Entrevista a Rafa Vilar: «A cultura, á parte de pesar no PIB, constrúe a sociedade do coñecemento»

A xornalista Patricia Blanco publicou hoxe na edición de Carballo do xornal La Voz de Galicia unha entrevista co meu irmán Rafa Vilar despois de que o seu libro de poemas intitulado A cidade e a chuvia, de próxima publicación, recibise o I Premio SELIC de Creación Literaria na modalidade de Poesía, un certame convocado pola Semana de Literatura de Compostela e que premian textos inspirados na propia cidade.

Do sitio web institucional do Concello de Santiago de Compostela entresacamos este parágrafo sobre o ditame do I Premio SELIC de Creación Literaria:

Poesía
Na categoría de poesía, o I Premio SELIC foi para a obra A cidade e a chuvia, presentada baixo o lema “Enheduanna” por Rafa Vilar. O xurado destaca do texto que “evoca a alma interior e a identidade de Santiago nun traballo sensitivo, delicado e cheo de matices”. A obra “describe a necesidade da chuvia cunha elegante composición de versos moi medidos, que precisan dunha lectura lenta, e que reflicten á perfección o paso das estacións, a mutabilidade da vida na cidade”. Segundo o xurado, Rafa Vilar converte cada poema “nunha declaración de amor a Compostela, cidade soñada, imaxinada, onírica”.

E deseguida reproducimos a entrevista xornalística, que se pode ler nesta ligazón.

«A cultura, á parte de pesar no PIB, constrúe a sociedade do coñecemento»

O ceense Rafa Vilar, afincado en Santiago, vén de gañar o premio SELIC de creación literaria

Patricia Blanco
Carballo / La Voz 20/12/2018

Os anos que separan os 18 dos 50 pasounos en Santiago, mais Rafa Vilar (1968) segue tendo un forte vínculo «de identidade» coa Costa da Morte e con Cee, onde naceu e viviu ata a maioría da idade: os seus regresos son seguros no verán e procurados unha vez ao mes. O mar ou as vivencias iniciais marcárono como persoa e autor. Escritor especialmente activo no eido da poesía, é licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa (USC) e vén de obter coa obra A cidade e a chuvia -agora será publicada- o premio SELIC do Concello de Santiago na categoría de creación literaria, galardón que se suma a unha longa lista de recoñecementos, entre o que destaca aquel Bouza Brey do 92, por Liques da memoria.

-Por que «A cidade e a chuvia»?

-É unha homenaxe á cidade de Santiago. Relaciono motivos que teñen que ver con ela: a chuvia, a pedra, a catedral, a xente, os camiños, os peregrinos… Son 50 poemas que falan diso.

-Un galardón especial por vir da cidade que o acolleu?

-Cheguei aquí con 18… Levo xa máis tempo aquí ca en Cee, aínda que sigo moi vinculado alá. É especial, si, porque é tamén unha homenaxe a ese mosaico de cidades que é Santiago: a cidade na que vives, a cidade histórica, a imaxinada, a xeracional…

-Vostede pertenceu ao Batallón Literario. Bota en falta aquel fervedoiro? Veríao hoxe posible?

-Hai momentos e tempos históricos nos que se producen estas cousas que se dan case por casualidade. Foi unha confluencia de xente que tiñamos inquedanzas parecidas e que criamos que había un baleiro a cubrir. Fixémolo, reunindo a maior cantidade de xente para a dinamización social e cultural da Costa da Morte.

-É máis doado hoxe escribir e difundir? E publicar?

-Gañouse en maneiras de expresión pública, pero hai outro elemento que ten que ver coa crise. Sempre impacta na cultura. Houbo un baixón nas obras publicadas, pero penso que ten máis que ver con eses motivos económicos, porque existir existe moita xente escribindo, publicando, buscando plataformas (redes sociais, recitais…) para socializar a literatura, canles que non pasen só polo papel ou o libro. Polo tanto, creo que é un bo momento de creatividade, con xeracións convivindo: xente de 50 coma min con outros de 18 ou 20 e mesmo de 80.

-E o apoio das Administracións?

-Xa hai anos que veño sendo crítico co papel das Administracións e da principal que hai en Galiza, a Xunta. Non hai unha aposta decidida pola cultura e a literatura deste país. Prefiren investir cartos noutras cousas, ás veces inexplicables, sen entender que a cultura, á parte de pesar no PIB, porque si que pesa, tamén constrúe algo fundamental, a sociedade do coñecemento.

-Como de optimista é en canto ao galego? Que temos que facer?

-Se o miro con perspectiva histórica, diría que estou preocupado. Cando comezaba a escribir hai 35 anos pensaba que poderiamos conseguir avances significativos no uso social do galego. Pero vexo un retroceso en determinados ámbitos e unha falta de aposta das Administracións por normalizar a lingua. Aínda así, quero ser optimista: hai moita xente que escribe, fai música e quere vivir as 24 horas en galego. Non deixamos de ser un foco de resistencia, e é o que nos vai permitir avanzar. Teño fillos pequenos aos que educo en galego: na casa falan galego, con moitos dos seus compañeiros tamén… Pero a escola tampouco funciona como elemento galeguizador.

-Foi voceiro da xestora nacional de Nunca Máis. Que se aprendeu de todo aquel movemento?

-Como sociedade, creo que a non ter medo, a enfrontarse ás decisións dos gobernos cando son erradas. Gañouse en conciencia ecolóxica e penso que ese pouso quedou, sobre todo nos mozos.

-Escribe día a día?

-Día a día, non [ri], pero sempre teño na cabeza ideas e proxectos, algún poema solto, algún pequeno relato. A miña cabeza nese sentido é un fervedoiro coas palabras, gústame xogar con elas. A literatura tamén necesita certo repouso, distanciarse, volver…

-O certame de Santiago pretendía aumentar a presenza da cidade na literatura. Cre que a Costa da Morte nese sentido vai por diante? Sempre tivo quen lle escriba.

-Creo que nesa parte, si, por sorte. Se cadra estivemos abandonados en infraestruturas e investimentos, pero a nivel literario e cultural si tivo, ten e terá quen lle escriba. Algúns intentamos contribuír a iso, e seguiremos.

Esta entrada foi publicada en Entrevistas, Lingua, Memoria Literaria, Poesía, Premios. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *