Artigo en QPC (LVII): A trinta anos do Álbum de Ramón Caamaño

Veño de publicar unha nova colaboración en QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, desta volta para lembrar a primeira escolma fotográfica da obra do muxián Ramón Caamaño, publicada a finais de 1989. Velaquí o artigo que tamén se pode ler nesta ligazón.

A trinta anos do Álbum de Ramón Caamaño

Ao fío da reivindicación do labor do fotógrafo muxián Ramón Caamaño que están a realizar o xornal dixital Que Pasa Na Costa e o seu director Ubaldo Cerqueiro, recupero un texto publicado en xaneiro de 1990 no desaparecido semanario A Nosa Terra no que saudaba a primeira escolma da súa obra fotográfica. Trátase dun volume esgotado, mais do que aínda se pode conseguir algún vello exemplar en páxinas especializadas na venda on line. Esa escaseza fai que propoñamos a súa reedición, co financiamento dalgunha administración, nomeadamente a local, pois esa obra e a biografía Ramón Caamaño. Historia viva da Costa da Morte (Editorial Xaniño, 1999) publicada hai vinte anos por Xan Fernández Carrera son piares fundamentais no estudo do fotógrafo.
(https://cefvigo.wordpress.com/ramon-caamano-2/)

Aquel artigo foi mecanografado, coma todas as colaboracións deses anos, na miña máquina de escribir Underwood, mercada despois de gañar un dos meus primeiros premios literarios, e polo seu interese hoxe transcribo o seu contido, actualizando o texto coas normas vixentes na actualidade e corrixindo algunha gralla evidente. Velaquí.

Ramón Caamaño, un mar de rostros na Costa da Morte

Hai propostas que petan forte no labor de facer conciencia porque recollen o mellor da nosa tradición. Dun tempo a esta parte cada día estamos máis preto de nos recoñecer na nosa propia historia a través dos textos recobrados, dos estudos críticos e das análises retrospectivas. Pero a carón deste desenvolvemento camiñan ausencias e baleiros como a recuperación da imaxe, con todo nese deserto hai iniciativas como a que vén de poñer en marcha o Centro de Estudos Fotográficos, con sede permanente na cidade de Vigo. Estamos a falar de Álbum, a primeira colección de libros de fotografía que acolle a autores galegos.

Da man realizadora de Manuel Sendón e de X. L. Suárez Canal, en edición de 1000 exemplares, cen asinados e acompañados de foto, chéganos o Álbum do fotógrafo muxián Ramón Caamaño, nado na vila costeira en 1908. O libro reproduce máis dun cento de imaxes deste autor desde unha primeira datación cronolóxica de 1924 até rematar con fotos do ano 1970, e son unha reducida escolma do arquivo que Caamaño posuía en Corcubión e onde gardaba unhas 6000 copias e máis de vinte mil negativos.

Unha axeitada introdución lévanos deseguida ao coñecemento persoal de Ramón Caamaño e dos seus primeiros pasos nesta arte. Neste resumo fáisenos sabedores de como chegou a ter unha cámara Brownie-Kodak desbotando a novidosa profesión de electricista porque a nai tiña por perigoso “ter que andar subido ás escaleiras reparando os farois”. Unha foto que se inclúe nesta colectánea, intitulada Amañando os farois de carburo mostra o risco, pero tamén a curiosidade de poder contar con lámpadas de luz artificial.

A súa formación vai ser por enteiro autodidacta, non fixo sequera unha aprendizaxe básica nos estudos de fotografía e as dúbidas serias éranlle resoltas polo seu amigo Vidal de Laxe, de recoñecida sona na época.

Como calquera outro autor novo que comeza, Caamaño procura un lanzamento a través dos certames, acadando premios nos concursos de Kodak. O cinema tamén entra nos seus proxectos e xa nos anos 29, 30 e 31 traballa con Ksado en Compostela. Coa chamada á fronte de Aragón en 1938 remata un tempo primeiro no seu fotografar, nesa paréntese obrigada da guerra é Teresa Louro, a súa compañeira, continuadora do seu traballo. De feito, ademais de ser a protagonista dalgunhas das imaxes compiladas, Teresa é a autora dunha fotografía do Pindo que se inclúe na catalogación.

Caamaño no seu quefacer de cronista gráfico publica en medios como ABC, Ahora, Céltiga, El Ideal Gallego, La Noche e La Voz de Galicia, e tamén en revistas nas que cómpre salientar Alborada, órgano de expresión dos emigrantes do partido xudicial de Corcubión, na cidade de Buenos Aires.

Velaí algúns dos trazos da densa biografía do fotógrafo muxián que se testemuñan no libro, un home que se perfila coas súas propias palabras: “Eu comencei a facer fotos porque vin importante a idea de deixar recordo de todo canto vían os meus ollos”, afirma nunha entrevista que publicou naquela altura La Voz de Galicia, da autoría do antropólogo muxián Manuel Vilar.

O libro vén protexido dentro dunhas grosas e duras capas, de cartoné, e a cuberta exterior de papel brillo reproduce unha fotografía que recolle ao propio Ramón Caamaño, na pedra dos cadrís, con datación de 1926, e na introdución as imaxes fan referencia soamente ao autor, á familia ou a tarifas de prezos (fotos e cinema) e colaboracións na revista Alborada.

Un exemplo do seu sistema de traballo e da sinxeleza de medios é o uso exclusivo da luz natural, as súas fotos constitúen un corpus unitario de imaxes en branco e negro na busca do contraste ou na nitidez de sombras e luces. Aborda a nosa tradición pretérita máis inmediata de xeito impresionista na procura de captar signos e formas de vida e transmitir suxestións, e fai inmortais coa imaxe os labores da descarga do sal, o amaño dos aparellos, o risco dos percebeiros, os secadeiros de congro (actividade que ten vixencia en Muxía), e tamén moitos outros oficios de terra con fotos de labregos mallando o trigo na eira, zapateiros, toneleiros e serradores de piñeiros ou dos albaneis que traballan nas obras do faro e tamén da capela da Barca. A paixón relixiosa, tan forte na vila mariñeira, pode ollarse na procesión marítima de Camariñas a Muxía, nas peregrinaxes á Virxe da Barca. Elementos da vida que teñen a meirande expresión nas actividades festeiras, precedidas sempre polo día da matanza, e que Ramón Caamaño entende de obrigada lembranza, velaí os xigantes, os gaiteiros, a banda de música e o equipo de fútbol, as partidas no casino, o entroido muxián ou o teatro en Cee.

Pero tamén, en perfecta simbiose, elementos da morte con abundancia dun signo que non deixa de evidenciar o subdesenvolvemento da comarca da Costa, os rostros dos nenos mortos que ocupan páxinas nesta colectánea. Cabo deles imaxes de velorios coa constatación de que son un eixo máis no que xiran conversas, de ser un factor social da relación humana do pobo. Vodas e retratos de interese como a moza de Merexo de longos cabelos negros ou as vellas do lugar de Vilarmide ou os dez fillos da dotada familia Pardiñas, ademais de autorretratos, onde sobrancea o que se intitula Tres en un, tres veces o sorriso de Caamaño na mesma fotografía, contribúen a encher esta suxestiva colectánea dun autor que nin sequera se preocupou por saber de modas e tendencias.

Unha imaxe como Maremoto (Muxía, 1934) onde se ollan chalanas, varadas terra adentro, nas rúas da vila mariñeira, unha imaxe como Sala de proxección (1931) na que se aprecia o espírito aventureiro, ou como Caravana fascista entrando en Corcubión (1937) non fan senón que dar confirmación ao dito popular de que “unha imaxe vale máis ca mil palabras”.

Con Ramón Caamaño a fotografía serve de achega á reconstrución da nosa historia porque como dixo o poeta mexicano Octavio Paz no seu libro de versos Instante e revelación (1962), con fotografías de Manuel Álvarez Bravo, e traduzo: “Detrás da lente fotográfica hai un home, unha sensibilidade e unha fantasía. Un punto de vista”.

(A Nosa Terra, nº 417. 25 de xaneiro de 1990)

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Fotografía, Historia, Recensións. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta