Artigo en QPC (LXXXI): Manuel Rodríguez Louro «Marrolas», do Monte Pindo a Mauthausen

Veño de publicar unha nova colaboración en QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, desta volta unha recensión da breve monografía Manuel Rodríguez Louro. Do Monte Pindo a Mauthausen, da autoría de Francisco «Chisco» Fernández Naval. Velaquí o texto que tamén se pode ler nesta ligazón.

Manuel Rodríguez Louro «Marrolas», do Monte Pindo a Mauthausen

Hai un ano e medio no artigo intitulado «A lembranza de trece homes da Costa da Morte nos campos de concentración nazis» reivindicamos que as institucións tiñan moitas débedas coa súa veciñanza asasinada polo seu ideario antifascista e que moitos concellos costeiros estaban na obriga de conmemorar sempre o «Día Internacional de Conmemoración en Memoria das Vítimas do Holocausto», data escollida porque o día 27 de xaneiro de 1945 as tropas soviéticas liberaron o campo de concentración de Auschwitz.

Pouco a pouco, moito máis devagar do que é preciso, chegan as homenaxes ás vítimas do denominado «holocausto», termo adoito relacionado só co xenocidio xudeu, porén hai que lembrar que tamén foron vítimas moitas persoas republicanas progresistas, anarquistas, comunistas, socialistas, homosexuais, ciganos, testemuñas de Xehová, cidadáns polacos e soviéticos… que morreron asasinados a mans dos seus vitimarios nazis.

A activa ARMH (Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica), co apoio editorial da Deputación da Coruña e co apoio material do Concello de Dumbría na xornada do seu lanzamento, vén de publicar e presentar a breve monografía Manuel Rodríguez Louro. Do Monte Pindo a Mauthausen, da autoría de Francisco «Chisco» Fernández Naval.
O breviario, de 38 páxinas, compila toda a información coñecida até hoxe, con algunhas novidades substanciosas, sobre as intricadas peripecias que viviu e sobre todo sufriu o dumbriés Manuel Rodríguez Louro, alcumado «Marrolas», até o intre de ser gaseado no castelo de Hartheim con tan só 25 anos.

Un breve limiar de Carmen García Rodeja, da ARMH, serve de pórtico á pulsión emotiva da escrita de «Chisco» Fernández Naval, quen nas primeiras páxinas relata a infancia e a mocidade de dous irmáns mariñeiros de Dumbría, Manuel e Joaquín Rodríguez Louro, filiados do sindicato anarquista CNT, dominante no gremio do mar coruñés, mais de ideoloxía próxima ao Partido Comunista, que en opinión de historiadores como Bernardo Máiz ou Dionisio Pereira non era unha contradición naquela época.

Coa sublevación franquista estes dous mozos figuran entre os arredor de douscentos mozos que se agocharon nas covas entre os penedos do Monte Pindo ou Pedregal. «Chisco» Fernández Naval recolle datos ao respecto tirados de lecturas previas, como os libros do historiador local Barreiro Barral ou a ficción novelada Escapado, de Luís Lamela, mais tamén das súas propias entrevistas a algúns fuxidos e á súa rede familiar ou de afectos e de testemuños orais doutros protagonistas recollidos por Xilberto Caamaño, presidente de Monte Pindo Parque Natural. Toda esta compilación revélase fundamental para coñecermos a dureza do refuxio do Pedregal, mais aínda coa proximidade do inverno, así como o precario e efectivo sistema de comunicación entre os fuxidos e os seus familiares.

De feito, esa dureza da invernía e o estreitamento do cerco por parte das autoridades franquistas inducen o episodio que se relata nas seguintes páxinas, a fuxida dun grupo de mozos no barco AS (nome das inciais do seu propietario Antonio Sel), que abordaron na illa Lobeira Grande e que os levaría, en épica navegación, até o porto de Bristol, como documenta a fotografía de portada do xornal local Evening World, onde aparecen cos puños ergueitos. A denegación de asilo por parte das autoridades británicas fai que sexan repatriados á zona aínda republicana de Cataluña e aló toman diferentes camiños. «Chisco» Fernández Naval teima en reconstruír a peripecia de cada un daqueles fuxidos, aínda que non sempre con éxito por mor da ausencia de referencias.

A derrota republicana fará que moitos sexan confinados en campos de concentración en Francia. Porén, os dous irmáns mariñeiros de Dumbría, Manuel e Joaquín Rodríguez Louro, tamén van separar axiña os seus destinos. Con mellor sorte, Joaquín embarca no mítico Winnipeg, que grazas ás xestións do poeta Pablo Neruda, permitiu o exilio a Chile de centos de persoas, militantes ou simpatizantes comunistas na súa maioría. Manuel ou «Marrolas», logo da súa reclusión no campo de concentración de Argelès-sur-Mer e de poder enviar unha carta á familia, que serve de hipótese para fundamentar que puidera estar na batalla de Dunkerque (1940), aínda que os testemuños documentais amosan un baleiro até o seu ingreso o 25 de xaneiro de 1941 no campo de concentración de Mauthausen, onde pasou facer parte co fatídico número 4148. De aí a Gusen, dependente do anterior e onde houbo tres campos de traballo e de exterminio, aínda que a maioría dos condenados a morte eran gaseados nas instalacións do castelo de Hartheim, onde finou Manuel Rodríguez Louro o 16 de setembro de 1941.

A rigorosa compilación e a investigación de Francisco «Chisco» Fernández Naval remata da mesma maneira que principiara, cos versos do poema «Escapados do Pedregal» do poeta de Caldebarcos, Xan da Centola, antes de que a anotación final dos familiares de Manuel Rodríguez Louro e a bibliografía poñan remate a este traballo, que foi acompañado polas fotografías de Maribel Longueira dos espazos vitais, a imaxe de Manuel tirada do Proxecto Interuniversitario «Nomes e Voces», coordinado polo catedrático da USC Lourenzo Fernández Prieto, en propia definición «un espazo deseñado para facilitar o acceso á investigación da Historia actual especializada en información sobre a guerra civil e a represión franquista en Galicia», así como tamén de diversa documentación histórica que se reproduce de xeito facsimilar. A maiores, como engadido, o libro inclúe unha montaxe fotográfica familiar que chegou desde Venezuela, xa rematada a impresión, onde reside o máis novo de todos os irmáns.

Non son moitas páxinas de lectura, mais cada parágrafo recende a memoria histórica e a emotiva lembranza dos nosos. Noutros países, noutras latitudes, sería material abondo para redimensionar este excelente traballo coa filmación dun documentario ou dunha película de ficción, porque a resistencia antifascista tamén falou galego e tamén falou co acento ou sotaque da Costa da Morte.

(A imaxe de Manuel Rodríguez Louro tirada do Proxecto Interuniversitario «Nomes e Voces»)

Esta entrada foi publicada en Biografía, Historia, Política, Recensións. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta