Non me deas diñeiro / polo que che dou. Tributo académico a Avelino Díaz (1897-1971). Vols. 1/2. Benigno Fernández Salgado e Tina Poethe (Eds.). Editora 3D1T0R4, 2019.

Anda xa polos andeis físicos das principais librarías do País (as nosas) e por algúns outros espazos virtuais a obra de autoría colectiva intitulada Non me deas diñeiro / polo que che dou. Tributo académico a Avelino Díaz (1897-1971). Vol. 1 Poesía / Vol. 2 Xornalismo (Editora 3D1T0R4, 2019), baixo a coordinación e edición literaria de Benigno Fernández Salgado, filólogo e profesor da Universidade de Vigo, e a edición técnica e deseño de Tina Poethe.

No seu Limiar os editores literario e técnico sinalan os obxectivos desta colectánea de artigos sobre a vida e a obra do poeta emigrado Avelino Díaz (A Travesa, Santa Comba de Órrea, Riotorto, 1897 – Buenos Aires, 1971), como que «Neles facemos memoria de tres das súas facetas intelectuais: da súa “vocación” de poeta relendo a poesía que escribiu e recitou; do seu oficio de xornalista “por afición” a partir dos textos que publicou e dos periódicos que dirixiu; e, por último, do seu activismo e compromiso coa cultura».

Logo do Limiar reprodúcese o poema coñecido polo seu primeiro verso «Non me deas diñeiro…», do seu libro Debezos (1947) e que serve para lle dar título tamén a esta compilación de artigos.

Velaquí o completo Índice de contidos destes dous volumes. Premendo nas ligazóns accédese a un resumo dos mesmo no sitio web avelinodiaz.gal

Volume 1 Poesía
Limiar

1. Xustiza poética para Avelino Díaz — Memoria literaria e reparación histórica
por Benigno Fernández Salgado
2. Apelativos e significados figurados aplicados a persoas na obra de Avelino Díaz
por Paulino Novo Folgueira
3. Que din os rumorosos? Referencias celtas en Debezos de Avelino Díaz
por Alicia Sentí Janssen e Andrea Castelo Veiga
4. Santa, compañeira e natureza viva. A muller na obra en galego de Avelino Díaz
por Ana Acuña
5. “Desde Bos Aires con amor”. Tipos de amor en Debezos e Pallaregas de Avelino Díaz
por Rocío Villanueva González e Icía Moreiras Villamarín
6. Camiñando o destino. Tematoloxía poética na obra Flor de retama de Avelino Díaz
por Sofía Malvido Cordeiro
7. A infancia e os xogos na poesía de Avelino Díaz
por Paco Veiga
8. Pobreza e miseria na poesía de Avelino Díaz
por Josefa Piñeiro

Volume 2 Xornalismo

1. Avelino Díaz: ecos dun xornalismo comprometido
por Xosé López García
2. Sen noticias de Avelino Díaz. A súa vida e obra na prensa editada en Galicia (1921-2001)
por David Formoso
3. Traendo á casa a Avelino. Noticias sobre a recuperación da súa obra e vida nas páxinas de El Progreso e La Voz de Galicia (2002-2017)
por Vanesa Gómez Lourido
4. A cobertura informativa nos principais xornais galegos do pasamento de Avelino Díaz
por Silvia Alende, Beatríz Feijoo e Aurora García
5. Avelino, activista
por Susana Brandariz
6. Avelino Díaz, o poeta como tradutor de poesía
Inés Mosquera Calvo
7. Cinco Cartas de Avelino Díaz á súa familia. Ensaio sobre o impacto da emigración na súa personalidade
por Janet Díaz Portela
Posfacio. Sinerxías entre os poetas na diáspora galega na Arxentina: Avelino Díaz, Xervasio Paz Lestón e Antón Zapata
por Miro Villar

Agradecementos
Índice de temas e nomes

Pola miña banda, no Posfacio que me solicitou o editor literario e amigo Beni Fernández Salgado, e que intitulei «Sinerxías entre os poetas na diáspora galega na Arxentina: Avelino Díaz, Xervasio Paz Lestón e Antón Zapata», realizo de primeiras unha “Breve aproximación á poesía galega de posguerra”, analizo “A creación literaria até 1947: ermo e propaganda” e tamén “A poesía galega desde a guerra até 1947, ano da publicación de Cómaros verdes, de Aquilino Iglesia Alvariño e Debezos, de Avelino Díaz”, tres epígrafes que son unha síntese do meu relatorio «As cicatrices do réxime na poesía galega de posguerra», proferido no IV Congreso Manuel Luís Acuña (Casa da Cultura da Pobra de Trives, 19, 20, 21 de novembro de 2009), celebrado baixo o lema «As outras armas do franquismo 1939-2009: unha retrospectiva».

Deseguida, a cerna do traballo estuda “A amizade e a entusiasta colaboración entre os poetas Avelino Díaz, Xervasio Paz Lestón e Antón Zapata”, botando man dos estudos biobibliográficos da miña autoría (Cfr. Villar, Miro (1998). A poesía galega de Xervasio Paz Lestón. Edición e estudio. Sada: O Castro. / Villar, Miro (2009). Antón Zapata García. Biografía dun poeta emigrado ao servizo da II República. Santiago de Compostela: Laiovento) sobre os poetas Xervasio Paz Lestón e Antón Zapata García, para dar testemuño das notables coincidencias de compromiso socio-político e de estética literaria con Avelino Díaz. Foron moitas as sinerxías establecidas entre estes e outros poetas da diáspora galega na Arxentina e relato os episodios máis sobranceiros.

A miña achega remata co tríptico de sonetos que Antón Zapata García lle dedicou a Avelino Díaz:

PRECRAROS FILLOS DE GALIZA

Ao poeta e irmán galego
Avelino Díaz

EDOARDO PONDAL

Foi o bardo patriota de encumiado lenguaxe
que na ialma sentío latexar nobres dons
pra salvar a Galiza de render vasallaxe
a poderes alleos e a galegos mandóns.

Como un rexo carballo de cumprido follaxe,
na nadal Ponte-Ceso, ao pé mesmo do Anllóns,
n-unha lira de bronce, de aceirado cordaxe,
noso Hino compuxo con homéricos sons.

N-unha patria de escravos despertóu xusta arela:
de chegar a ser ceibe da opremente Castela
que a calunia, i-enxuria, e arrebátalle o pan;

i-eisímade, o poeta, cal reberte Isaías,
n-un poema inmorrente anuncióu fastos días:
¡Virá a lus para Iberia da Nazón de Breogán!…

TEODOSIO «O GRANDE»
(EMPERADOR ROMÁN)

Na óurea constelación que tén a humanidade
—filósofos e artistas, sabios, bardos e santos—,
fulxente como Sirio, destácase, entre tantos,
Teodosio —¡Astro Galego!— erguendo â Cristiandade.

Da deusa Themis crênte e amante da verdade,
un manumento fixo que non sofréu quebrantos:
seu código enxugóu do povo muitos prantos…
¡e ao mundo segue enchéndoo de fonda craridade!…

No imperio e no fogar románs súas leis cumpríanse,
e, máisimo guerreiro, seus trunfos repetíanse,
da Gran Bretaña âs terras de Ourente e de Fenicia.

E homilde —igual que cando o seu solar deixara,
chamado por Graciano, e a ROMA reorgaizara—,
¡Milán vío-o morrer lembrando â Nai Galicia!…

A VILA DE LAXE

Ao pê da «Arca grande», e sobre a pedra dura,
a filla ben querida dos ártabros, laxesa,
espéllase n-as ondas tranquías, coor turquesa,
pieitando os seus cabelos de ourífica finura.

De pesca e mariñeira tên a lanzal feitura,
e, de outo señorío, tamén prestanza acesa:
pol-o abolengo, pode ser céltica princesa,
pois, n-ela, de Altamira, o embrema ainda figura.

No vran, as súas praias son leitos de puntillas
enonde a siesta dormen as peixadoras quillas
sin relembrar nortadas, trebóns e furacáns;

e cando na invernía o mar morde os cantiles,
e afonda lanchas e homes, e tira côs petriles…
¡a branca vila enlóitase pol-ôs mortos laxeiráns!…

Antón Zapata García
DÍA DE GALIZA do ano 1947.

Esta entrada foi publicada en Biografía, Ensaio, Epistolarios, Estudos literarios, Historia, Lingua, Poesía, Política, Versións ou traducións. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *