Sorteo de dous exemplares asinados do relato O nariz de Fiz neste Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil

O día 2 de abril conmemórase o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil co fin de lembrar o nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen, autor prolífico de contos infantís (e non só). A mensaxe deste ano foi escrita polo poeta esloveno Peter Svetina, do que se non estou errado non hai obra traducida ao galego, mais si ao castelán, e ilustrado por Damijan Stepancic. A versión galega da mensaxe foi traducido por Héctor Cajaraville e pódese ler na páxina da OEPLI ou na de GALIX.

A mellor celebración é a lectura, polo que máis unha vez vou realizar outro sorteo de libros. Como promoción da lectura na nosa lingua e contra a crise que vai traer este longo confinamento (que tamén vai influír e moito no libro e na cultura galega), nesta ocasión vou realizar un sorteo de dous exemplares asinados da miña novela infanto-xuvenil, xa descatalogada, O nariz de Fiz (Deputación de Ourense, 2008), que recibiu o V Premio de Literatura Infantil e Xuvenil “Pura e Dora Vázquez”, convocado anualmente pola Deputación de Ourense, e que na súa publicación ilustrou a alacantina Lola Lorente. A pregunta vai ser aínda máis sinxela. Velaí:
BASES
O sorteo é internacional. Poderán participar persoas de todo o mundo que teñan interese pola literatura en lingua galega.
Pregunta
Para participar cómpre dar axeitada resposta á seguinte pregunta:
No relato chega á Vilancosta, lugar imaxinario, a compañia de teatro Talía para representar con monicreques unha obra de Ramón María del Valle-Inclán. Por que título é coñecida?
a) Zeralda e o dragón.
b) Dragona.
c) A cabeza do dragón.
d) Os ollos do dragón.
e) O nacemento do dragón.
Resposta
As respostas deben enviarse como comentario na propia anotación do blogue crebas.gal, nun chío coa palabra-chave ou hashtag #dragónValleInclán ou unha mensaxe directa dirixidos á conta de twitter @MiroVillar indicando un enderezo de contacto.
Premios
Dous exemplares de O nariz de Fiz sorteados entre todas as respostas que atinen. Cada exemplar levará a sinatura do autor e unha agarimosa dedicatoria especial para a persoa que o gañador ou gañadora sinale.
Prazo
Desde hoxe mesmo até as 23:59 do 14 de abril do 2020, conmemoración do nacemento da II República, que levou moito teatro ambulante ao rural. Boa sorte!

Esta entrada foi publicada en Efemérides, Infantil, Narrativa, Premios. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta