Recensión á biografía Rafael Dieste. O libre pensamento, de Luís Rei Núñez, en Grial 223

No último número, 223 (xullo, agosto, setembro do 2019) de Grial. Revista Galega de Cultura, que desde hai días xa anda polas librarías, e tamén se pode adquirir desde a propia páxina da Editorial Galaxia, asino na habitual sección intitulada «O espello das letras» un artigo intitulado « Dúas biografías: Castelao e Dieste», que xunta dúas recensións, a primeira sobre a obra Rafael Dieste. O libre pensamento, de Luís Rei Núñez, e a segunda sobre Castelao. Construtor da nación. Tomo I. 1886-1930, da autoría de Miguel Anxo Seixas Seoane.

Este número 223 xira arredor da homenaxe monográfica «Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda: camiños explorados», con media ducia de artigos inéditos da propia escritora que veñen introducidos polo artigo «Sobre a investigadora literaria Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda (1961-2018)», de Xesús Alonso Montero; deseguida os seis artigos intitulados «Lectura de Morgana en Esmelle (2012), de Begoña Caamaño. Proxección da Materia de Bretaña na literatura galega contemporánea (1939-2013)»; «Proposta de edición dos Seis poemas galegos a partir dos manuscritos»; «Rosalía de Castro, Galicia e os galegos en Eça de Queirós»; «Valle-Inclán, tradutor de Eça de Queirós, ou un aspecto do “galeguismo” de Valle-Inclán»; «Gabriel Aresti e as letras galegas» e «Víctor Said Armesto e Rosalía de Castro».

Na sección «Temas do noso tempo» aparecen os artigos «O conto da posverdade» de Carlos Fernández e sobre a mesma temática «Perspectiva histórica e socioeducativa das relações entre Portugal e Timor-Leste», de Ana Isabel Silva e «Situação sociolingüística em Timor-Leste», de João Carrilho Silva. Alén diso, neste novo número, as páxinas de creación poética son da autoría de Isaac Xubín e narrativa de Ana Cabaleiro.

Completan o número as habituais recensións literarias da sección «O espello das letras», na sección «Crónica» o texto «Carta de Moscova. Unha retirada a tempo», de Brais Suárez González.

E na sección «Historia e memoria» publícanse os textos «O Servicio Univdersitario del Trabajo (SUT). Concienciación social e política no eido universitario 1952-1968» que asina Xoán Anllo e «Identidades, diferenzas, estereotipos. Entre os galegos cotiáns e os galegos imaxinarios» de Fernando J. Devoto.

Pecha o volume na sección de «Fotografía e Artes Visuais» o texto asinado por Almudena Fernández Fariña «Unha ollada feminista arredor de Berta Cáccamo».

Velaquí a primeira parte da miña recensión:

Rafael Dieste. O libre pensamento

Luís Rei Núñez

Vigo: Xerais, 2019, 388 páxinas

O xornalista Luís Rei Núñez, na súa dilatada escrita literaria, ten unha especial querenza por desenvolver dunha ou doutra maneira aspectos biográficos de persoas que lle interesan pola empatía cos seus posicionamentos estéticos e/ou ideolóxicos. E esta determinación non só se fixo evidente nos seus ensaios, quer naquela primeira biografía de Rafael Dieste, A travesía dun século (Edicións do Castro, 1987), quer en Poetas Andantes Navegantes (1987), na que estudaba aspectos da vida ou da obra dunha notable serie de escritores (só unha escritora, Rosalía) e de artistas plásticos. Tamén se fixo patente na súa narrativa, en forma de biografías noveladas ou narrativas que se centraban en episodios biográficos, velaí O señor Lugrís e a negra sombra (2007) ou O encargo do señor Castelao (2016).

En boa parte, de os compararmos con atención, Rafael Dieste. O libre pensamento é unha reescrita, corrixida e acrecentada, máis de tres décadas despois, do volume A travesía dun século. Porén, o propio Rei Núñez sinala no «Ultílogo» que agora pretendeu unha biografía menos «autorizada» e moito máis completa. Sen o querer nesas páxinas finais en certa maneira o biógrafo vai confesar a súa identificación co escritor rianxeiro.

De feito, aquel punto de vista máis distante é unha das escasas perspectivas que se botan de menos nesta nova entrega. A outra é a decisión editorial de Xerais Crónica de prescindir das numerosas fotografías que acompañaban e axudaban a contextualizar o relato biográfico. Por sorte, ese criterio de economía non deixou fóra o sempre útil «Índice Onomástico».

Anna Caballé, responsable da Unitat d’Estudis Biográfics da Universitat de Barcelona e unha das máis importantes especialistas sobre a biografía e o canon biográfico, sinala no seu artigo «Los horizontes epistemológicos de la biografía» dous grandes patróns de obxectividade, o primeiro que non inclúe o coñecemento directo do suxeito biografado e o segundo que parte, pola contra, dese coñecemento, como é o caso de Luís Rei Núnez, e nestes caso Caballé aínda sinala outras dúas posibilidades, afastarse dos círculos de influencia do biografado ou beneficiarse da súa estreita colaboración ou da da súa contorna. E Rei Núñez confesa novamente no «Ultílogo» que a muller de Dieste, Carmen Muñoz, desde 1985 e en sucesivas conversas até 1987, puxo a súa memoria e o seu arquivo persoal ao servizo da súa investigación.

Se A travesía dun século dispuña de 13 capítulos, agora condénsase o material biográfico en tan só dez, de maior extensión “á luz dos moitos documentos que foron emerxendo das zonas de sombra”.

«Infancia en Rianxo contra 1900» e «O soldado que non tirou a medalla» non só detallan a infancia e a mocidade de Dieste senón que, con estilo literario, mesmo poético como na descrición da casa no segundo parágrafo, pretenden darnos a coñecer a vila mariñeira da época, a orixe xeográfica da estirpe familiar (das dúas posibles, italiana e flamenga, o biógrafo dá por boa a segunda), o seu temperán acceso á educación, propio da súa clase social acomodada, así como os seus anos composteláns ao se matricular na Escola Normal de Mestres e a súa primeira emigración a Tampico, onde principia a escribir relatos en castelán e a gañar premios literarios. En opinión de Rei Núñez aquí están os alicerces dunha prosa que o levará a compartir “futuro Olimpo contístico con Castelao, Cunqueiro e Fole”. Neste capítulo aínda hai vagar para a evocación da admiración por Vicente Risco e da súa amizade xuvenil co poeta Manuel Antonio, mais tamén das súas coñecidas desavinzas porque Dieste participa da guerra colonial no Protectorado de Marrocos.

«Primeiros libros» é un capítulo fulcral, que principia cando Dieste entra na redacción do xornal vigués Galicia, dirixido por Paz-Andrade, onde tamén vai publicar os seus contos nos «Domingos literarios», algúns deles recollidos máis tarde en Dos arquivos do trasno (1926), e despois de se afastar do devandito xornal axiña vai colaborar con outra cabeceira viguesa, El Pueblo Gallego.

Rei Núñez aproveita para facer historia do Vigo e da produtiva prensa desa década dos vinte, mais tamén da mingua na liberdade de expresión da ditadura primorriverista. O biógrafo torna en crítico literario para debullar cada un dos contos compilados por Dieste, así como a súa primeira recepción, e o mesmo sobre a obra teatral de ambientación mariñeira, A fiestra valdeira (1927), cuxa lectura servirá para o seu ingreso na sección de Artes e Letras do SEG.

Tamén para coñecermos con profusión de datos a amizade entre o escritor rianxeiro e o pintor cesureño Carlos Maside ou a súa primeira xeira londiniense, cabo do seu irmán e cónsul Eduardo, onde escribirá un primeiro Don Frontán en galego, publicado en castelán como Viaje y fin de Don Frontán, no selo da libraría Niké, ao coidado de Arturo Cuadrado e Luís Seoane. Dieste está en plenitude creativa, que se completa no relato biográfico cos testemuños do seu achegamento ideolóxico á esquerda nunha sociedade convulsa que venta a chegada da esperanza republicana.

«E chegou Carmen» amosa o fascinio do biógrafo pola personalidade da que foi compañeira de Dieste e o seu argumentario sobre a comuñón íntima da parella e a notable influencia dela. Porén o capítulo ábrese relatando a entrada do escritor nas Misións Pedagóxicas en 1932, despois de se entrevistar co seu presidente Cossío. É a época dos primeiros poemas de Dieste que han configurar Rojo farol amante e das numerosas misións rurais como a que percorre Galicia de agosto a decembro de 1933, e Rei Núñez describe a biblioteca, a arte e todas as achegas misioneiras, co teatro de marionetas, dos cristobitas, como función máis diesteana, tamén na produción textual que recollerá no futuro na súa obra dramática.

E o destino fai que en posteriores misións Carmen Muñoz Manzano acompañe a Dieste, e ao pintor Lugrís, co seu retablo polas aldeas, até casar cinco meses despois de se coñeceren. A viaxe europea como bolseiro para estudar teatro, primeiro a Bélxica e despois a París, fai que a parella se somerxa na efervescencia cultural e na bohemia, aínda que Dieste non perde o tempo e alén da memoria do seu traballo académico escribe ensaio.
De volta alternan estadías en Rianxo e Madrid mais xa se respira o ambiente de enfrontamento civil relatado no capítulo «A Hora de España». É o tempo da súa participación na Alianza de Intelectuais Antifascistas, coas súas discrepancias internas tan de seu nas esquerdas, mais sobre todo da súa enorme contribución á revista Hora de España, sen abandonar a creación teatral con obras de intervención social, como Nuevo retablo de las maravillas.

As cousas non marchan ben para a República e os Dieste rematan en Barcelona, onde Rafael vai situarse á fronte da revista Nova Galiza, e onde coincide coa delegación do PG. Rei Núñez testemuña que é nesta altura cando principia a usar o pseudónimo Félix Muriel, tan importante na súa obra. A maioría dos textos son de ton combativo, mais non esquece a contística nin o teatro.

«A forza curadora das cartas» serve para coñecermos os primeiros anos do exilio, que se abren coa separación de Carmen e Rafael, de aí a importancia de cultivar o xénero epistolar. Son magníficas as páxinas que relatan a intricada peripecia do exilio de Carmen e da súa procura do reencontro, para o que foi fundamental a intervención de Carlos Gurméndez pai. E axiña o exilio a Montevideo.

E en xullo de 1939 os Dieste chegan a Bos Aires. «Camarada Félix Muriel» relata a súa integración en todos os espazos republicanos e antifranquistas, acollidos polos seus parentes e coincidindo con Luís Seoane que chegara nos primeros meses da guerra e que lle encarga a Dieste diversos traballos para a editorial Emecé, como os dous primeiros títulos da colección poética Dorna: unha tradución do De catro a catro de Manuel Antonio e a segunda edición do seu Rojo farol amante.

Son anos de traballos para outras editoriais (Atlántida), de tertulias artísticas e políticas (no Tortoni) que o biógrafo relata con entusiasmo, e dun texto ben curioso e importante na súa obra «Tratados y confidencias de Félix Muriel», aparecido na revista De mar a mar, que dirixía Lorenzo Varela. Rei Núñez realiza unha encomiable esexese sobre esta creación diesteana que xa nunca abandonou o seu universo literario e habería dar lugar a Historias e invenciones de Félix Muriel. E por volta de 1945 regresa á literatura teatral revisitando obras anteriores que dará ao prelo en Atlántida, unha entrega que certifica a pulcritude e a reflexión metaliteraria de Dieste.

Non é menos interesante a nova estadía europea que se recolle en «Robinsóns en Cambridge… e mais despois» coa encarga do Museo Municipal de Montevideo de elaborar informes para posibles adquisicións pictóricas. Aquí coñecemos os Dieste máis artísticos que percorren as principais cidades italianas, mais tamén de novo Londres e outras cidades inglesas e outras urbes francesas dos Alpes marítimos. A estadía en Cambridge é ben importante porque serve para que Rafael desenvolva as súas preocupacións matemáticas, froito de moitas obras de ensaio posteriores, algunha delas publicada no tempo que viven na mexicana Monterrey.

«Bos Aires bis» trae o doloroso pasamento de seu irmán Eduardo, cónsul que tanto os axudara en momentos difíciles. Proseguen as investigacións matemáticas de Rafael, mais tamén lingüísticas como no manual Pequeña clave ortográfica. Porén, do noso punto de vista, a angueira máis importante desta época é a súa participación na Agrupación Galega de Universitarios, Escritores e Artistas (AGUEA) e nas súas accións galeguistas. Dieste mesmo chegará a dispensar aulas de galego. Mentres o epistolario permítelles a comunicación co denominado exilio interior, o núcleo dos intelectuais galaxios que os vai recibir en 1961 en Vigo.

O último capítulo «Deixando atrás tantos etcéteras» reelabora tamén dous epígrafes de A travesía dun século, se callar daquela máis significativos pois titulábanse «Das usuras do tempo á Academia» e «Ordea-la obra para zarpar» e son estes os dous episodios máis sobranceiros. Regresan a Rianxo, que Rei Núñez describe en contraposición ao Rianxo da infancia, e mentres Carmen é readmitida como inspectora educativa, Dieste publica en 1962 a segunda edición e definitiva de Dos arquivos do trasno, co engadido de doce contos recuperados, aínda que desde Galaxia teiman en que escriba unha nova obra na nosa lingua. Non o fai, segue a publicar en castelán. Isto non é óbice para a súa entrada na RAG, que Rei Núñez detalla desde unha primeira proposta até o seu nomeamento en xuño de 1967, feito que destacados autores (Francisco Pillado, Fole…) aproveitan para reivindicar a súa obra, aínda que o seu ingreso co discurso, aquí debullado, A vontade de estilo na fala popular, demórase até abril de 1971.

A reedición dos seus títulos principais sitúa a Dieste no momento en vida de maior recepción nos cenáculos literarios e no reducido público lector dos estertores franquistas, mais os primeiros anos da transición democrática provocan un redimensionamento da súa obra do que xa pouco vai gozar porque en 1981 fina, sen acreditar moito aínda na concreción da renacida Autonomía de Galicia.

Luís Rei Núñez achegounos documentos e datos novidosos para (re)escribir unha biografía amable e rigorosa, na que se mostra cativado polo biografado, un Dieste creador total, republicano e galeguista non nacionalista, vimbios cos que se identifica en boa maneira. Son máis de trinta anos de traballo, de relectura da súa obra e de ardua investigación. Ben merece a nosa estima lectora.

Esta entrada foi publicada en Biografía, Contos, Ensaio, Estudos literarios, Historia, Narrativa, Poesía, Recensións, Teatro. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta