Sorteo de dous exemplares asinados do poemario Gameleiros, con fotografías de Manuel Álvarez

Se máis unha vez non vos tocou a lotaría do nadal, poderedes probar sorte coa nosa literatura.

Como promoción da lectura na nosa lingua (que ben a precisa), contra a crise (que o é tamén do libro), e para celebrarmos que esta bitácora leva xa 1343 anotacións desde que naceu (28 de xuño do 2011), vou realizar un sorteo de dous exemplares asinados do poemario Gameleiros (2002), con fotografías de Manuel Álvarez, en fermosa edición xa descatalogada por Xerais.

BASES
O sorteo é internacional. Poderán participar persoas de todo o mundo que teñan interese pola literatura en lingua galega.

Pregunta
Para participar cómpre dar axeitada resposta a esta sinxela pregunta:
«Lindo», un dos poemas de Gameleiros principia co verso de prestado Roubáronnos o vento. A quen lle debemos a súa autoría orixinal?

a) Álvaro Cunqueiro
b) Rosalía de Castro
c) Alexandre Nerium
d) Manuel Antonio
e) Rafa Vilar

Resposta
As respostas deben enviarse como comentario na propia anotación do blogue crebas.gal,
nun chío coa palabra-chave ou hashtag #LindoGameleiros
ou nunha mensaxe directa dirixida á conta de twitter @MiroVillar indicando un enderezo de contacto.

Premios
Dous exemplares asinados do poemario Gameleiros, con fotografías do guardés Manuel Álvarez, sorteados entre todas as respostas que atinen, que levará a sinatura do autor e unha agarimosa dedicatoria especial para a persoa que os gañadores ou as gañadoras sinalen.

Prazo
Desde hoxe mesmo até as 23:59 do cinco de xaneiro do 2020. Boa sorte!

Esta entrada foi publicada en Poesía, Premios. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta