Recensión a Clave de bóveda, de Manuel Álvarez Torneiro, en Grial 230

No último número, 230 (abril, maio e xuño do 2021) de Grial. Revista Galega de Cultura, que desde hai días xa anda polas librarías, e tamén se pode adquirir desde a propia páxina da Editorial Galaxia, asino na habitual sección intitulada «O espello das letras» un texto intitulado «Un pasal máis do macrotexto», coa recensión ao poemario Clave de bóveda, de Manuel Álvarez Torneiro, editado por Faktoría K de Libros Kalandraka, na colección de poesía «Tambo» que dirixe Luís Rei Núñez.

Este número 230 centra os seus contidos na análise «Emilia Pardo Bazán e a deconstrución das categorías de xénero», cuxa introdución asina María López Sández, para introducir os artigos «Aleitar como gozo e como perda. “La Corpana” e as amas de leite en Emilia Pardo Bazán», de Marilar Aleixandre; «Temas e variacións. As mulleres en conflito en oito contos de Emilia Pardo Bazán», de Eva Acosta e «Desfacer o xénero. A xenealoxía espuria de Gaspar de Montenegro», de Álex Alonso Nogueira.

Na sección «Temas do noso tempo» aparece o artigo «A insoportable discriminación das mulleres na Igrexa católica romana» de Christina Moreira Vázquez. Na sección «Historia e memoria» publícase o artigo «Xosé Ramón Reboiras Noia. Memoria e reflexión», de Darío Xohán Cabana e «¿Aínda se pode aprender o futuro nas ensinanzas do pasado? Notas a propósito dunha investigación sobre os exilios da Guerra Civil», que asina Pablo García Martínez.

E na sección intitulada «Artes» o texto «O graffiti e o “hackeo” do espazo público», de Xesús Fraga. A seguir na sección «Documentos» eu propio asino a achega «Dez cartas de Gonzalo López Abente aos irmáns Villar Ponte».

Alén diso, neste novo número, as páxinas de creación narrativa traen a colaboración de Xoaquín Fernández Leiceaga, e a poética uns textos inéditos da autoría de Marta Dacosta.

As habituais recensións literarias da sección «O espello das letras» complétanse cos artigos «As mañás novas e neboadas da poesía de Xela Arias: 1982-1984», de María Xesús Nogueira; «Denuncias do equilibro», de Francisco Cidrás; «Para descubrir a Celso Emilio Ferreiro. Birimbao. Poemas de mí para ti (1937-1939) II», que asina Xosé Manuel Dasilva e «As orixes da literatura de ficción científica en Galicia», da autoría de Francisco Díaz-Fierros Viqueira.

Na sección «Crónica» o texto «Carta de Napoli. Unha cidade a lévedo lento», de Xavier Queipo.

Deseguida a sección de «Artes visuais e escénicas» co texto «“As toupas” da posguerra no último cinema español. Revisións desde a memoria ao imaxinario común», de Yolanda López López.

A maiores na sección «Feminismos» escriben Chis Oliveira Malvar / Amada Traba Díaz sobre «A influencia do imaxinario sexual pornográfico» e Tereixa Paz Franco sobre «Pornografía ou… que?».

Pechan o volume a sección de «Música» co texto «Chicharrón. Faíscas de inspiración. O camiño cara á creación», de Alberto M. Vecino / Rubén Domínguez-Pérez; a sección «Debates» coa achega «Ut sementem feceris, ita metes. Exculpatio ou realidade galega?», de Serxio María Rodríguez Álvarez, e finalmente o obituario «Alfonso Paz-Andrade, unha herdanza mellorada» que asina Ramón Villares.

Velaquí o contido da miña recensión.

Un pasal máis do macrotexto

Clave de bóveda

Manuel Álvarez Torneiro

Faktoría K de Libros Kalandraka, 2020. 106 páxinas

A fonda amizade entre o poeta Manuel Álvarez Torneiro (A Coruña, 1932-2019) e a crítica literaria Teresa Seara facía sempre posible que esta fose a primeira lectora e sutil correctora dos seus manuscritos poéticos e desta volta, como se explica no seu Prólogo intitulado «Foi a memoria como unha luz», tamén testamentaria do seu derradeiro libro de poemas, rematado por volta de 2016 e que sae do prelo con carácter póstumo no remate de 2020 na prestixiosa colección Tambo, dirixida polo escritor Luís Rei Núñez. Foi moi fiel Álvarez Torneiro a esta colección pois nela foron publicados os seus cinco últimos libros, dous cando aínda era dependente da área de cultura da Deputación de Pontevedra, Setembro Stradivarius (2004) e Parábola do incrédulo (2006) e tres xa na nova casa de Kalandraka, Os ángulos da brasa (2012. Premio Nacional de Poesía 2013), Onde nunca é mañá (2014) e Clave de bóveda (2020).

As persoas lectoras que seguisen a traxectoria de Álvarez Torneiro observarán, sen dúbida, que este libro póstumo traza unha liña continua a respecto da súa obra anterior, pois o poeta coruñés amosa unha innegable cohesión ou unidade de maneira que se poderían ler estes 51 poemas mesturados con outros máis ou menos recentes para nos decatarmos das súas sinerxias compositivas e temáticas. Non hai moitos poetas na nosa literatura nos que a “macroobra” ou o “macrotexto” sexa tan evidente para nos ofrecer unha lectura que venza as lindeiras de cada título.

Do punto de vista formal velaquí novamente o Álvarez Torneiro de oficio, con excelente dominio da métrica, na que sobrancean os heptasílabos (ás veces dobres en alexandrinos) e os hendecasílabos, mais tamén na recorrencia ás estruturas paralelísticas ou á figura retórica da enumeración. Unha concepción clasicista do estro poético, con elementos expresivos que herda dos seus referentes literarios, nunca ocultos e reiterados (Shakespeare, Rilke, Poe, Ezra Pound, Whitman), nos que a maior achega provén da literatura hispánica (Neruda en varias ocasións, Frei Luís de León, Vallejo), tamén das fontes clásicas (Virxilio, a Xénese) e mesmo filosóficas (Cioran, Wittgenstein), musicais (Beethoven, Verdi, Bach, Vivaldi, Schubert) ou pictóricas (Patinir, Chagall, Vermeer, Van Gogh, Brueghel, Klimt), que lle achegan cromatismos aos poemas, neste libro póstumo e tamén nos precedentes.

E do punto de vista temático tamén reitera lugares comúns da súa obra e da literatura universal. Porén, en Clave de bóveda o tópico literario do tempus fugit medra até a súa máxima expresión, se callar pola consciencia da voz poética da inexorabilidade do transcorrer da existencia, agoirando a propia desaparición, velaí a presenza intuitiva da morte. “Que fago aquí inmóbil, recordando, / cerrando os ollos para ver máis claro“.

A resposta desa voz poética está no exercicio da memoria, quer individual quer colectiva, que xa se manifesta desde os versos que principian o libro (“Vés de lonxe, regresas / das contendas do mundo, / dos pais primeiros / sobre as vellas pegadas.“).

Esta introspección memorialística permite regresar aos tempos afastados da infancia e a mocidade en varios dos poemas, con evocacións dos soños con Perrault e as fábulas de Esopo, dos escaparates de Walt Disney (unha imaxe que reitera), do pallaso Charlie Rivel ou das tardes de cinema (Marylin Monroe). De maneira fulcral naquel que empeza co verso “Recorda como eramos“, unha dura e fermosa crónica da posguerra que remata “Os feridos na guerra / que deu nome a estas rúas“, ou naquel “Os nenos perseguían” con versos de homenaxe “Nunca faltaron nais de amor e entrega, / de tear e enfermaría, / nin as mestras de loito que aínda amamos“, e outros máis onde achamos o Álvarez Torneiro máis insurrecto e combativo contra a herdanza que deixou unha época escura.

Esa recordación da mocidade tamén devén moi gozosa, poñamos por caso o poema que se abre con “Entre mazás vermellas e libros de solfexo” onde aparece o relato dunha masturbación, da expresión do desexo prohibido. Porén, canda estas lembranzas tamén podemos atopar en moitas ocasións as vivencias do erotismo na vellez, dunha maneira especial nesoutro poema que principia “Envellece ao meu lado“.

Non falta tampouco a metapoesía, con algunhas referencias ao proceso creativo como cando fala de “pulir hendecasílabos” ou “luces visionarias / transmigrando ao meu canto” ou “As historias máis vellas / son escritas agora / sobre esta mesa…“, mais tamén á súa recepción, evidenciando ás veces a soidade do poeta fronte a persoas que “rexeitan o poema que nunca é pan do día“, até realizar todo un tratado poético no texto que se inicia con “Agora cérralles a porta aos poetas / que creron ser deuses“, onde despreza a pretensiosidade e a banalidade mentres defende a humildade da (propia) escrita.

Resulta curioso que unha boa parte dos poemas memorialísticos teñen unha presenza constante da chuvia, semella que ese tempo de recollemento é o máis produtivo e acada a súa maior expresión no magnífico poema “Vexo chover cerimoniosamente“, con alusión literaria ao Macondo de García Márquez, no que o ritmo e a musicalidade e a precisión no uso da lingua, marcas de auga do noso poeta, chegan ao seu cénit.

En definitiva, con este libro de Manuel Álvarez Torneiro cruzamos un máis dos pasais que nos axudan a cruzar o río da súa memoria, que é persoal mais que tamén o é colectiva. E despois de gozar da lectura, cumpría que se fose pensando en compilar a súa poesía galega completa, 15 títulos, pois xa fica lonxe aquela escolla Os reinos do fulgor. Antoloxía esencial (1982-2002), que vira a luz nese último ano.

Esta entrada foi publicada en Poesía, Recensións. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta