«Visibilizar o fondo fotográfico de Ramón Caamaño. A fotografía como documento e patrimonio cultural», un artigo do antropólogo Manuel Vilar


Lembrei nesta breve anotación da bitácora (15 de maio de 2012) como coñecín o fotógrafo muxián Ramón Caamaño Bentín (Muxía, 1908-2007) e moitas das súas imaxes seguen a me producir fascinio. Por esta razón acudín, na compaña do amigo antropólogo Manuel Vilar Álvarez, á presentación do volume O Son que coñeceu Ramón Caamaño. Xentes e espazos dentro e fóra do marco fotográfico, de Raúl Soutelo Vázquez e José Manuel Vázquez Lijó (Deputación da Coruña, 2018, 596 páxinas), que recolle un traballo galardoado co Premio de Ensaio «Manuel Murguía».

A raíz da nosa presenza no lanzamento da obra, Manuel Vilar escribiu un artigo que continúa a súa serie de colaboracións no diario dixital quepasanacosta co título «Visibilizar o fondo fotográfico de Ramón Caamaño. A fotografía como documento e patrimonio cultural». Deseguida achegamos o seu texto, do que se pode ler o orixinal nesta ligazón, onde vai acompañado de varias fotografías que tamén reproducimos nesta anotación.

Visibilizar o fondo fotográfico de Ramón Caamaño. A fotografía como documento e patrimonio cultural

O 25 do mes pasado foi presentado na Casa da Cultura do Porto do Son o libro O Son que coñeceu Ramón Caamaño

Este libro foi merecedor do XI premio Manuel Murguía de ensaio, premio que outorga a Deputación da Coruña, un dos máis prestixiosos de Galicia e un dos que perduran. O libro conta a historia recente desta vila da Barbanza a partir de historias de vida da xente. Para facer isto os autores, Raúl Soutelo e José Manuel Vázquez Lijó, historiadores con oficio, parten das fotos que Ramón Caamaño tirou nesa vila no ano. As fotos do fotógrafo muxián son “a clave de bóveda”, en frase dos autores, que sustentan toda a estrutura do libro. Non é este un álbum de fotos, nin un libro sobre a obra de Ramón Caamaño, pero as fotos deste autor foron fundamentais para, primeiro, encetar a obra e, despois, darlle consistencia levala a cabo.

Caamaño no castro de Baroña e no Porto do Son

Quizais haxa que dicir algo sobre a estadía de Caamaño no Porto do Son. Caamaño chega ao Son en outubro de 1933 cando tiña 25 anos. Faino por incitación dun carabineiro toledano desprazado a esta localidade a quen lle interesaban as antigüidades. Foi este carabineiro quen animou a Caamaño para tirar fotos do castro de Baroña, que naquel ano se escavaba a cargo da Universidade de Santiago de Compostela. A campaña de escavacións estaba dirixida por Sebastián González García-Paz, quen promovera tamén a do castro de Borneiro. Nun lado e noutro estivo tamén Xaquín Lorenzo “Xocas” que, ademais de participar nas escavacións, escribiu sobre etnografía, tanto en Borneiro como no Son. Estes traballos son referencias bibliográficas obrigadas sobre a parroquia soneirá e sobre as embarcacións tradicionais.

Foi esta unha iniciativa pioneira e das primeiras escavacións sistemáticas dun castro da idade do Ferro, marcando o inicio dunha nova etapa na arqueoloxía galega. Baroña e Borneiro son referentes que van máis alá do campo estritamente arqueolóxico. Son nomes que pertencen a un imaxinario común.

Pero Sebastián, “Tano”, como lle chamaba o seu amigo Antonio Fraguas desde os tempos do instituto, tivo que exiliarse en Porto Rico ao comezo da barbarie fascista, deixando a arqueoloxía e collendo outros camiños para sobrevivir. O seu nome é descoñecido para moitos arqueólogos e académicos hoxe. Borrar os nomes, a memoria, é o mellor que saben facer os fascistas. Este ano, e con motivo do Día das Letras dedicado a Antonio Fraguas, teremos ocasión de lembralo, de lembrar a importancia do seu traballo e reivindicar a cultura como necesaria para a dignidade das persoas e a convivencia.

Podemos dicir entón que Caamaño é dos primeiros en facer fotografía arqueolóxica e en facer dun xacemento castrexo a imaxe turística dun pobo.

Na súa estadía no Son de case un ano, Caamaño tamén tirou fotos das xentes e son estas fotos as que agora valen para reactivar a memoria dos homes e mulleres sonenses. A estadía no Son tamén tivo importancia na vida persoal de Caamaño ao coñecer a que sería a súa muller, polo que se pode dicir que a estadía, breve no tempo, foi importante na súa obra e na súa longa vida.

O valor documental das fotos

Non é esta unha colaboración para falar do libro, de coidada edición e magnífica no tratamento das fontes, o que fai que se lean as súas case seiscentas páxinas con agrado, senón aproveitar a publicación desta obra para reivindicar o valor do traballo fotográfico de Ramón Caamaño, o seu valor documental e chamar a atención das administracións sobre este fondo fotográfico.

Para moitos a fotografía é unha expresión artística, mais toda expresión artística é tamén parte do patrimonio cultural, así, a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia entende que as manifestacións fotográficas tamén integran o patrimonio artístico de Galicia, que forman parte do noso patrimonio cultural. Pero tamén se pode e debe entender a fotografía como documento, e como documento igualmente forma parte do patrimonio cultural. A obra de Ramón Caamaño cumpre estas dúas facetas, mais aquí queremos referirnos ao valor documental, o que non quer dicir que desbotemos o valor artístico.

As fotos mostra información sobre unha comunidade social, sobre os seus modos de vida, e valen para achegármonos a realidades históricas e culturais que, en casos, están xa perdidas polo paso do tempo e o evolucionar da sociedade. A fotografía queda, entón, como o espello que perdura e actúa como representación dunha vida, duns obxectos, tipos, paisaxes, arquitecturas, rituais, etc. A fotografía, neste casa a de Ramón Caamaño, fálanos de representacións de modos e historias de vida, dunha memoria colectiva. O valor destas fotos reside na inxente información visual que achegan sobre un tempo histórico e unha sociedade, que non é outra que a conformada polas xentes que habitaron as terras da Costa da Morte desde o segundo cuarto do século XX.

A partir das fotografías podemos documentar paisaxes, arquitecturas, persoas desenvolvendo o seu medio de vida, persoas no seu tempo de lecer, nos seus ritos de paso vinculados a historias de vida (campo propenso en Caamaño), persoas que tiran unha foto para enviar aos parentes emigrados alén mar e mostrar como están ou como xa non están entre os vivos. Pero sobre todo as fotos evocan e activan a memoria dos que as miran, axudando a construír e reconstruír a súa memoria como seres sociais, vinculados a unha familia e a un lugar.

Concluímos: as fotos son documentos que falan de nós. Mais é preciso visibilizar eses documentos, ordenalos e catalogalos. A visibilización é clave na difusión e no coñecemento. Visibilizar é prestixiar. Se as cousas están arrombadas nun rocho, como dirían por Lugo, non teñen valor, non son tidas en consideración social. O que non ten difusión non existe, non se coñece, e se non existe non forma parte dun patrimonio que, para ser, ten que ser compartido e ser accesible á cidadanía. De non existir non pode ter función social.

Aquí hai que chamar a atención das administracións, desde a Xunta ás locais, que todas teñen responsabilidades, que se poñan a traballar para que o fondo fotográfico de Ramón Caamaño sexa accesible á cidadanía. As fotos de Caamaño son documentos visuais, fontes para o estudo da nosa sociedade e, especialmente, artefactos culturais que temos que usar para reconstruír a memoria social nun tempo no que se potencia a desmemoria.

O concello de Laxe levou á Xunta de Galicia a proposta de declaración de Ben de Interese Cultural, a primeira para un fondo fotográfico, do Arquivo Vidal. É un exemplo dun goberno local preocupado e interesado pola memoria social, unha medida para prestixiar o patrimonio local, que por ser local é tamén global.

A importancia do fondo de Ramón Caamaño  é salientable polo volume dos seus fondos, pola temática e marco territorial que abrangue, como polo valor documental e depositario de información histórico-etnográfica do territorio e sociedade da Costa da Morte. Deberíamos telo en máis consideración.

Manuel Vilar Álvarez

Esta entrada foi publicada en Arte, Biografía, Ensaio, Fotografía, Historia, Premios, Presentacións. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta