa obra. Algún deses proxectos chegará xa tarde como o libro póstumo intitulado Dibuxos de Cebreiro.

Os últimos capítulos desta amena biografía tratan de “debuxar” o seu carácter e a súa personalidade recollendo diversos testemuños documentados, como Otero Pedrayo ou Seoane, así como as súas opinións sobre a arte, para rematar cunha serie de consideracións sobre a actualidade de Cebreiro e da súa obra e, sobre todo, dar conta de publicacións ou recoñecementos públicos (tampouco sobrancean) destes últimos anos.

Os inventarios da súa obra e Cebreiro visto por outros artistas así como a nota do seu epistolario, fundamental na elaboración desta biografía e que coidou a súa familia, poñen remate a este longo traballo de investigación que Torres Regueiro soubo dispoñer con amenidade para a lectura e que merece ser coñecido. E se isto non fose de abondo o volume reproduce por ducias as ilustracións e as pinturas do artista.

Esta entrada foi publicada en Arte, Biografía, Estudos literarios, Poesía, Recensións. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta