Artigo en QPC (LXXX): No centenario da versión francesa de Philéas Lebesgue do poema «O carreteiro» de Gonzalo López Abente

Veño de publicar unha nova colaboración en QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, desta volta para lembrarmos a primeira tradución ao francés dun poema de Gonzalo López Abente. Velaquí o texto que tamén se pode ler nesta ligazón.

No centenario da versión francesa de Philéas Lebesgue do poema «O carreteiro» de Gonzalo López Abente

Hai un cuartel de século, no meu primeiro achegamento crítico á lírica do vate muxián coa edición da Antoloxía poética de Gonzalo López Abente, publicada por Espiral Maior en 1995, co subsidio co concello de Muxía, reproducía un poema seu que foi traducido ao francés: “O carreteiro” (Le Charretier). Pertence ao seu segundo libro Alento da raza (1917), que foi imprimido por Xan Pérez Torres, sen indicación da data. Méndez Ferrín na súa obra De Pondal a Novoneyra (1984) sinalaba o ano 1918 con interrogante, porén A Nosa Terra xa publica unha breve recensión na sección “Follas Novas” o 30 de xuño do 1917 e O Tío Marcos da Portela tamén o fai no “Parrafeo” núm. 10, do 7 de xullo do 1917.

Pois ben, fixo agora cen anos, en xullo de 1920, o escritor francés (tamén poeta) Philéas Lebesgue publicou unha versión do poema “O carreteiro” no seu artigo “Poètes de la Galice”, aparecido en Les Tablettes, Boletín mensual de Saint Raphael-Vas (Foi reproducido por A Nosa Terra, Nós e Rexurdimento), que tamén engadían parte da súa anotación: «López Abente, o autor punzante de Alento da Raza, canta nun modo máis grave, pero que semella espontáneo. Ninguén polo demais soupo millor traducire a vida fonda da raza nos seus xestos cotidiáns e casar as almas ca paixón».

Persoalmente, tentei localizar durante anos o artigo orixinal de Philéas Lebesgue e hai por volta de cinco anos o labor de dixitalización da magnífica Hemeroteca Dixital da Biblioteca Nacional de Francia fixo, por fin, que me fose posible chegar até ese documento. Así o testemuñan as imaxes que acompañan esta anotación e que reproducen de xeito fragmentario o orixinal do artigo sobre a poesía galega na época do muxián Gonzalo López Abente, que fan parte da publicación orixinal en francés Les Tablettes, Boletín mensual de Saint Raphaël-Vas, do número de xullo de 1920, onde o artigo «Poètes de Galice» de Phileas Lebesgue ocupaba as páxinas 81-85, das dúas últimas son estes dous fragmentos.

Reproduzo novamente o texto, agora corrixindo algunha gralla anterior, e co parágrafo co que o presenta, primeiro en francés e logo na nosa lingua. Velaí:

Lopez Abente, l’auteur poignant d’Alento da Rasa chante sur un mode plus grave, mais que semble moins spontané. Nul, toutefois, n’a su mieux traduire la vie profonde de la race dans ses gestes quotidiens et marier les ámes au paysage. Ses rares qualités d’artiste sont des plus hautes. Un fragment permettra d’en juger, dans la mesure où le traducteur bénévole aura réussí à ne pas trahir trop grossièrement le poête:

LE CHARRETIER

Les pins de la montagne livrent aux vents
de lentes chansons,
brodées de plaintes et de gémissements
par les soirs de brume.

Dans le réseau subtil de la rosée menue
un arc-en-ciel irise ses couleurs,
et, sur les rameaux dépouillés d’un chêne
un corbeau noir chante ses amours.

Les ajoncs sauvages bruissent en agitant
les dards aigus
de leurs sombres frocs, et leurs plaintes dolentes
s’envolent sur l’aile des échos.

Le liquide cristal émaillé de blanche écume
se précipite par bonds sonores
du haut de la cime géante,
et serpente comme une couleuvre d’argent.

Par le sentier qui fait briller la blancheur des pierres
un lourd chariot s’avance,
en faisant grincer ses essieux,
et le voilà qui tout à coup s’embourbe dans la glaise.

Comme une statue, le jeune charretier
se tient debout devant les boeufs:
ou dirait un guerrier
que les brumes enveloppent de leurs tissus:

D’un bras vigoureux et calme,
il fait jouer l’aiguillon de côté et d’autre;
à la façon d’un dieu du ciel
il part; les boeufs tirent et le chariot s’en va.

(Versión de Phileas Lebesgue)

López Abente, o conmovedor autor de Alento da Raza canta nun modo máis grave, mais que semella menos espontáneo. Ninguén, así e todo, logrou reflectir mellor a vida profunda da raza nos seus acenos cotiáns e casar as almas coa paisaxe. As súas raras calidades de artista son máis altas. Un fragmento volo dirá, se o coidado que o benévolo tradutor acadou non fixo traizoar demasiado asperamente ao poeta:

O CARRETEIRO

Os pinos montañeses dan aos ventos
cantigas vagorosas,
bordadas con queixumes e lamentos
nas tardes bretemosas.

No texido sutil do miúdo orballo
luce o arco da vella as súas cores,
e nas despidas pólas dun carballo
un negro corvo canta os seus amores.

Fungan os toxos feros remexendo
os aguillóns firentes
dos seus hábitos pardos, e, correndo
nas aas dos ecos, marchan súas queixas doentes.

O líquido cristal que a branca escuma esmalta,
da doira resoante,
coma serpe de prata corre e salta
despedido do cume do petouto xigante.

Pola senda que brila coa brancura dos seixos,
vai un pesado carro
de cantadores eixos,
que se atasca de súpeto no barro.

Coma unha estatua, o mozo carreteiro
parado queda diante os bois marelos:
Asomella a un guerreiro
que as brétemas envolven cos seus velos.

Con brazo forte e ademán sereo
move a aguillada dunha noutra banda,
e o mesmo que se fora un dios do ceo
fala, tiran os bois, e o carro anda.

Esta entrada foi publicada en Efemérides, Estudos literarios, Poesía, Versións ou traducións. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta