Artigo en QPC (LV): A vinte anos da antoloxía “mar por medio”, unha ponte entre poetas cubanos de Holguín e poetas da Costa da Morte

Marpormedio01

Veño de publicar unha nova colaboración en QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, desta volta para recuperar a lembranza da publicación hai agora vinte anos da antoloxía mar por medio, unha ponte entre poetas cubanos de Holguín e poetas da Costa da Morte. Velaquí o artigo que tamén se pode ler nesta ligazón.

A vinte anos da antoloxía mar por medio, unha ponte entre poetas cubanos de Holguín e poetas da Costa da Morte

En decembro de 1988 e en plena efervescencia da actividade do Batallón Literario da Costa da Morte, este colectivo publicou co patrocinio do Concello de Corcubión, polo interese persoal de quen era naquela altura o seu alcalde, o nacionalista Rafael Mouzo Lago, o volume colectivo mar por medio, unha escolma poética de autores da cidade cubana de Holguín e de membros do citado Batallón Literario da Costa da Morte.

O proxecto callara uns meses antes nunha viaxe solidaria argallada polo rexedor e que levou a unha pequena representación do Batallón a realizaren, xunto a outros autores, artistas e músicos de Galicia, unha serie de actos culturais na illa caribeña. Aquela media ducia de poetas do Batallón contactaron con autores da Asociación Hermanos Saíz de Holguín e do encontro naceu a idea de crear un volume colectivo con textos das dúas beiras do Atlántico, un labor que coordinarían Modesto Fraga e Rafa Vilar, pola banda galega, e George Riverón, pola parte cubana.

Non houbo dúbida ningunha á hora de escollar ao escritor Xosé Neira Vilas para realizar o prólogo da publicación pola confluencia na súa persoa e na súa obra dunha forte relación galego-cubana. E Neira Vilas, xa na súa terra nativa de Gres e aínda soerguendo o que ía ser a súa Fundación, acolleu con entusiasmo a proposta e escribiu Un abrazo poético (Limiar), primeiro texto que se reproduce ao final desta anotación. E non só iso, despois cando o libro xa foi unha realidade, na súa serie semanal intitulada Crónicas galegas de América, publicada no xornal compostelán El Correo Gallego, dedicoulle o artigo «Poesía das dúas ribeiras», segundo dos textos reproducidos.

O volume mar por medio, con ilustración de portada do cubano Alex Calvo, foi presentado o sábado 2 de xaneiro de 1999 no Auditorio municipal Capela do Pilar, en Corcubión, e consta de trinta e seis poemas, en edición bilingüe (trece de cada beira do atlántico) introducidos polo Limiar de Xosé Neira Vilas, quen non puido estar nesa xornada. A maquetación e o deseño foron da autoría do poeta Eduardo Estévez, que malia non ser membro do Batallón colaborou en moitas das actividade do grupo. No acto de presentación participaron o alcalde da localidade, Rafael Mouzo Lago, así como cinco representantes do Batallón Literario da Costa da Morte: o seu presidente na altura, Alexandre Nerium; o coordinador literario da obra, Rafa Vilar, así como Modesto Fraga, María Lado e Suso Bahamonde.

Antecedidos sempre por unha brevísima biobibliografía na obra aparecen primeiro as e os trece poetas da Asociación Hermanos Saíz, afin á UNEAC (Unión Nacional de Escritores/as e Artistas Cubanos): Ronel González Sánchez; George Riverón Pupo; José Luis Serrano; Belkis Méndez Rodríguez; Gabriel Pérez Rodríguez; Elena Guarch Rodríguez; Ernesto Almaguer Alberteris; Maribel Feliú Gómez; Yunior Felipe Figueroa; Roberto Frutos Rojas; Michael Hernández Miranda; José Poveda Cruz e Senén Orlando Pupo. E deseguida en orde alfabética as e os trece poetas do Batallón Literario da Costa da Morte: Marilar Aleixandre; Suso Bahamonde; David Creus; Estevo Creus; Modesto Fraga Moure; Mónica Góñez; María Lado, Tomás B. Lijó Marcote; Abel Mendes Bujeiro; Alexandre Nerium; Xavier Rodrigues Fidalgo; Miro Villar e Rafa Vilar.

O Batallón Literario da Costa da Morte e o Concello de Corcubión acordaron destinar toda a recadación da venda do libro aos damnificados en Centroamérica. E a publicación péchase co seguinte colofón: «A impresión deste libro en decembro de 1998 coincide co vintenove aniversario da fundación da sección galega do Instituto de Literatura e Lingüística da Academia de Ciencias de Cuba, na Habana, e co sexto aniversario do nacemento da cátedra de galego da Universidade da Habana. Nas tres iniciativas estivo presente o prologuista deste libro D. Xosé Neira Vilas, a quen lle damos beizóns».

Marpormedio02
Marpormedio03

(Texto I)
UN ABRAZO POÉTICO (Limiar)

Galicia e Cuba. Dous pobos irmáns. Dous corazóns que latexan ó unísono por enriba do mar. A emigración masiva de galegos á Illa comezou pouco despois de que Carlos Manuel de Céspedes, aquel 10 de outubro de 1868, iniciara na Demajagua a loita independentista. A riada seguiu ata os trinta deste século. Foron seis longas décadas de achegamento, de fusión, de simbiose cultural.

A Cuba chegou o noso exemplo de laboriosidade, a vontade de asociación solidaria, os previsores hánitos económicos das nosas xentes, e chegaron artes de pesca e de labranza, comidas, xeitos de convivencia. Por alá andan apelidos galegos, e voces da nosa lingua que foron entrando na fala cotiá. E de Cuba viñeron símbolos como o noso Himno e a nosa bandeira, veu a Academia Galega, viñeron decenas de escolas, fontes públicas, arranxo de camiños, cemiterios civís, e os recursos para desempeñar leiras, redimir foros e erguer novas casas. Viñeron ditos, refráns, décimas, e rumbas, danzóns e habaneiras.

Tamén houbo e hai unha simbiose literaria. Poetas dende José Martí ata os nosos días, e narradores como Carpentier, téñense referido a Galicia de xeito entrañable. E da nosa parte aparecen os temas cubanos na poesía de Armada Teixeiro, Ramón Cabanillas e Roberto Blanco Torres, por citar só algúns.

Por todo esto e por moito máis, que toca ó fondal do sangue, ó íntimo dos sentimentos, e por xestos colectivos como o dos cubanos que viñeron loitar pola nosa dignidade dende a trincheira republicana durante a guerra civil do trinteseis, ou o dos galegos mambises que tomaron parte na contenda independentista de Cuba, resulta significativo un poemario no que cantan a dúo poetas das dúas beiras do Atlántico.

Trátase, en ambos casos, de poetas xoves, de voces novas. Hai trece cubanos (dez homes e tres mulleres) e outros trece galegos (tamén dez homes e tres mulleres). Os galegos, na súa totalidade, son membros do Batallón Literario da Costa da Morte, a vizosa organización que tan bos froitos vén dando, e os cubanos naceron case todos no nordeste da Illa (Holguín, Cacocum…) e os maís deles son membros da Asociación Hermanos Saíz.

É, pois, unha antoloxía ben proporcionada en canto á cantidade de autores e de poemas, as súas idades e o feito de que en ambos casos pertencen a organizacións literarias. Máis alá deso, é sabido que se expresan en idiomas diferentes, viven en sociedades moi distintas e teñen o ancho océano entre eles, o mar por medio.

E volvo ó dito: todo conflúe na arte da palabra non só porque a palabra é universal senón tamén porque se trata de que uns e outros son voceiros de dous pobos irmanados pola historia, pola cultura e polo sangue.

Hai aquí, do comezo ó fin, poesía da mellor factura. Poesía verdadeira e non renques de signos en xogo de gato por lebre como soen verse por aí adiante con demasiada frecuencia. Estamos ante uns poemas nos que hai fondura e beleza, que van do cotián ó trascendente, ó cósmico. Poesía Limpa, cálida, agurgullante. En canto ós temas e ós autores un por un, o lector dirá.

Noraboa pola irmandade galego-cubana que esta presencia ratifica. E noraboa ós poetas dunha e doutra orela do ancho mar.

Xosé Neira Vilas
Gres, outubro de 1998
(Este texto foi recollido na obra Con Anisia Miranda na Costa da Morte. Embora, 2014)

Marpormedio05 Marpormedio06

(Texto II)
Crónicas galegas de América. Por Xosé Neira Vilas
«Poesía das dúas ribeiras»

Dúas ribeiras do Atlántico: a galega da Costa da Morte e a cubana de Holguín, no nordeste da Illa. Poetas dunha e da outra uniron as súas voces nun poemario tutulado “Mar por medio”, que acaba de ver a luz gracias ó xeneroso apoio do Concello de Corcubión e do seu alcalde, Rafael Moizo (sic por Mouzo), militante da solidariedade.

Tiven noticia deste fermoso proxecto hai uns meses. Fun a Fisterra con Anisia. Alí, Isaac Díaz Pardo, Marcos Valcárcel e eu falamos de Casto M. Insua (galeguista emigrado en Bos Aires) e doutros temas da emigración. E atopámonos con Rafa e Miro Villar, Modesto Fraga e outros membros deste dinámico batallón literario que naquelas terras fai da poesía un modo de vida (Unamuno dicía que quen non vive poeticamente é un parvo).

Trátase de poetas novos. Hai trece cubanos e outros tantos galegos. E en cada grupo, tres son mulleres. Aparece unha breve ficha de cada autor. Os poemas galegos levan ó pé a correspondente traducción ó castelán, e os cubanos ó galego.

Inda que algúns creadores son moi novos, case todos teñen premios e obra publicada, e vese nuns e noutros unha riqueza expresiva, un afán de comunicación e unha vontade anovadora que nos enchen de ledicia e nos confirman que a poesía vive, latexa, faise imprescindible.

Este libro é o punto de partida para outras iniciativas. Con Abel Prieto, actual ministro de Cultura de Cuba, temos falado da posibilidade de editar unha selección de contos breves de autores galegos e cubanos. Algo semellante ó proxecto de ‘Mar por medio’. Os poetas da Costa da Morte e de Holguín adiantáronsenos. ¡Que ben! Para todos eles a nosa máis rotunda noraboa.

Abriron o camiño. Un camiño fraterno, solidario. Por el avanza a perenne e crecente amizade entre dous pobos irmáns.

(El Correo Gallego, 1 de abril de 1999. Publicouse coa reprodución da portada do libro mar por medio. Batallón literario da costa da morte. Poetas cubanos de Holguín. Corcubión: Batallón Literario da Costa da Morte / Concello de Corcubión, 1998).

Marpormedio07

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Efemérides, Encontros, Memoria Literaria, Poesía, Recensións. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta