Artigo en QPC (LXIII): No centenario da novela curta O diputado por Beiramar (1919), de Gonzalo López Abente

Veño de publicar unha nova colaboración en QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, desta volta para lembrar o centenario da primeira novela curta, intitulada O diputado por Beiramar (1919), de Gonzalo López Abente. Velaquí o artigo que tamén se pode ler nesta ligazón.

No centenario da novela curta O diputado por Beiramar (1919), de Gonzalo López Abente

O escritor muxián Gonzalo López Abente (1878-1963) acadou moita consideración e sona como autor literario desde a segunda década do século XX. Tanto é así que no ano 1914, na primeira época da revista Vida Gallega, nunha sección chamada “La cultura en nuestros pueblos” adicada a Muxía, xa se fai referencia ao seu estro e aparece nunha fotografía co seguinte pé “Avogado e Xuíz Municipal”, aínda que cos datos que coñecemos até hoxe non exerceu de avogado colexiado e foi xuíz municipal suplente en viversos períodos da historia muxiá.

A prensa recolle a súa participación o día 11 de marzo de 1917 no enterro multitudinario de Eduardo Pondal Abente, ao que acode en representación da familia, xunto a Balboa e a Lastres, e presidindo o duelo xunto aos representantes da Real Aacademia Galega, o seu presidente Murguía e os académicos Martínez Salazar, Riguera Montero e Ponte y Blanco canda as autoridades municipais en pleno co alcalde, Manuel Casás, á cabeza da comitiva.

En decembro de 1918 a RAG vaino nomear académico correspondente, como figura no título que forma parte dos materiais expostos na Casa das Beiras, sé da Fundación que leva o nome do poeta, e que di textualmente: “Esta corporación en sesión del día 20 de Diciembre de 1918 nombró Académico Correspondiente a D. Gonzalo López Abente. Y en vista de este acuerdo se le expide el presente título en la ciudad de La Coruña a los 22 días del mes de Enero de 1919”. Asinan o presidente accidental, Francisco Tettamancy, e o secretario, Eugenio Tarel.

Nesa altura participou de modo activo nos movementos nacionalistas políticos e culturais do primeiro tercio do XX, uníndose á acta de constitución da “Hirmandá de Amigos da Fala” (A Coruña, 18 de maio de 1916) e colaborando desde os primeiros números no seu órgano de expresión, a revista A Nosa Terra, que nacera o 14 de agosto de 1907 en Ourense para se converter despois en voceiro do galeguismo. Abente representou á Costa da Morte nas Asembleas Nazonalistas, de feito aparece como asinante das conclusións da I Asemblea (Lugo, 17 e 18 de novembro de 1918) na que se acorda traballar pola oficialización do galego e a organización de España coma un estado federal, e nas publicacións nacionalistas da época aparece como representante en Muxía da Irmandade Nazonalista Galega (ING) constituída en 1922.

E nesa década frutífera a súa obra literaria medra, alén de numerosos poemas espallados en revistas e xornais, pois publicou dous libros de poemas Escumas da ribeira (1911?) e Alento da raza (1917?) e as novelas O diputado por Beiramar (1919), O escándalo (1920) e O novo xuez (1922).

Precisamente este mes de xullo conmemoramos o centenario da publicación da súa primeira novela curta O diputado por Beiramar (1919), que obtivera o primeiro premio do Certame de Narrativa convocado pola publicación galeguista A Nosa Terra.
O investigador Ernesto Vázquez Sousa no volume A Fouce, o Hórreo e o Prelo: Ánxel Casal e o libro galego (Sada: Edicións do Castro, 2003) sinala que as bases do certame foron publicitadas en varios medios en setembro de 1918, con convocatorias para obras teatrais, novelas e poemas. Na categoría de novelas presentáronse oito textos baixo lema, o escollido por López Abente foi o de “Breogán”. Formaban o xurado Florencio Vaamonde, Victorino Veiga, Bernardino Varela, Fernando Ossorio, Xoán Viqueira, Xaime Quintanilla, Victoriano Taibo e Ramón Villar Ponte, director de A Nosa Terra.

A novela premiada foi publicada como primeiro volume da “Bibrioteca Galeguista” das Irmandades da Fala no mes de xullo de 1919, polo que conmemoramos o seu centenario.
Desde maio de 2012 dispoñemos dunha edición anotada da man do profesor Xesús Sambade Soneira na colección «Biblioteca das Letras Galegas» de Edicións Xerais, no volume intitulado A narrativa mariña de Gonzalo López Abente, na que edita xunto a O diputado por Beiramar (topónimo ficcional que se actualizou, xa que Abente escribía Veiramar) outras tres novelas súas posteriores: O novo xuez (1922), Buserana (1925) e Fuxidos (1926). Pódese atopar aínda nas nosas principais librarías e recomendamos a súa lectura coma homenaxe.

Finalmente, para un mellor coñecemento da novela curta O diputado por Beiramar reproducimos uns fragmentos da Introdución que escribiu Suso Sambade:

«O libro foi imprentado na colección BIBRIOTECA GALEGUISTA e leva un debuxo de Castelao na portada. A partir deste momento aparecerá publicidade da obra durante bastante tempo en ANT para a venda e fomentar a lectura en galego coa finalidade de dignificación da nosa lingua. Con ela queren superar a visión que se tiña na sociedade da prosa que se facía até aquel momento: “O diputado por Veiramar acabará, endebén, con ises contos e con isas novelas cheias de plebeismo que, millor intenzoadas que gráciles, donábanlle ó galego un senso dialectal aldraxante e tristeiro” (ANT, maio de 1919). A lingua galega xunto coa lingua portuguesa serven para a alta cultura “com´a do povo mais fino e esquisito do mundo, e non somente un mostrario de costumes rústicos, onde o pintoresco e o bárbaro camiñan sempre xuntos”, di no mesmo artigo. Continúa o crítico a situar a noveliña de López Abente como “novela iniciadora d´unha novelística galega esplendorosa”.

Séguese facendo publicidade á noveliña en xullo de 1919 “Ista novela de Gonzalo López Abente é o primeiro ensayo da novela moderna que se fai en Galicia (…) o exemplo de GLA ten de atopar imitadores (…)”. En outubro do ano 1919 volve a facerse mención á noveliña “que está próxima a esgotarse”. Seguen insistindo que xunto coa noveliña de Vicente Risco que acababa de aparecer, Do caso que lle aconteceu ao doutor Alveiros, “Ambas as dúas sinalan o camiño a seguire pol-os literatos enxebres novos”.

Nunha síntese da obra sinala que “O diputado por Veiramar refrexa de xeito sinxelo y-ameno a comicidade chea de miserias da nosa política vilega (…) Logo os amores sensuaes d´Ampariño e os amores cheios d´ideialidade da dona de Romelle, eisí coma o remorso e o arrepintimento do marqués de Nemancos” (ANT, xullo de 1919)

O recibimento dun deputado “cunero” ao seu distrito amparado polas forzas vivas locais (alcalde, xuíz, Garda Civil, curas e demais autoridades) e a presenza do campesiñado como comparsa, pero motivado pola situación de sometemento político. Só un zapateiro ácrata é quen de dar unha nota discordante ao acto. Logo nunha volta atrás no tempo (flash back) reconstrúe a vida do Marqués de Nemancos desde pequeno até chegar a ser elexido deputado: criado por unha tía e onde vive á beira do pazo de Romelle, onde vive María Asunción,o seu primeiro amor xuvenil. Logo vai estudar dereito a Madrid e como home rico farase un vividor e mullereiro até quedar atrapado nas redes de Amparo, moza sensual e libertina, que lle romperá o corazón. Esta, aburrida da vida de pracer e sensualidade da capital, casará cun viúvo de provincias. Marqués asqueado da vida, levarao á política. Con Amparo vólvese a encontrar na vila de Beiramar.

A vida de “cunero” e o ambiente corrompido da política da Restauración é posta ao descuberta polo autor para reclamar unha política máis transparente e que sirva para enriquecer a Galicia e a España. O autor vai seguir os postulados que se propuxeron as Irmandades da Fala nun primeiro momento para dignificar o galego: a utilización da lingua nas capas altas da sociedade galega, neste caso a fidalguía dos pazos. (Ramón Cabanillas fixo o mesmo no seu drama A man da Santiña). Tamén hai un intento de atraer á fidalguía á causa galeguista. (Ramón Otero Pedrayo será quen mellor narre ese intento de personificar na fidalguía decadente a clase ideal galeguista nas súas narracións).

Con esta noveliña, López Abente inicia unha serie de novelas nas que estará presente o amor. Neste caso hai un final feliz. Os fidalgos ámanse e van facer o ben pola súa terra. Cremos que hai un recordo da súa amada esposa ao coller o nome de Asunsión como dona do pazo de Romelle. (Da capital do Paraguai viñera a súa amada Balbina en 1907)».

Esta entrada foi publicada en Efemérides, Estudos literarios, Narrativa, Poesía, Premios. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta