Artigo en QPC (LIV): A depuración do maxisterio da Costa da Morte polas autoridades franquistas

Veño de publicar unha nova colaboración en QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, desta volta para saudar a publicación dun número monográfico de Sarmiento. Revista Galego-Portuguesa de Historia da Educación sobre a depuración do maxisterio practicada polas autoridades franquistas. Velaquí o artigo que tamén se pode ler nesta ligazón.

A depuración do maxisterio da Costa da Morte polas autoridades franquistas

O artigo intitulado «A represión do profesorado galego: As “derradeiras leccións” dos 100 mestres asasinados», que vén de publicar o xornalista Marcos Pérez Pena no dixital Praza Pública, achéganos a un monográfico de Sarmiento. Revista Galego-Portuguesa de Historia da Educación sobre a depuración do maxisterio practicada polas autoridades franquistas. A revista dirixida por Narciso de Gabriel (UDC) e cun Comité de Redacción que completan Eugenio Otero Urtaza (USC), Xosé Manuel Cid Fernández (UVigo) e como secretario José Luis Iglesias Salvado (UDC) pódese descargar de balde en formato pdf no enderezo electrónico:

http://revistasarmiento.com/wp-content/uploads/2018/10/Revista.Sarmiento.N-21.2017.pdf

O monográfico (Número 21, 2017), co que se inicia unha nova andaina da revista, inclúe os seguintes estudos: «Amputar, segar, limpar e purificar: a depuración do maxisterio durante o franquismo», de M.ª del Carmen Agulló Díaz; «A depuración do maxisterio primario na provincia de Pontevedra (1936-1942)», de Anxo Serafín Porto Ucha e Raquel Vázquez Ramil; «A represión franquista en Ourense: novos argumentos contra a desmemoria da persecución sufrida polo maxisterio», de Xosé Manuel Cid Fernández; «Represión política e castigo do profesorado republicano na provincia de Lugo. As consecuencias do 36», de Antón Costa Rico e Uxía Bolaño Amigo; «O proceso de depuración do maxisterio na provincia da Coruña», de Narciso de Gabriel, e xa fóra desta temática «Uma escola para a independência e para a responsabilidade: o Jardim Infantil Pestalozzi», de Ana Maria Pires Pessoa; «Ritmos com sentido. Educar o corpo, a alma e o espírito em escolas», de Waldorf Raquel Pereira Henriques e «Política y educación en Antonio Gramsci», de Nicola Trebissacce. Alén diso, na sección Documentos preséntanse novos testemuños sobre depuracións no ensino: «Acotaciones a un expediente de depuración: el caso de María Barbeito Cerviño» que asina José Luis Iglesias Salvado e «Alonso Ríos en Gondomar. Un imaxinario, aínda que posible, paseo», de Carlos Méixome Quinteiro, así como unha relación de «Profesorado morto por mor da represión franquista», antes das seccións de Novas e Reseñas.

Logo de darmos conta dos contidos, centrarémonos en salientar a represión exercida sobre o maxisterio da Costa da Morte polas autoridades franquistas que investigou Narciso de Gabriel na súa achega «O proceso de depuración do maxisterio na provincia da Coruña».
De primeiras realiza unha cumprida análise cuantitativa e deseguida outra cualitativa, focalizando a súa atención nos expedientes de Xosé Toba Fernández e Palmira González López, dúas persoas moi relacionadas coa Costa da Morte.

Así sabemos que na decisión final sobre cada persoa sancionada o expediente derivou na destitución que lle afectou case ao 46% e a suspensión ao 54%. Só un dos sancionados, o muxián Xosé Toba Fernández, foi castigado coa excedencia forzosa con dereito a dous terzos do soldo (BOP, 19/9/1936). O investigador tamén lembra que foron asasinadas algunhas semanas máis tarde dúas mulleres, María Vázquez Suárez (Miño) e Mercedes Romero Abella (A Coruña), esta última fora mestra en Corcubión, como ben estudou o noso benquerido amigo Luís Lamela García, “O paseo de Mercedes Romero Abella”, Unión Libre. Cadernos de vida e culturas, n.º 11 (2006).

Narciso de Gabriel salienta que a sanción máis común foi a separación definitiva do ensino e a baixa na escala do maxisterio, que afectou a case o 10%, e algún, como Xosé Toba Fernández, foi separado en dúas ocasións, primeiro como auxiliar de Pedagoxía na Escola Normal de Santiago (BOE, 14/5/1937) e logo como mestre na anexa desta institución (BOP, 11/5/1940). Tamén inclúe na casuística das separacións unha inhabilitación perpetua (Brión) e dúas indefinidas (Muros e Vimianzo) que recaeron sobre mestres interinos. Un dos separados, José María Arán Trillo, foi rehabilitado para efectos administrativos.

O artigo engade unha completa xeografía da represión atendendo ao número de sancións, que vai dende os cinco concellos sen ningunha persoa castigada: Ares, Boqueixón, Cesuras, Oroso e Trazo, mentres que os máis castigados foron Carballo, Narón, Oza dos Ríos, Padrón e Vilarmaior, con valores que superan o 50%, Corcubión, Camariñas e Muros, co 60% ou máis, e Melide, que acada un 77%. De feito, Narciso de Gabriel concreta que a zona máis afectada esténdese pola costa atlántica, entre Laxe e Ribeira, coa única excepción de Fisterra, e tamén polos concellos de Vimianzo, Mazaricos e Outes.
Alén diso, as mulleres recibiron porcentualmente máis sancións que os homes en Boimorto, A Capela, Corcubión, Frades, Melide e Paderne. Por porcentaxe sería Corcubión (100%), mais este pequeno concello só contaba cunha mestra, polo que non resulta moi representativo.

A porcentaxe de mestres separados definitivamente do ensino na media galega foi do 18%, mais varios concellos da Costa da Morte están entre os moitos que a superan, así entre os que quedaron privados de cando menos a metade figuran Cee e Muros, nos do 40% está Vimianzo e nos do 30% Cabana de Bergantiños, Carballo, Carnota e Mazaricos. O autor do estudo centra a súa atención en Muros, pois a intensidade das represalias resultou ser a máis alta xa que foron separados do ensino 10 dos 12 mestres (83%) e dúas das 13 mestras.

O artigo de Narciso de Gabriel remata con dous casos particulares que relata por extenso a modo de exemplo da represión. De primeiras, baixo o epígrafe que testemuña o expediente franquista “En sí mismo, con los niños y en todas sus actuaciones, refinadamente malo, perverso y revolucionario”, investiga o infortunio de Xosé Toba Fernández, nado en Muxía o 8 de setembro de 1904, quen obtivo o título de mestre en 1925. En 1926 iniciou a súa andaina profesional e exerceu en varias escolas, como catro anos en Sillobre (Fene). Gañou as oposicións á dirección de escolas graduadas e pasou uns meses á fronte da escola de Callosa d’en Sarrià (Alacante). En 1934 conseguiu por concurso a rexencia da graduada anexa á Escola Normal de Santiago e en xaneiro de 1935 foi nomeado profesor axudante de Pedagoxía da Normal compostelá, etapa na que realiza varias publicacións pedagóxicas, como o seu discurso de ingreso na Sección de Pedagoxía do Seminario de Estudos Galegos. Porén, en agosto de 1936 foi declarado pola Delegación Militar excedente forzoso con dereito a percibir dous terzos do soldo e máis adiante separado do ensino como
axudante de Pedagoxía (maio de 1937) e como mestre (xullo de 1940).

Narciso de Gabriel dá coñecer boa parte do expediente que está na orixe da última sanción, como a súa participación na redacción do manifesto O Maxisterio diante da Autonomía de Galicia, cuxos dous primeiros asinantes eran Avelino Pousa Antelo e José Toba Fernández. Un texto que remataba con estas palabras: “Por ben de Galicia, por ben da escola, por ben do neno e pol-o noso propio ben: ¡A traballar pol-o éxito do plebiscito e pol-a redención da nosa terra!” (El Pueblo Gallego, 14 de xuño de 1936).

Xosé Toba Fernández morreu o 5 de setembro de 1963, cando só tiña 58 anos. Dous días máis tarde, a familia publicou unha esquela en La Voz de Galicia facendo saber que finara o director do grupo escolar Concepción Arenal da cidade coruñesa, e que por expresa disposición do finado non se comunicara o acto do sepelio.

O segundo epígrafe, tamén tirado do expediente franquista, resume a historia de Palmira González López: “No obstante su sexo, lebantaba [sic], con frecuencia, el puño en alto”. Dela sabemos que era irmá de Emilio, o coñecido deputado de Izquierda Republicana, e que en xullo de 1936 rexentaba a escola de Arou-Camelle, situada no concello de Camariñas. Foi suspendida de emprego e soldo por tres meses (BOP, 27/8/1936) e en outubro, cando estaba a piques de cumprir a sanción, solicitou unha escola en réxime de interinidade. Destinárona a Viñós (Arzúa) e o párroco foi o seu maior inimigo, pois solicitou antecedentes ao da Ponte do Porto, quen a sinalou como “atea teórica y práctica”, dicindo que se ausentaba de Arou cando se organizou unha misión, no canto de escoitar os sermóns durante os oito días que duraba, confesarse e despedir en manifestación o misioneiro, como fixeran os outros veciños. Engade que en febreiro de 1936, coincidindo coas eleccións, estivera facendo campaña na cidade da Coruña e voltara a Camariñas manifestando a súa ledicia pola vitoria “con los puños en alto” –ao parecer, non lle abondaba con erguer un, comenta con ironía Narciso de Gabriel–.

Fronte a esta acusación, Palmira González López viuse obrigada a presentar un certificado do seu matrimonio relixioso, celebrado en 1932, é dicir, en plena República. Finalmente, en novembro de 1945 o xuíz propuxo a modificación da sanción: suspensión de emprego e soldo durante dous anos, o seu traslado fóra da provincia, a prohibición de solicitar vacantes durante cinco anos e a súa inhabilitación para o desempeño de cargos directivos e de confianza. Ángel del Castillo González conta que tivo dous destinos: Arbo primeiro e logo Malpica de Bergantiños.

Finalmente, a sección Documentos de Sarmiento. Revista Galego-Portuguesa de Historia da Educación conclúe cun cadro do «Profesorado morto por mor da represión franquista», que sumaría o número total de 100 persoas, das cales 98 son homes e dúas mulleres: Mercedes Romero Abella e María Vázquez Suárez.

E velaquí os mestres e a mestra relacionados coa Costa da Morte nesta relación do terror fraquista e que inclúe

Nome / Idade / Escola onde exercía / Morte / Paseado ou Executado Ano.

Angel Caamaño Villaverde, 27, Toba (Cee), Executado, Santiago, 1937.
Jesús Álvaro López Brenlla, 24, Louro (Muros), Paseado, Muros, 1936.
Pedro López Vázquez, 44, San Mamede (Carnota), Malleira, Carnota, 1937.
Rafael Pardo Carmona, 37, Serres (Muros), Executado, Santiago, 1936.
Mercedes Romero Abella, 29, A Coruña, Paseada, Aranga, 1936.
Ramón Tajes Lago, 27, Mestre (natural de Muros), Executado, Asturias, 1938.
Nicanor Villar Martínez, 36, Mazaricos, Executado, Caldas de Reis, 1936.

Beizóns laicas para todas persoas represaliadas!

E a nós tan só nos resta parabenizar a saída e o acceso libre que dispoñibiliza o necesario coñecemento deste monográfico de Sarmiento. Revista Galego-Portuguesa de Historia da Educación sobre a depuración do maxisterio practicada polas autoridades franquistas, así como reivindicarmos a súa memoria, nunha sociedade que aínda permite a día de hoxe que un destacado membro da nomenclatura franquista, Eugenio López López, lixe co seu nome o colexio público de Cee, coa complicidade da maioría da corporación local e da Consellaría da Educación. Unha auténtica vergoña histórica.

Esta entrada foi publicada en Historia, Política, Recensións. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *