O Pregón en verso rimado de Marilar Aleixandre para abrir a Feira do Libro de Santiago 2019

A escritora Marilar Aleixandre proferiu o domingo pasado na alameda compostelá un magnífico «Pregón da Feira do Libro de Santiago 2019», que tivo a particularidade de estar escrito en verso rimado e que do que me fago eco nesta bitácora grazas á xenerosidade da propia autora.

O «Pregón da Feira do Libro de Santiago 2019» incorpora mencións a outras autoras e autores ou persoeiras e persoeiros con raigame ou vencello con Compostela e coa literatura ou coa lectura, de feito as súas últimas catro cuartetas foron utilizadas para un “marcapáxinas” creado pola Asesoría de Bibliotecas Escolares e divulgado o pasado 23 de abril, Día do libro.

Parabenizamos a Marilar polo seu Pregón en verso rimado e reiterámoslle a nosa gratitude por nos permitir a súa reprodución.

Pregón Feira do Libro de Santiago, 28 abril 2019

Ven, sube a bordo da feira
embarca na súa dorna!
Navega de libro a libro,
voga no mar das historias!

Na Alameda de Santiago
onte mercado de vacas
nestas dorniñas de hoxe
cómpranse máis que palabras

acóllennos na Alameda
irmás Maruxa e Coralia
escribindo con mil cores
a resistencia ás infamias

así a Lila de Lilith
feminista libraría
rende anual mullerenaxe
en xullo ás dúas Marías

amantamos cada marzo
cunha bufanda vermella
Don Ramón o modernista
a súa Cantiga de vellas

Valle-Inclán ou Bradomín
invoca a mangoleteira
vén coa galiña moñuda
para prender a lareira

desde o cume da Alameda
sen traer pombas nin flores
canta a voz de Rosalía
despedidas e delores

polas que marchan da terra
con Galiza na conciencia
emigrantes deste século
espiñadas pola ausencia

a ollada de Castelao
no centro da carballeira
da man de Francisco Leiro
chega presidir a feira

danos un ollo de vidro
para mirar o invisíbel
esculcar dentro dos libros
para soñar o imposíbel

fica Carballo Calero
agardando desde a marxe
profesor e leopardo
de gramática liñaxe.

Polo Paseo dos Leóns
veñen autores e autoras
que aínda sen teren estatuas
reivindican as súas horas.

García Bodaño e Dacosta
inscriben nos seus poemas
o tempo de Compostela
o mar, do país emblema;

de camelias coroada
Helena Villar Janeiro
medindo o tempo en haikus
a carón do abruñeiro

Fragmentos de apocalipse:
co tanxer da Berenguela
creba Gonzalo Torrente
desbarata Compostela

porén o señor Cunqueiro:
atribúe á Berenguela
unha mellora do viño
dentro e fóra da capela

Emilia Pardo Bazán
procurando un bailarín
pola Ruela da Apalpa
fai danzar o querubín

e se están chorando as nubes
di Novoneyra: se chove
albízaras veño dar
choverá para que eu soñe

apuran Abraham e Isaac
fuxindo do ladroízo
degoran volver á casa
apelan ao novo xuízo

pois se da man de Mateo
xurdiron para Galiza
confían que sen demora
se obre con eles xustiza.

Convoco merlos e chascas
paporrubios, liñaceiros
a soletrear cantigas
cos alfabetos primeiros

todos queren ler nos libros:
desde os cáncaros nas veigas
e a árbore de frei Rosendo
até as flores ventureiras

invoco libros, poemas,
novelas e dicionarios
guías de viaxe, receitas
panfletos e cartularios

para seren engulidos
como pasto de leóns
e leoas, de quen le,
de amor e devoracións.

A cabalo das palabras
é chegares ás estrelas
procurando o Principiño
entre nubes de acuarela

no submarino Nautilus
é mergullares nos mares
Verne e o capitán Nemo
abríndoche os seus fogares

Agustín, Ledicia, Eva,
cos libros corre aventuras
entra en desgrazas alleas
comparte a nosa cultura.

Ao leres irás voando
nun paxaro de papel,
na folliña dun poema
que tiraches do andel,

viaxe ao fondo das preguntas:
o libro leva a contraria
ao “así foi e así será”
a toda a rutina diaria

pois a lectura é rabuda,
descrida e impertinente
aprende a desaprender
a mirar con outra lente

a gozar co máis difícil
turrar da porta até que abra
entrar no descoñecido
beber viño de palabras.

Marilar Aleixandre

Esta entrada foi publicada en Poesía, Xornadas. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *