«As embarcacións nos poemas de Antón Zapata García», artigo publicado en Nova Ardentía, 10 (2018)

Xa se pode apañar nas librarías o número 10 de Nova Ardentía. Revista Galega de Cultura Marítima e Fluvial, publicación que recolle o relevo de Ardentía, que dirixía o chorado amigo Luís Rei (O Grove, 1960 – Pontevedra, 2015), escritor e bibliotecario en Cambados, e cuxo relevo está en mans dun Consello de Redacción que formando o académico Francisco Fernández Rei, o escritor Emilio Xosé Ínsua, Manuel García Sendón presidente da Federación (nativo de Lira), Xaquín Lores e a portuguesa Ivone Baptista.

Neste número 10 de Nova Ardentía, edición extraordinaria con motivo dos 25 anos na salvagarda, e que se presentou ao público lector o sábado 28 de xullo no Museo Massó, no marco do XXII Encontro de Bueu acompañando a homenaxe aos tamén 25 anos da «Nova Marina», publico un breve artigo intitulado «As embarcacións nos poemas de Antón Zapata García», que adiantaba a saída o volume da nosa autoría Dorna saudal. Poemas do mar e léxico mariñeiro de Antón Zapata García (Edicións Fervenza, 2018). Velaquí:

As embarcacións nos poemas de Antón Zapata García

Neste ano, se a nao non naufraga, sairá do prelo o volume da nosa autoría Dorna saudal. Poemas do mar e léxico mariñeiro de Antón Zapata García. Edición de Miro Villar. Neste estudo faise unha detallada análise dos poemas descritivos do mar e da vida mariñeira que se inclúen no único libro de Antón Zapata García (Laxe, 1886 – Bos Aires, 1953), intitulado A Roseira da Soidade (1954, póstumo). O propio poeta realizou un agrupamento na segunda parte do poemario dunha serie de textos relacionados todos eles co mar que se xuntan baixo a epígrafe Dorna saudal, iniciada precisamente cun poema co mesmo título «Dorna saudal» e que remata no texto final, nos que case todos os encabezamentos xa son ben evidentes do contido mariñeiro: «A renda do mar», «O Faro», «Porto peixeiro», «A Costa da Morte», «Armóñicas furnas», «Presentimento», «Alando a traíña», «Mar roleiro», «A resposta das ondas», «Trincado», «O perdón das furnas», «Mareas vivas», «Meu padriño», «Chuco da Dorna. Mariñeiro galego», «Marisma», «Redes no mar», «Ao marchal-os barcos», «Mariña de primaveira», «Mariña de vran», «Mariña de outón», «Mariña de inverno», «Pedras de Besugueira», «Boguina», «Praias da Soidade», «Algazos», «Amante navío», «Carrexando redes», «O probe do mar», «A Vila de Laxe», «Gaivotas», «Vento irmán», «As arelas d-un trunfo» e «Acordeón galego». Malia existiren outras composicións que conteñen léxico e referencias do mar, certo é que existe esta unidade temática preconcibida que xunta trinta e catro poemas, fronte á maior heteroxeneidade do resto do libro.

No noso estudo e tendo en conta a clasificación que fai Alvar no Léxico de los mariñeros peninsulares [1985: 43-60] elaboramos un «Glosario do léxico mariñeiro», no que non se definen as palabras de uso máis común mais si todas as demais e no que se ofrecen a maioría dos contextos de uso. Aos doce apartados sinalados por Alvar engadíronselle outros dous a maiores: o primeiro intitulado «Fraseoloxía mariñeira» e o segundo «Onomástica mariñeira».

Pois ben, de todos eses apartados adiantamos en Nova Ardentía os termos unicamente referidos aos tipos de embarcacións que se citan na poesía de Antón Zapata García e o seu contexto de uso, agás nos casos de palabras reiteradas ou moi comúns. Velaquí a cala realizada:

EMBARCACIÓNS

Tipos

alquimán (Non atopamos esta palabra en ningún dicionario, mais polo contexto é sinónimo de paquete ou paquebote, ‘Barco de transporte de mercadorías e viaxeiros’, era un rexo paquete, un barudo alquimán / no que eu ía a Bôs Aires sobre o lombo do Atrán. Cfr. infra «Alquimán»).

● balandro (‘Embarcación de vela que se empregaba antigamente na pesca’, i-en Laxe teño un balandro). Fernández Rei [2003b: 295] sinala que é un «tipo de embarcación desaparecida», que xa se documenta en Ramón Cabanillas e en Rafael Dieste.

barca (Tan só aparece cando fala dun tipo de embarcación, a mallorquina barca, con certeza a tradicional barca mallorquina de vela latina, denominada llaüt en catalán, e, ô médeo ô mar imenso, a mallorquina barca).

barco; barcos (O uso máis sorprendente prodúcese neste verso: E ollando aos negros barcos traspondo a Baleeira, / por todol-os galegos que migran, eu choréi, nos que a cor da embarcación semella tratar de identificar a dor da emigración cos barcos escravistas).

● Barco-Escola (‘Navío de guerra no que completan a súa formación os gardas mariñas’, Refírese ao Serpent, que naufragou na costa de Camariñas).

● bateas (‘Barca grande de fondo plano’, ¡y-as lanchas, com’o bateas, / entraron dentro d’as casas!…).

bergantíns e bergantís; bergantiño; bergantiños (No estándar bergantín, ‘Barco veleiro de dous mastros e velas rectangulares’).

botes.

buceta; bucetas (‘Bote pequeno de remos e vela, coa proa igual á popa’. Salienta a súa utilización en labores de salvamento marítimo, e, abordo de unha buceta, / seis pescos van arriscarse / pol-os do barco estranxeiro / que ollan a morte dediante…).

● canelas (Descoñecemos o sentido exacto desta palabra que non aparece nos dicionarios. En relación co mar só atopamos, en castelán, canilla ‘Variña metálica que une a carlinga á driza e que pasa a través do banco do pao’. Porén, no noso poeta polo contexto semella facer referencia a un tipo de embarcación, ao arribar de «Saravia», «Mar do Sol», e outras canelas…).

chalana; chalanas (‘Embarcación pequena de remo, con fondo plano, proa triangular e popa rectangular, que se utiliza como auxiliar nos portos ou para a pesca costeira’).

dorna; dornas; dorniña (‘Embarcación de pesca provista dun mastro onde leva unha vela de relinga, de forma trapeizodal’).

escoadra (‘No estándar escuadra, ‘Agrupamento de navíos de guerra’, no Día de Difuntos, a escoadra medoñenta / de guerra, saüdaba os mortos que alí tên…).

● gabarras (‘Embarcación pequena de fondo chato que se emprega nos portos para carga e descarga’, van deixand’as gabarras aos coitados / que miran, tristemente, n’a cuberta, / os panos que s’axitan pó-la costa / como señas d’adioses e d’apretas!…).

gamela; gamelas (‘Con independencia do tamaño e do tipo de proa, na actualidade chámaselle gamela ou chalana á embarcación que ten fondo plano e que se dedica maiormente á función de barco auxiliar ou para marisqueo a flote’).

Cfr. Fernández Rei, Francisco; Emilio Xosé Insua López e Luís Rei (2005). “Fálame de barcos (I)”. Ardentía, nº2, maio. 11-17.

galeón; galeóns (‘Barco grande de vela’).

goleta; goletas (‘Embarcación lixeira a vela de dous ou tres mastros’).

lancha; lanchas (‘Embarcación pequena de remo ou motor que se utiliza para a pesca costeira’).

«La embarcación típica de Fisterra y muy generalizada en nuestra costa due la “lancha”. Muy próximo a las fábricas de salazón de aquel puerto las construían los carpinteros de ribera fisterráns. Embarcación de unos 6,5 a 7 m. de eslora, dos de manga y 1,25 m. de puntal, con pequeños castillos o tambuches en proa e popa para llevar las liñas y las comidas, fue muy usada hasta la década de los cincuenta. La tripulaban 8 ó 9 hombres que remaban a cuatro por banda ―a veces ayudados por una vela trapecio― y que se dedicaban al cordel, palangre, xeito, nasa y al percebe, que luego vendían a los “xalleiros”». Cfr. Baña Heim (1980: 64).

lancha xeiteira (‘Embarcación que usa a arte de pesca do xeito’. Cfr. infra xeiteiras).

lanchas peixadoras; lanchas peixeiras.

motoras (‘Embarcación pequena con motor’).

naves; navío; navíos (Alén diso, nun contexto refírese ás naves das catedrais e das basílicas).

paquete (Ou tamén paquebote, ‘Barco de transporte de mercadorías e viaxeiros’, era un rexo paquete, un barudo alquimán / no que eu ía a Bôs Aires sobre o lombo do Atrán).

somariños (No estándar submarino, ‘Navío de guerra que navega debaixo da auga do mar’. —«¡Na outa mar os somariños / espantárono con bombas!»… Cfr. supra somariños ‘debaixo do mar’).

tarrafas (‘Embarcacións que usan a arte de pesca ao cerco do mesmo nome para a sardiña’: n-entán säen do porto tarrafas e traíñas // si s-engaiolan n-as mallas / das tarrafas e traíñas. Cfr. infra tarrafas ‘aparellos’).

traíñas; traiñeiras ou os castelanismos trainera; traineras (‘Antiga embarcación de pesca a remos’. Cfr. infra traíñas ‘aparellos’).

«La “traíña” era una embarcación de hasta 14 m. de eslora, de bastante manga, movida por catorce remos (siete por banda), con una cubierta amplia en la popa, en donde llevaba la red. Normalmente la tripulaban 16 ó 17 hombres a los que se les pagaba su jornal y un porcentaje por la captura. Pero, además, llevaba como auxiliares para ayudar a largar y levantar el copo, dos lanchas o traineras con siete hombres». Cfr. Baña Heim (1980: 64).

trasatrán; trasatráns; trasatrante; trasatrantes (No estándar trasatlántico(s), ‘Embarcación para o transporte de pasaxeiros’. Nunha ocasión caracterizándoa, sorríslle aos trasatráns de aceiro frío).

vaporas (‘Embarcación pequena de motor que se utiliza na pesca costeira’).

velanteiros (Denominación coloquial para os bergantíns, e, por bôs velanteiros, non hai que non conoza / dende Hamburgo a Bôs Aires, riva Pedro Mendoza).

veleiro.

xeiteiras (‘Embarcación que usa a arte de pesca do xeito’v. Cfr. supra lancha xeiteira).

Esta entrada foi publicada en Sen categorizar. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta