Artigo en QPC (XC): O disparate de facer do Monte Pindo un couto pechado

Veño de publicar unha nova colaboración en QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, desta volta para criticar o desleixo do principal roteiro circular do Monte Pindo. Velaquí o texto que tamén se pode ler nesta ligazón.

O disparate de facer do Monte Pindo un couto pechado

“… a catedral de Santiago está orientada de tal xeito que de trazarmos unha liña recta entre ela e Fisterra quedaría na mesma o Pindo. Aínda que todo el está cheo de pegadas, hai tres lugares que son especialmente rechamantes: O Alto da Moa, o Castelo Penafiel e a Casa de Xoana…”

Dicionario dos seres míticos galegos (1999). Cuba Rodríguez, Xoán Ramiro; Miranda Ruíz, Xosé e Reigosa, Antonio. Vigo: Xerais. Páx. 165.

Este verán está a ser noticia que, coma denunciou a entidade Monte Pindo Parque Natural, o goberno municipal do concello de Carnota quere pechar o roteiro circular que arrinca e remata na aldea do Fieiro despois de coroar a ascensión até A Moa e procurar despois o camiño da Cova ou Casa da Xoana e o denominado Castelo de Penafiel.

Desde a miña longa experiencia persoal como camiñante por sendas naturais de Asturias, Cantabria e norte de Portugal, nomeadamente aínda que non só, non podo entender por máis voltas que lle dea na cabeza ese disparate de facer do Monte Pindo un couto pechado.

Levo anos a facer ese roteiro circular e a acompañar xente doutras terras en andainas por ese privilexiado espazo natural que temos e xa a última vez fíxenlle chegar ao amigo Xilberto Caamaño Beiro, presidente de Monte Pindo Parque Natural, a miña preocupación polo estado intransitable e de absoluto abandono dese camiño.

Non podo entender que isto que noutros lugares sería a xoia da coroa non se contemple como un recurso patrimonial que cómpre coidar e aloumiñar, porque os lugares tamén falan de Nós, da nosa historia, da nosa vivencia no territorio.

Como xa contei aquí, un artigo de Xaime Illa Couto lembra como en 1936, antes da guerra, varios membros do Seminario de Estudos Galegos, entre eles o xeógrafo e escritor Ramón Otero Pedrayo, estiveron en Penafiel e hoxe en día non lles sería aconsellable a xeira de traballo que daquela tiveran que interromper por unha forte treboada:

«Mientras que los miembros de la sección de Psicotecnia trabajaban en las escuelas de Ameixenda y Brens, los miembros de las demás secciones escalaron el Monte Pindo. Los resultados de esta difícil exploración no fueron tan completos como sería de esperar porque el temporal del miércoles sorprendió a los miembros del Seminario en los picos de Penafiel y les obligó a suspender sus trabajos. Sin embargo, la exploración ha tenido un gran interés y el monte Pindo justificaría hoy por sí solo una campaña de investigaciones».

En 2015 coordinei, xunto a Xoán Carlos Rodríguez Pérez, para o CAFI (Centro Autonómico de Formación e Investigación) o “Roteiro O Monte Pindo na poesía galega” dirixido ao noso profesorado que, diante da grande expectación suscitada, desenvolveuse en dúas datas. Co asesoramento impagable de Xilberto Caamaño Beiro, o 26 de setembro de 2015 fixemos ese roteiro circular con 40 profesoras e profesores matriculados, aos que se engadiron algúns achegados, e un mes despois, o 24 de outubro, foron 50 as e os discentes e algúns achegados máis.

Esa experiencia, moi ben valorada polo profesorado nas enquisas das xornadas, serviu para que logo varios organizasen en diferentes datas saídas didácticas co seu alumnado nesta contorna. Eu propio, en colaboración co departamento de Educación Física do centro no que traballo, CPI Viaño Pequeno (Trazo), argallei a final dese curso ese mesmo roteiro con tres ducias dos nosos discentes, que xa nunca esquecerán esta saída escolar. E se hai alguén que poida pensar que iso non lle achega nada ao pobo de Carnota, direilles que ese alumnado ficou a facer noite nun albergue de Lira e contratou con guías locais unha serie de actividades acuáticas e ribeirás ao día seguinte.

É unha mágoa, porque Carnota está na moda para os visitantes, tamén para as e os que procuran o encontro coa natureza, que non se destinen recursos humanos e económicos para a limpeza e reposición da sinalización no roteiro máis fermoso e completo dos que percorren o Monte Pindo.

E dóeme de maneira especial porque coñecín o actual alcalde de Carnota na época de estudarmos no vello Instituto de Bacharelato de Cee, aínda non era o actual IES “Agra de Raíces”, e presupoñía que Moma, así era para nós, tiña outra sensibilidade da que semella lonxe e iso que nunhas declaracións a este medio enchía a boca a falar de novos proxectos para este espazo natural.

Pois non, Monte Pindo xa figura na listaxe negra do noso patrimonio natural. Non é un caso único, na miña longa experiencia por roteiros homologados PRG ou sen homologar teño atopado sendas que se fixeron cunha subvención dos programas europeos para o rural e que non se coidaron e hoxe están impracticables, pola contra outros concellos nos territorios que antes mencionei coidan o seu patrimonio, as sendas son limpadas e postas en valor todos os anos antes do verán.

Por lembrar tan só as últimas que fixen non hai moito, nos municipios de Arcos de Valdevez, Melgaço ou Monçao, ningún dos “trilhos” que percorremos estaba en situación de abandono e é unha das opcións que recomendan nas súas “Lojas interactivas de Turismo”, e o mesmo atopamos con anterioridade en concellos asturianos e cántabros con percorridos naturais.

É a diferenza entre administracións sensibles ou insensibles. É a diferenza entre cultura e desleixo.

Esta entrada foi publicada en Estudos literarios, Poesía, Roteiros, Xornadas. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta