Tokio blues, de Harumi Murakami


Nada vos hai como a literatura. A película Tokio blues, que se segue con interese malia certas caídas de ritmo, nin de lonxe está á altura do libro de Harumi Murakami, do que tedes aquí unha crítica coa que concordo. Apráceme, como á amiga Inma López Silva ou á cineasta Isabel Coixet, a literatura de Murakami, porén o director do filme, o vietnamita Tran Anh Hung (de quen me encantaran El olor de la papaya verde ou Cyclo, que vin nese magnífico festival que é Cineuropa) desta volta non consegue que nos chegue moita da inmensa emotividade ou de toda a filosofía que transpira no texto narrativo. Entre o mellorciño está que o protagonista anda a ler de continuo, coma na novela, e a banda sonora con temas de grupos pop, como The Beatles ou The Doors. En resume, a película déixase ollar, mais aos neófitos recoméndolles a lectura da novela, que eu lin en castelán na edición de Tusquets, por un agassallo de Rosa nun aniversario. Dun tempo a esta parte, por sorte, a Editorial Galaxia traduciu ao galego (moitas grazas e parabéns) as últimas obras de Haruki Murakami, que eu xa merquei e xa lin e das que unicamente non me interesou moito Do que estou a falar cando falo de correr. As outras, todas, no meu parecer son boas lecturas. Precisamente este verán dei conta, pracenteira, das máis de 900 páxinas de 1Q84.

Esta entrada foi publicada en Cinema, Música, Narrativa, Poesía, Versións ou traducións. Garda a ligazón permanente.