Soneto Habana Blues


(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
“Soneto Habana blues” é un soneto que escribín por encarga do poeta e profesor da Universidade de Salamanca (USAL) Alfredo Pérez-Alencart, quen en 2005 coordinou o volume El mundo al otro lado (Ochenta fotografías para ochenta poetas), editado por Explorafoto, onde as imaxes son todas de Eduardo Margareto. A min enviáronme a fotografía que reproduzo, feita en Cuba, e eu escribín este texto que se publicou en castelán e manuscrito en galego.
SONETO HABANA BLUES
Outra fisiognomía polo tempo estragada,
gastada no traxecto dos días e das horas.
Qué outro mundo feliz, qué infancia rememoras?
Qué misterio profundo se agacha nesa ollada?
Habana patrimonio, capital derrotada,
esperanzas que mudan en sombrizas demoras.
De brazos resignados, porque ti nunca choras,
vindicas o futuro, xornada tras xornada.
E aproveitas fragmentos diversos das ruínas
para restaurar vida, construír movemento
e avanzar lentamente no rostro que endurece.
E agardas que un fermento rebente nas rutinas
que fixeron das rúas lugar de pensamento
onde o día entretece o que a noite destece.

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Fotografía, Poesía. Garda a ligazón permanente.

Unha resposta en “Soneto Habana Blues

  1. Pingback: As crebas » «Soneto mariño» (Para o poeta Alfredo Pérez Alencart)

Os comentarios están pechados.