Con Palestina


Repasando logo do verán unha das miñas bitácoras predilectas (trafegandoronseis) vin esta curtametraxe e asinei pola creación dun estado palestiniano. Se che convence a historia podes ti tamén asinar na páxina de AVAAZ. Hai ben anos que eu levo Palestina no corazón e de moitas maneiras teño manifestado a miña solidariedade coa causa palestiniana. En 2003 colaborei cunha décima que falaba do pranto dunha nena na antoloxía intitulada Intifada. Ofrenda dos poetas galegos a Palestina (Fundación Araguaney). Recentemente participei en campañas de apoio como nesta festa que se organizou na Costa da Morte, onde limos poemas de Mahmud Darwish como o magnífico “Carné de identidade” que se reproduce nesa crónica e nese acto conseguimos que Mohamed Safa nos lese poemas en árabe. E uns meses antes, no verán pasado, tiven ocasión de ollar todo o aparello represivo do estado policial sionista de Israel nunha breve visita a Xerusalén, e iso que iamos de turistas!!!, ollada que reafirmou a miña solidariedade. Déixovos co poema doutro escritor palestiniano chamado Tawfiq Zayyad (1922-1994)
COS DENTES
Cos dentes.
Defenderei cada palmo de terra da miña patria.
Cos dentes.
E non aceptarei outro no seu lugar.
Aínda que me deixen
pendurando das veas das miñas veas.
Aquí sigo.
Escravo do meu afecto . . . perto da miña casa.
Ao orballo . . . E á fráxil azucena.
Aquí sigo.
Non poderán derrubarme
todas as miñas cruces.
Aquí sigo. Téndovos . . . Téndovos . . . Téndovos . . .
No meu colo.
Cos dentes.
Defenderei cada palmo de terra da miña patria.
Cos dentes.

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Cinema, Historia, Poesía, Versións ou traducións. Garda a ligazón permanente.

1 resposta a Con Palestina

  1. Pingback: As crebas » Con Palestina (II)

Os comentarios están pechados.