Recensión a Samuel Eiján. Poesía reunida. Edición de Francisco Leira Castiñeira e Armando Requeixo, en Grial 222

No último número, 222 (abril, maio, xuño do 2019) de Grial. Revista Galega de Cultura, que desde hai días xa anda polas librarías, e tamén se pode adquirir desde a propia páxina da Editorial Galaxia, asino na habitual sección intitulada «O espello das letras» unha recensión intitulada «Un pináculo da nosa poesía ascética e relixiosa», para dar conta da obra Samuel Eiján. Poesía reunida. Edición de Francisco Leira Castiñeira e Armando Requeixo.

Por outra banda, este número 222 xira arredor do tema «Novas narrativas na historia da arte contemporánea», con artigos sobre a cuestión da autoría de Lourdes Méndez (sobre antropollxía feminista na arte), Germán Labrador Méndez (derredor dos gravados do canteiro José Meijón) e Rafael Sánchez-Mateos Paniagua (sobre a memoria colectiva das compostelás irmás Fandiño).

Na sección «Documentos» Xesús González Gómez recupera e traduce vatios textos de «Francisco Fernández del Riego na prensa catalanista durante a República». E na sección «Temas do noso tempo» aparece os artigos «A cuestión catalá na política española. Unha calella sen saída?» da autoría de Ramón Villares e «O nacionalismo como problema político. Reflexións sobre o problema catalán» asinado por Xacobe Bastida Freixedo.
Alén doutras recensións, completan este novo número, as páxinas de creación poética de Anxo Mena e narrativa de Ana Fontenla.

Na sección «Historia e memoria» publícanse os textos «Os galegos nos inicios da independencia arxentina. A asemblea do 22 de maio de 1810» que asina Xosé Ramón Barreiro Fernández e «El País de Pontevedra. Prensa provincialista no Rexurdimento» de Xurxo Martínez González.

Pechan este número na sección de «Ciencia e técnica» o artigo intitulado «Buratos negros: as zonas vedadas do Universo» que asina Jorge Mira Pérez; «Latexos de saudade no cinema» de Fernando Redondo Neira na sección de «Artes Visuais» e pecha o volume na sección de «Fotografía» o texto asinado por Francisco J. Leira Castiñeira «O Gabinete Fotográfico do Corpo de Exército de Galicia».

Velaquí a miña recensión ao completo:

Un pináculo da nosa poesía ascética e relixiosa

Samuel Eiján. Poesía reunida

Edición de Francisco Leira Castiñeira e Armando Requeixo

Santiago de Compostela: Provincia Franciscana de Santiago / Xunta de Galicia / Real Academia Galega, 2018, 510 páxinas

A sinerxia entre diferentes entidades e institucións non é habitual no noso sistema literario, porén na edición desta obra converxen tres, Provincia Franciscana de Santiago, Xunta de Galicia e Real Academia Galega, e a maiores colaboran tamén o Consello da Cultura Galega e o Museo do Pobo Galego, e aínda se podería engadir a pertenza dos editores literarios a outras dúas, pois Francisco Leira Castiñeira pertence ao Grupo de Investigación Histagra da USC e Armando Requeixo fai parte do Centro Ramón Piñeiro, así pois todo un acontecemento digno de anotar.

Samuel Eiján. Poesía reunida recupera toda a obra en galego do padre franciscano dos seus libros Mágoas. Versos gallegos (1902, cunha 2ª edición corrixida e aumentada de 1913), D’a-y-alma. Versos gallegos (1915) e Froliñas de San Francisco. Romanceiro seráfico-galicián (1926), así como os poemas galegos do apartado “En la lengua de mi tierra” que figuraban en Aleteos (1926), optando os editores pola sempre aconsellable edición diplomática que respecta os orixinais.

Fr. José Antonio Castiñeira Chouza, Ministro da Provincia Franciscana de Santiago, Valentín García Gómez, Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, e Víctor F. Freixanes, presidente da RAG, asinan os textos de presentación, o primeiro salientando o franciscanismo do poeta, o segundo incidindo na dificultade de acceso aos seus textos agora superada e o terceiro lembrando a nosa poesía relixiosa desde Saco Arce até Díaz Castro ou Antón Tovar e subliñando a súa vía para o coñecemento do alén.

As vinte e dúas páxinas do estudo introdutorio “Redescubrindo a Fraysel“, que asina o historiador Francisco Leira, iluminan o “Contexto sociopolítico e pensamento dun expoñente da poesía relixiosa galega do primeiro terzo do s. XX”, ao tempo que engaden importantes datos biográficos sobre o poeta que facía uso dun pseudónimo creado desde a súa condición de freire (“Fray”) e o acrónimo do seu nome. De vocación temperá, Samuel Eiján, nado en 1876 en San Clodio (Leiro), ordenouse axiña como sacerdote e cultivou todos os xéneros literarios, chegando a ser director da lonxeva revista El Eco Franciscano antes e despois da súa estadía en Xerusalén entre 1903 e 1906.

Nos seguintes epígrafes demóstrase a través da lectura da súa obra, non só a poética, que Eiján foi unha persoa moi conservadora que defendía o galeguismo folclorizante e tradicional, con obxectivos evanxelizadores onde “a literatura é como unha forma de predicación doce”. Así, coñecemos en profundidade o seu pensamento, sempre refractario e mesmo belixerante coas ideoloxías liberais, progresistas e socialistas que collían pulo no primeiro terzo do s. XX.

Leira tamén fai un achegamento á súa presenza no noso sistema cultural e literario, pois Eiján xa foi académico correspondente da RAG desde 1915 (electo numerario en 1941) e entrou no Seminario de Estudos Galegos en 1926 co discurso “Franciscanismo literario en Galicia”, para finalizar co estudo do seu galeguismo “folclórico”. Porén bótase en falta algunha anotación sobre a actitude do poeta nos anos da república e do franquismo, pois tan só se nos di que foi comisario de Terra Santa de 1933 a 1945, ano do seu pasamento. E tampouco coñecemos as razóns de deixar de publicar libros na nosa lingua desde 1926. Dous hiatos que axudarían a comprendermos moito mellor a personalidade do poeta.

Por parte, Armando Requeixo nas 32 páxinas do seu estudo “A teopoética de Samuel Eiján” fai unha introdución a cada un dos títulos que se compilan neste volume, non sen antes repasar “A tradición herdada” na poesía relixiosa desde as Cantigas de Santa María até os seus coetáneos Saco y Arce, o arcebispo Lago González, Barcia Caballero e Eladio Rodríguez González, estes dous últimos prologuistas nos seus libros.

As cuestións ecdóticas ocupan o seguinte epígrafe e deseguida a análise cumprida de toda a obra poética galega, non só reparando no trazo preferencial da súa relixiosidade senón tamén procurando outras liñas temáticas a considerar. A este respecto é ben interesante comprobarmos as diversas lecturas que suscitou na fortuna crítica anterior que compendia Requeixo, con especial relevo na historia da nosa literatura de Carballo Calero de 1963, que o inclúe entre os “Epígonos”.

Requeixo conclúe que “Samuel Eiján foi un dos máis importantes poetas relixiosos galegos. A súa é unha poética que asenta nunha visión radicada do trascendente” e engade que os seus versos poden “conmovernos co seu exemplo seráfico na lingua da nosa terra”. Dubidamos moito que o materialismo da sociedade contemporánea favoreza esa lectura, mais esta compilación recupera nunha coidada edición un pináculo da nosa poesía ascética e relixiosa, unha liña non escasa e que chega até hoxe como ben demostrou a antoloxía Os ríos pasan cheos de Deus. Poesía relixiosa en galego (2007), compilada polo teólogo Victorino Pérez Prieto, e que curiosamente deixou fóra os versos de Samuel Eiján. A súa Poesía reunida vai contribuír a lle dar visibilidade.

Esta entrada foi publicada en Estudos literarios, Poesía, Recensións. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta