Artigo en QPC (LI): «A viaxe pola Costa da Morte no poemario Galicia en bus de María Reimóndez»

Veño de publicar unha nova colaboración en QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, desta volta sobre «A viaxe pola Costa da Morte no poemario Galicia en bus de María Reimóndez». Velaquí o artigo que tamén se pode ler nesta ligazón.

A viaxe pola Costa da Morte no poemario Galicia en bus de María Reimóndez

Na primavera chegaba ás librarías un volume que facía o número 54 da colección Xerais Poesía e que na súa contracapa a editorial presentaba con este suxestivo parágrafo:

«Galicia en bus é un libro de poemas que traza un percorrido íntimo e, ao tempo, social e colectivo, desde unha perspectiva feminista, articulando un mapa cartográfico que funde o territorial coas lembranzas persoais e o propio corpo. Este libro, co que a escritora María Reimóndez gañou a XX edición do Premio Johan Carballeira do Concello de Bueu, afonda na identidade persoal e na identidade política establecendo e proxectando unha forte ligazón entre distintos periplos e espazos que se vencellan á memoria, á experiencia, ao país e ao feminismo».

En efecto, María Reimóndez (Lugo, 1975), autora dunha sólida obra poética, narrativa, de literatura infantil e xuvenil e de ensaio, nomeadamente feminista, realiza neste seu novo libro de poemas dúas viaxes, pois nos versos hai unha viaxe física en autocar ou ómnibus polo noso territorio, mais tamén unha outra viaxe simbólica e reivindicativa moi poderosa.

A estrutura do libro en catro partes, cos seguintes epígrafes: «Puntos de partida», «Os traxectos», «As estacións» e «Destino?», fai dialogar os poemas cunha serie de paratextos de diferente extensión que se presentan como citacións dunha tese intitulada O transporte público rodoviario na Galiza, cuxa autoría pertence a unha enigmática M. Roda.

A voz poética da primeira parte céntrase en xeografías que lle serían propias a María Reimóndez, as cidades de Vigo e Lugo, as vilas de Vilalba e Becerreá, a montaña dos Ancares, que acadan cumios expresivos na memoria das conversas coa avoa, no seu legado da lingua, a lembranza dos espazos do mundo rural da infancia e da adolescencia que se contrapoñen coa xeografía do traballo da cidade viguesa, da lonxa, da factoría de Citröen…

«Os traxectos» é a parte máis breve e máis metaliteraria, onde abrolla a reivindicación da palabra das mulleres fronte á secular desconsideración da sociedade patriarcal. Darlle voz, e fornecer esa voz de altofalantes para o seu empoderamento.

«As estacións» é o corpo central do libro e nesta parte aparecen os traxectos e as empresas de transporte público que teñen a concesión das liñas nestes últimos tempos. Son ducias de topónimos percorridos tras as xanelas do ómnibus (e aquí é onde emerxe unha importante presenza da Costa da Morte) que serven para poetizar episodios e reflexións, como se un caderno e un lapis acompañasen a voz poética nas longas viaxes de usuaria do transporte público. Os temas son diversos, van da escena máis emotiva á referencia social e política, sempre coa ollada limpa do feminismo que cuestiona os valores herdados e impostos.

E finalmente a pregunta existencial «Destino?» agrupa un pequeno feixe de poemas nos que a voz poética interroga sobre o propio fado mais tamén sobre a evolución (revolución unhas veces ou involución en moitas outras) da nosa sociedade e do noso pobo, mentres a paisaxe vai mutando, en ocasións até se converter en monstruosa ou deforme.

As localizacións explícitas da Costa da Morte aparecen na terceira parte intitulada «As estacións», concretamente nos poemas «De inverno» [Santiago-Vimianzo: liña de Fisterra, Autos Arriva]; «Toponimia 1»; «De primavera» [Santiago-Corcubión: Arriva] e «De verán» [Santiago-Fisterra: Arriva]. Velaquí estes catro poemas dunha obra de lectura moi recomendable e moi suxestiva, que nos formará como persoas máis críticas.

De inverno

[Santiago-Vimianzo: liña de Fisterra, Autos Arriva]
Soa Bebe
«la lluvia caerá»
nun mollado día
de pouca luz
cos ollos iluminados.

Escribo en movemento
cando penso
cando subo
cando vou
cando chego
e escribo cando escribo
cando paro
cos pés na corda frouxa
buscando a lucidez
das rodas anchas
entre tanta vía estreita
(pista).

Toponimia 1

Non podemos evitalo.
A máis inconsciente manifestación
do noso ser
que deixa pegada indeleble
nun dicionario inmenso
que aplicamos decotío
revivindo con el a lingua
de quen falou en épocas
só memorables
para o carbono 14.
Brenlla
Xallas
Mazaricos
Santa Comba.
Enleados os nomes dos lugares
á identidade
polas mesmas bocas
agredida.

De primavera

[Santiago-Corcubión: Arriva]
En abril,
nubes de la no ceo
o verdecer das árbores
en cada letra.

De verán

[Santiago-Fisterra: Arriva]
Un peregrino madrileño
explícalle a outra
estadounidense
que os galegos
somos rubios e con pencas
e supersticiosos
por sermos celtas.
Mais eu son morena
e non creo nas supersticións
nin nos celtas.
Fai falta algo máis
para unha permanente crise
da identidade?

Esta entrada foi publicada en Poesía, Premios, Recensións, Roteiros. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta