Recensión á edición conmemorativa de Estirpe, de Xosé Luís Méndez Ferrín, en Grial 225-226

E tamén nese último número, desta volta dobre 225-226 (xaneiro, febreiro, marzo e abril, maio, xuño do 2020) de Grial. Revista Galega de Cultura, na sección intitulada «O espello das letras», aínda publico outra recensión sobre a edición conmemorativa de Estirpe, de Xosé Luís Méndez Ferrín no seu XXV aniversario.

Unha atinada edición non venal e conmemorativa

Estirpe
X. L. Méndez Ferrín
Xerais Poesía, 2019, 144 páxinas

O colofón é ben ilustrativo do obxectivo que se pretendía, xa que sinala “Esta edición conmemorativa do libro Estirpe de X. L. Méndez Ferrín fíxose por iniciativa do Concello de Redondela, mostra do compromiso coa lingua e a literatura de Galicia, e rematouse de imprentar en xuño de 2019 ao cumprirse vinte e cinco anos da súa primeira publicación”.

E de inicio unha breve Dedicatoria do poeta corrobora ese compromiso da corporación municipal redondelá da que salienta que “foi avanzado na instauración da lingua galega nos ámbitos administrativos que lle son propios, co cal serviu de modelo a toda Galicia”. En efecto, así foi desde a primeira corporación democrática en 1979 que situou como alcalde a Xaime Rei, quen o había ser durante varias décadas primeiro con Unidade Galega e axiña co PSdeG-PSOE. Cabo súa nese labor de promoción e protección da nosa lingua foi fundamental a achega de persoas como Xosé González Martínez, fundador da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, quen fora durante vinte anos técnico do SNL municipal.

E ao seu sucesor nesa angueira desde 2017, o investigador literario Xurxo Martínez González, débeselle apoñer toda a responsabilidade e todo o acerto desta homenaxe ferriniana que levou aos habitantes de Redondela a dispoñeren da reedición de Estirpe. Non se trata dunha reimpresión daquel fermoso artefacto literario que publicara Xerais, un libro de gran formato con debuxos de Gonzalo Araúxo, senón dunha reedición que pasa a integrar a actual colección de Poesía, similar a esta no deseño, aínda que sexa un título que apareza sen numeración, se callar por se tratar dunha edición non venal.

A recepción crítica de Estirpe na altura da súa primeira publicación foi a de considerar esta obra de solidez, despois de varios anos de silencio lírico desde O fin dun canto (1982), coma unha das máis importantes do seu autor e un dos cumios da poesía galega do século XX, salientando o seu discurso literario épico e mítico, como alicerces da construción nacional do pobo galego. Alén diso, recibiu o Premio Nacional da Crítica que concede a Asociación de Críticos de España á mellor obra de poesía publicada nese ano en calquera das linguas do estado español; foi finalista do Premio Nacional de Literatura convocado polo Ministerio de Cultura e, no noso ámbito, recibiu tamén na modalidade de creación literaria o Premio Losada Diéguez que convocan os Concellos de Boborás e O Carballiño e a Deputación de Ourense.

O finado e chorado historiador e escritor ourensán Marcos Valcárcel sintetizou de maneira moi axeitada a achega ferriniana ao salientar a súa vontade de entroncamento co universo mítico pondaliano, a prodixiosa reinvención da lingua, a poetización da paisaxe e, mesmo, certa estética vangardista.

Estirpe ten a peculiaridade de principiar co texto «Adicatoria», en inusual poema en catro linguas: inglés, francés, castelán e galego, no que o autor expresa o seu desexo de que o seu libro faga parte das bibliotecas de tres poetas amados: Seamus Heaney, Derek Walcott e Antonio Gamoneda. E tamén remata o libro con outro paratexto, o «Colofón», dedicado aos poetas Chus Pato e Xabier Cordal, en forma de poema épico que percorre a nación atlántica botando man de moitos topónimos significativos e moito léxico patrimonial, que son tamén declaración de principios: “Non esquenzas as verbas estirpe / que son morte pró estranxeiro opresor, elas nos lavan”.

«Estirpe» é a epígrafe do primeiro texto, estruturado en nove poemas onde sobrancean as voces dos ancestros e a propia configuración do territorio, mais tamén o simbolismo das serpes, dos cervos, dos cabalos, da espada e do labirinto, moitos destes signos xa recorrentes na obra ferriniana.

De resto, vinte poemas longos que poetizan momentos fulcrais da nosa propia historia como «Don García, Rei» ou «Prisciliano»; da prehistoria, como «Despedida ao Crasto Laboreiro» (nunha versión anterior Castro Leboreiro); da historia comteporánea, como «Pontevedra», onde lembra as vítimas da represión franquista, e das loitas emancipadoras, como «Irlanda» ou «Homenaxe a Fidel Castro», mais tamén da mitoloxía como «Perceval», expoñente do “ciclo artúrico” tamén reiterado na súa obra narrativa.

Porén, a contemplación dos tempos pretéritos non é só saudosa senón que serve como ferramenta para dialogar co noso presente histórico e cos grandes temas universais da poesía, como a dor ou a morte. Velaí como o diálogo con «Jerry Lee Lewis» serve para defender o corazón existencialista do noso poeta e a ofuscación do seu alter ego Heriberto Bens contra a estética dos mods.

Ou a metalileratura, tan omnipresente en todo o libro, mais que acada o seu cumio en «Quais des brumes», onde a nosa creación, Manuel Antonio, Ulysses Fingal (seudónimo do pintor Urbano Lugrís)… mestúrase con grandes voces universais, poñamos por caso Daniel Defoe, Arthur Gordon Pym, Stevenson, Conrad, Victor Hugo…

Mesmo un poema como «En las orillas del Sar», que remata coa citación literal dun verso rosaliano desa obra, serve para poetizar o tempus fugit, a mocidade perdida desde a saudade; outro como «Sorga» para falar do amor no ronsel de Petrarca e de René Char e outro como «Testamento do ghebo», como ten sinalado Anxo Angueira no seu artigo nun libro colectivo de homenaxe a Ferrín, faino referente inescusable no subxénero poético do testamento, xunto a outros poemas de Rosalía e de Pondal.

Como corolario, podemos botar man das propias palabras de Ferrín no inicio da «Autopoética» que antecedía a cinco poemas de Estirpe meses antes de que o libro vise a luz e que se publicou no Boletín Galego de Literatura, 7 (1992): «Eu son consciente de que estou escribindo unha obra nada máis en toda a miña vida. Para min existe un único relato acompañado de poemas que se está producindo dende o inicio da miña carreira literaria e, cando escribo, estou en relación con tódolos meus textos anteriores e cos dos outros autores. Quere dicir isto que no meu relato están tamén outros relatos e outros poemas que non son meus».

Esta entrada foi publicada en Historia, Poesía, Recensións. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta