Moita saúde, moita poesía e moita felicidade no 2020

“LINDO”*

Roubáronnos o vento pero aínda podemos
atravesar a vida con vogas e ceavogas
de remos, porque os brazos coñecen a afouteza
e ningunha tormenta rebenta o noso peito,
enorme de certezas, xigante de ilusión.

Estamos a piques de lle poñer o ramo a este ano que, coma adoito, mesturou momentos doces e outros amargos.

Escribiu o poeta Manuel Antonio no seu poema «Sos», do inmenso libro De catro a catro (1928) os versos Roubáronnos o sol (…) / Roubáronnos o vento (…). Este último tomeino de prestado para a miña propia reflexión no quinteto «Lindo» de Gameleiros (2002).

Nesta nosa vella nación milenaria perdura o abandono e o despoboamento do rural e a nosa cultura e a nosa lingua sofren agresións e o desleixo de quen ten o poder político para as subverter, como veñen de confirmar os estudos do Informe do Consello de Europa.

Ao tempo continúan en devalo as seculares conquistas dos nosos dereitos civís, democráticos e sociais e non se recoñece o exercicio do dereito de autodeterminación dos pobos.

Cómpre arrincarmos de raíz as malas herbas da inxustiza social, o machismo e a xenofobia.

E todos os desazos que houber teñen que mudar en azos para erguer a esperanza no futuro.

Moita saúde, moita poesía e moita felicidade neste 2020 que se achega para ti e a túa xente!

*E máis unha vez botei man dunha fotografía de Manuel Álvarez que acompaña ese poema do libro descatalogado Gameleiros (Xerais, 2002).

Esta entrada foi publicada en Efemérides, Fotografía, Poesía. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta