Unha lectura de Scórpio, de Ricardo Carvalho Calero


(Booktrailer realizado por Illa Bufarda)

Tal día coma hoxe, o 30 de outubro de 1910 nacía en Ferrol o polígrafo e profesor Ricardo Carvalho Calero, como ben lembran máis unha vez no sitio Fervenzas Literarias.

Ricardo Carvalho Calero é un autor que adoita ser reivindicado para homenaxear nas Letras Galegas, sempre nomeado na terna finalista e sempre rexeitado pola RAG. A súa obra ensaística, narrativa e poética sempre me interesou e teño dedicado á súa análise varios traballos, algún deles académico. Hoxe, na súa lembranza recupero unha lectura da súa novela Scórpio, que fixen por volta do ano 2000 cando estaba a traballar como bolseiro de investigación (rematada a carreira de Filoloxía Galego-Portuguesa) no proxecto do Dicionario da Literatura Galega, que publicou Galaxia, coa coordinación da crítica e profesora de Literatura Galega na USC Dolores Vilavedra.

Xa teño reiterado nesta bitácora que nesa altura redactei algunhas das fichas dos volumes II. Publicacións periódicas (1997) e III. Obras (2000). Neste último tomo a entrada sobre a novela Scórpio, de Ricardo Carvalho Calero, é da miña autoría e, como xa dixen noutras ocasións, por decisión editorial, que eu moito non comparto, as fichas non van asinadas polo persoa redactora da entrada de xeito que cada quen puidese responsabilizarse do texto que se publicou. Velaquí a miña achega, que analizaba a 1ª edición da novela na paralizada Sotelo Blanco Edicións e que o ano pasado tivo unha reedición, trinta anos despois, en Através Editora, con epílogo do profesor e poeta Arturo Casas.

(Como adoito, manteño a lingua cos criterios normativos cos que se publicou)

Scórpio. RICARDO CARVALHO CALERO

Esta novela longa do profesor Ricardo Carvalho Calero foi publicada na súa primeira edición por Sotelo Blanco (Santiago, 1987) e desde a súa aparición xa foi obxecto de numerosas reimpresións. A este éxito editorial non son alleos feitos como a concesión do “Premio da Crítica Española para narrativa en galego” na convocatoria do ano 1988, ou a extraordinaria acollida que tivo a obra entre o público lector e a crítica especializada. Sen ir máis lonxe, na entrada da GEG, Kathleen N. March considera que Scórpio é a súa obra maestra.

Trátase dunha novela ambiciosa e de delongada elaboración que, a partir de elementos claramente autobiográficos, constrúe o relato dunha época histórica perfectamente delimitada. Este período abrangue os vinteoito anos da vida de Rafael Martínez Pinheiro, alcumado “Scórpio”, desde 1910 ata 1938, deténdose principalmente nos anos da República e da Guerra Civil. O antes e o despois extradiexéticos son a penas referencias tanxenciais á narración. A historia transcorre nun espacio igualmente ben preciso, concretamente nas cidades de Ferrol, Santiago e Salamanca na primeira parte, e na segunda coa acción localizada en Madrid, Valencia, Andalucia e Barcelona. Así pois, Scórpio ocúpase dunha importante etapa histórica para o noso País, aquela que vai desde principios de século ata a guerra civil española, sempre desde a perspectiva do propio biografiado, retratando a sociedade da época, as familias, as mulleres, os costumes universitarios e ata chegarmos aos aspectos parciais do conflicto bélico.

A novela tamén é útil para coñecermos o período que vai desde a infancia ata o remate da guerra civil española na vida do propio Carvalho. De feito, segundo Montero Santalha (1993), que fai unha profunda análise da obra, Scórpio ten as características dunha novela histórica, e sobre esta forma do relato enmárcanse moitos elementos autobiográficos. Para Santalha a figura de Carvalho está representada polo protagonista, Rafael Martínez Pinheiro, a quen algúns compañeiros chamaban tamén co nome do seu signo zodiacal “Scórpio”. Ademais, tamén hai actitudes, opinións e feitos atribuídos a outras personaxes que presentan igualmente valor autobiográfico. Con todo, de máis valor son os testemuños de ambientes e de contextos sociais, así como de actitudes e de posicións psicolóxicas individuais. Para Martínez Pereiro (1991), a novela está concebida dunha maneira complexa dentro do xénero da novela memorial, como variante exterior da novela introspectiva, considerada impura pola hibridez e confusión que se produce entre os espacios autobiográfico e ficcional. Nesta compoñente tamén incide Salinas Portugal (1991), cando subliña que os personaxes, malia a súa ficcionalidade, deixan transparentar o seu historicismo. Fala de que se trata do texto documental dunha xeración, a dos “vencidos da guerra”, simbolizados no protagonista, Rafael Martínez, e engade que, a pesar diso, non se pode cualificar esta novela de autobiográfica.

Sen embargo, o propio autor, e á vez grande crítico literario, confésalle a Salinas Portugal (1991) que a novela é unha verdadeira saga, unha verdadeira narración épica que presenta o destino da xeración que fixo a guerra. Tamén engade que non se trata dunha novela autobiográfica no plano formal, senón dunha novela heterobiográfica, por seren os biógrafos de Scórpio persoas exteriores ao propio personaxe. Con todo, Carvalho admite que hai moitos aspectos autobiográficos no personaxe principal, sobre todo na narración das escenas de guerra en Madrid, pero tamén os habería en Salgueiro en relación coa súa actividade universitaria, ou en menor medida en personaxes como Barreiro e Casado, e inclusive habería cousas do autor en case tódolos personaxes masculinos e femininos que aparecen na novela. Ademais, o propio Carvalho cre que a novela ten caracteres de épica, porque a través de moitos personaxes se manifestan as realidades dunha colectividade e, nese sentido, pode recordar a narrativa de Romain Rolland, Jules Romains ou John Dos Passos. Así e todo, para Martínez Pereiro (1991) as correspondencias van máis alá dese material biográfico, sexa ambiental, histórico, documental ou anecdótico, atinxindo o campo da intertextualidade nos continuos trasvasamentos para a escrita da novela de fragmentos, digresións, opinións, perspectivas e finximentos do propio Carvalho Calero, ora desde a súa producción ensaística e inventiva, ora desde as restantes facetas e manifestacións da súa producción literaria.

A novela tamén podería ser interpretada desde unha perspectiva sociolóxica debido á impresionante galería de personaxes, ambientes e situacións que literaturiza. Ou nunha clave mítico-simbólica, como fai Elvira Souto (1991), nunha interpretación solidamente argumentada onde se sinala que a pesar de que a feitura “realista” da novela pareza desautorizar calquera outra perspectiva e aínda que o autor non quixo construír voluntariamente un relato simbólico, debaixo das experiencias e memorias persoais de Carvalho subsiste un discurso mítico. Desde este punto de vista, analiza a historia de Scórpio como unha viaxe heroica en tres partidas, as dúas primeiras a Santiago e a Salamanca, con regreso, e a terceira sen regreso en dirección ao oriente mítico, ao leste, Madrid, Valencia, Andalucia e finalmente Barcelona. Entre os motivos convencionais da representación heroica masculina estarían as fantasías do nacemento, a presencia dun compañeiro masculino, Sagitário, e de dúas mulleres antagónicas que o solicitan, sen se completar o ciclo heroico pola morte do protagonista. Para Elvira Souto, tamén se pode entender a viaxe individual de Scórpio como unha sinécdoque, e esta ser interpretada como o significante dun proceso colectivo protagonizado polo movemento galeguista das primeiras décadas do século. Existirían indicios suficientes no relato para autorizar esta lectura simbólica do proceso heroico-tráxico do pobo galego.

Na súa estructura editorial e narrativa, o texto divídese en 136 capítulos, dispostos en dúas partes de 77 e 59 capítulos respectivamente e bastante equilibradas na súa extensión. Segundo comenta Carvalho a Salinas Portugal (1991), a novela ten unha estructura de saga, que xa fora utilizada premonitoriamente polo escritor na súa primeira novela, intitulada A xente da Barreira (Santiago, Editorial Bibliófilos Gallegos, 1950). Sen dúbida, unha importante característica editorial é que cada capítulo vai precedido do nome da voz narradora, habitualmente unha persoa que coñecera a Scórpio, que vai proporcionar ao lector datos, confidencias, xuízos ou especulacións sobre o enigmático protagonista. O autor adoptou unha complicada técnica tocante á escolla do punto de vista, así temos unha multiplicidade de narradores que conforman a personalidade de Rafael Martínez Pinheiro ou Scórpio, o protagonista da diéxese mais non do discurso, porque durante todo o texto está privado de voz propia, feito no que radica parte da orixinalidade da obra. Desta maneira, o relato articúlase, nun eficaz emprego da polifonía, sobre os enunciados de trinta e cinco voces diferentes que desenvolven a diéxese de forma linear e sen grandes cambios de ritmo. Temos, pois, desde o punto de vista do narrador, o uso de varias voces en primeira persoa ou eu polifónico. E no dicir de Quiroga (1987) mais que un eu narrador existe un eu rexente da acción verbal narradora.

Para Salinas Portugal (1991) o que máis chama a atención desde o punto de vista da sintaxe narrativa é esta perspectiva dos narradores, porque sendo unha novela de protagonista individual, de heroi ou anti-heroi individual, este personaxe nunca se converte en voz narradora nin existe o tradicional narrador omnisciente. A súa peripecia vital é mostrada por diferentes voces que pertencen inclusive a personaxes moi secundarios. A técnica utilizada contribúe a crear sombras sobre o personaxe principal. Son de moito interese as páxinas nas que Carvalho fala da xestación da novela neste libro de Salinas Portugal, onde dá conta das motivacións que xustifican o uso da polifonía de voces e da intencionalidade de deixar o protagonista envolto en sombras e misterio, en contraste con personaxes como Salgueiro, moito máis real. O propio autor, na conversa con Fernán Vello e con Pillado, engade que é consciente de que a novela polifónica é frecuente na narrativa moderna e pon o exemplo de Faulkner, mais non coñece ningún caso no que o protagonista non apareza directamente en escena. Tamén para Montero Santalha (1993), a novela presenta formalmente aspectos orixinais. Para este estudioso da obra de Carvalho, a narración está constituída por fragmentos que poden considerarse monólogos, cunha técnica por tanto parateatral. O protagonista, Rafael Martínez Pinheiro, nunca aparece en escena, son sempre os outros os que falan del, e através dese medio indirecto imos seguindo o fío da súa vida e parcialmente os seus pensamentos e sentimentos, pois o protagonista é sobexo reservado.

Xunto a isto, hai capítulos con funcionalidade metaliteraria e cómpre destacar o xogo metanarrativo a que Salgueiro conduce ao lector dentro da mesma ficción coas súas reflexións sobre unha novela que resulta ser a que lemos. Na voz de Salgueiro, sobre todo no capítulo XXX, aparece unha teorización e un compendio do plano literario que a novela pretende ser, ademais de se defender contra posibles obxeccións da crítica como a non adecuación da voz ao personaxe. Dous capítulos despois fala dunha certa impotencia ante a posibilidade de escribir unha novela longa, dificultades nas que volve no capítulo LI, ao tempo que afirma as vantaxes da utilización da terceira persoa. Sobre este aspecto é de moito interese a pormenorizada contribución de Delgado Corral (1989) para quen os puntos de vista que aparecen no texto poden reducirse a dous, pois a voz de Salgueiro enfróntase ao sistema establecido e cuestiona a “verdade” dos outros narradores.

Para unha completa caracterización simbólica das personaxes, cómpre acudir a Elvira Souto (1991) que salienta como Carvalho Calero deixa en suspenso os enigmas do nacemento e da morte de Scórpio, que é fillo de pai nunca identificado e orfo de nai a pouco de nacer. Da familia adoptiva recibe o nome arcanxélico, Rafael, e o seu destino de pechacancelos. Ademais, o protagonista antes de ser bautizado como Rafael era xa Scórpio por conxunción astral. O seu accidentado nacemento, os inquietantes agoiros zodiacais e a súa condición superior, despois recoñecida, son as tres notas dominantes da formación do protagonista antes da saída do ámbito familiar. A escolta mítica do heroi será o seu compañeiro Jorge Bermúdez, alcumado Sagitário. O autor beneficiouse amplamente das coñecidas potencialidades semánticas que encerra o motivo do dobre. De feito Jorge Bermúdez nace no período zodiacal inmediatamente posterior a Rafael. Elvira Souto cre que esta lóxica estructural, esta disposición en contrapunto das dúas figuras masculinas, explica a funcionalidade de Sagitário como reverso da figura central e tería como principal finalidade semántica descubrir, por contraste, o sentido do proceso vital do protagonista.

As características diferenciadas das dúas mulleres interesadas en seducir a Scórpio deberíanse á intención de simbolizar as forzas contrarias que polarizan a alma do heroi. A pesar de seren numerosas as personaxes femininas que se interpoñen no camiño de Scórpio, serán a penas dúas as que interveñan de forma relevante, aínda que desigual, na súa formación, limitándose as restantes a confirmaren os sentidos que suxiren as figuras destacadas. Chéli encarna a imaxe da muller domética e maternal que, na lóxica do relato, debe agardar pacientemente polo heroi na final da viaxe. No extremo oposto, Eugénia, que sintetiza os perigos dese camiño. Fronte a ela, as armas de Chéli están destinadas a fracasar e, aínda que casa con Rafael, a guerra afástaos definitivamente.

Ademais, o personaxe de Salgueiro posúe un estatuto singular no entramado diegético porque no texto se insinúa que é o autor ficcional do relato. Júlia ou “Cleo” encarna mellor que calquera das outrsa numerosas figuras femininas a imaxe da muller mítica, imaxe simbólica que significa a obxecto buscado e a finalidade da viaxe heroica. Con ela, nos brazos, morre en Barcelona.

BIBLIOGRAFÍA
Cf. GEG
Delgado Corral, C., “Salgueiro: A voz de um autor de ficçom” en Agália, nº19, 1989.

Fernán Vello, M.A. e Pillado Mayor, F., Conversas en Compostela con Carballo Calero, Barcelona, Sotelo Blanco, 1986.

Martínez Pereiro, C.P., “Scórpio ou a mi intelixente caza-cruzada dun fantasma” en VV. AA., Ricardo Carvalho Calero. A razón da esperanza, monográfico de A Nosa Terra 13, 1991.

Montero Santalha, J.M., Carvalho Calero e a sua obra, Santiago, Edicións Laiovento, 1993.

Quiroga, J.C., “Scórpio, História rosa e narrador polifónico” en Agália, nº12, 1987.

___________, “Acerca do conjunto narrativo de Carvalho Calero” en VV.AA., Actas do III Congreso Internacional da Língua Galego-portuguesa na Galiza, A Coruña, Agal, 1992.

Salinas Portugal, F., Voz e siléncio (Entrevista con R. Carvalho Calero), Vilaboa-Pontevedra, Edicións do Cumio, col. “Documenta”, 1991.

Souto, E., “Romulianos e sabinos (ou “O segredo de Rafael”)” en A Trabe de Ouro, 2, abril-maio-xuño, 1990.

________, “A viagem heróica: Scórpio” en Viagens na Literatura, Santiago, Edicións Laiovento, 1991.

Esta entrada foi publicada en Efemérides, Estudos literarios, Narrativa. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *