Viaxe ao noroeste de Italia (Lombardía, Piemonte e Liguria): A crónica da profesora e viaxeira Xela Cid


(As fotografías que ilustran esta anotación son de propia autoría, agás a do grupo realizada polo xornalista Ameixeiras)

A xeira anual do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (Semescom), «Viaxe ao noroeste de Italia (Lombardía, Piemonte e Liguria)», que desta volta nos levou a viaxar entre os días 18 e 26 de agosto polas terras do noroeste italiano e xa no regreso con estacións nas cidades francesas de Lyon e Bordeaux, tivo unha segunda e moi completa crónica que realizou a profesora Xela Cid e que se pode ler no propio sitio web do SemEsCom. Deseguida reproduzo aquí o seu texto.

Crónica da viaxe do SEMESCOM polo NO. de Italia (18-26 de agosto de 2018)

Flora, a deusa das flores e a primavera na mitoloxía romana, goza nesta estación porque a natureza énchese de colorida vexetación e as cidades gañan vida, incitando a saír da casa.

Son os meses onde antano se facían os ritos pagáns en torno ó ciclo da vida.

Nós tamén renovamos as viaxes. O verán marca este cerimonial que celebramos con ledicia.

O Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte reinvéntase cada agosto para sacar adiante esta viaxe cultural, destapar novos enclaves culturais e naturais, gozar da compaña e da gastronomía, as carreiras e as présas, as emocións, as sorpresas e os imprevistos.

Flora ou Cloris, a deusa grega, estaría orgullosa das inquedanzas viaxeiras do SEMESCOM, que implican unha renovación interior e exterior, persoal e de grupo, e o desenvolvemento dun conxunto de obxectivos, que foron un ano máis acadados con creces.

Como ben escribiu o xornalista A. Lavandeira, nesta ocasión foise dende o mar bravo da Costa da Morte ás augas mansas dos lagos glaciares italianos.

Durante nove días, do 18 ao 26 de agosto os viaxeiros fixeron unha inmersión no destino escolleito, Italia, adaptándose inmediatamente a durmir pouco e camiñar lixeiros, para absorber como unha esponxa todo canto hai ó seu paso.

E a décima viaxe, e a primeira vez que o grupo vai a Italia.

Vicente Risco escribiu:  «Ti dis: ‘Galicia é ben pequena’. Eu dígoche: ‘Galicia é un mundo; pequeno es ti, que nunca poderás concibir nada grande».

Pois con Galicia de fondo e a Costa da Morte sempre presente, metémonos no universo italiano, un dos pobos máis comunicativos e xestuais, cun patrimonio cultural e natural abraiante e inabarcable. O quinto país máis visitado do mundo, o que conta con maior número de patrimonios culturais da humanidade e o que ten recoñecidas doce linguas minoritarias.

O “aéreo” de Lavacolla a Linate e o “pullman” que nos estaba agardando fixeron posible descubrir nun tempo breve as rexións do norte italiano: o Piemonte, a Lombardía, os grandes lagos e a Liguria, ata chegarmos tamén a algunha cidade do Véneto e da Emilia-Romagna.  Tren, barco, buses-lanzadeiras e funiculares axudaron a moverse máis axiña.
Non é doado recapitular e expresar o vivido neste curto tempo viaxeiro que se torna eterno. Sentir que no cotián o tempo voa e fóra da casa rende. Alongar a vida é un dos milagres das viaxes.

Comezamos o percorrido por unha das grandes cidades norteñas, Milán, co seu gran “duomo”, a catedral gótica con 135 agullas, 2300 estatuas e incontables gárgolas. Sobresae na enorme praza, toda recuberta de mármore rosado das canteiras de Candoglia dos Alpes próximos ó lago Maggiore.

A chaira Padana, a máis extensa “pianura” europea, ábrese formando un triángulo, intensamente cultivado, incluso con arrozais insólitos por estes lares. O río Po vertebra do oeste ó leste o territorio ata rematar no mar Adriatico formando un extenso delta en parte patrimonio da UNESCO.

Altérnanse días de sequeiro polo interior, con xornadas acuáticas lacustres en mariñas.
Despois da capital lombarda, a rexión dos Lagos. Da man de Plinio chegamos ó Lago di Como, e logo ó lago di Garda, espellos das montañas alpinas, sinónimos de vacación e tranquilidade.


Logo viñeron un rosario de cidades, Bérgamo, Brescia, Verona, Padua, Mantua, Módena e Parma. Unha enchente dunha vintena de lugares todas coas súas “piazzas”, “piazzales”, galerías, teatros, castelos, torres do reloxo, cidadelas, grandes e pequenos museos, casas natais de personaxes ilustres da historia, da música, da literatura, e, como non, tendo sempre como referencia  o “duomo” sinalando o centro da poboación. Tamén os repetidos “corsos” e “vias” dedicados a Roma, a Garibaldi, a Venecia, República Italiana ou a Manzoni. Logo cada unha é única.

O clima foi unha sorpresa. A palabra norte enganounos. Pensamos que sería máis fresco có sur, pero a chaira encaixada entre os Alpes e os Apeninos, só aberta ó Adriático, mal ventilada e con moita humidade fíxonos suar e consumir litros de auga. Nin o mar quente da Liguria daría tregua. As pizzas, os xeados e as ceas en común axudaron  a levalo.


A Liguria foi o día mariñeiro. A visita a Le Cinque Terre foi unha xornada para lembrar. Nervios, risas, calor, perderse e atoparse. O barco e o tren amosaron dúas miradas  ben distintas de Riomaggiore, Manarola, Corniglia, Vernazza, Monterosso al Mare e a considerada sexta vila: Portovenere. O paseo por estas viliñas permitiunos comprender o que pode chegar a facer o turismo masivo mal xestionado.

Así marchamos para a Superba Magnífica de Petrarca, Xénova, capital da Liguria e o gran porto de Italia. Extraordinarios palacios barrocos das rúas Balbi e Garibaldi, contrastando coa zona medieval dos “carruggi”, estreitas rúas leito de vellas torrenteiras. Algúns tiveron tempo de subir ó Bigo no porto cun elevador que permite ollar ó lonxe a Lanterna, o faro do século XII.

Queda a capital do Piemonte, Turín, a máis próxima ós Alpes, ás fontes do “fiume” Po baixo o Monviso, responsable da formación da gran chaira. O río protagonista do Norte. O símbolo de Torino, a Mole Antonelliana, sobresae e domina todas as alturas.

A sorpresa foi o día alpino. Primeiro a Sacra de San Michele, a abadía bieita no cumio do monte Pirchiriano que forma parte dos sete santuarios da chamada “liña de San Miguel”. Nela descubrimos os homes verdes (os “green men”) que vomitan ramas na porta do zodíaco.

Dende o cume observamos o fermoso e gran val glaciar de Susa.

Na busca da fronteira francoitaliana subimos ata o lago Mont-Cenis para gozar da tranquilidade e da beleza das paisaxes alpinas, e así despedirnos de Italia. Xa estamos en Francia.

Esperábanos outra gran cidade no alto Ródano, Lión, cos “traboules” e a catedral de San Xoán no Lión Vello, o outeiro de Fourvière e a Presqu’île, península entre o gran río e o seu afluente o Saona coas fermosas rúas da República e Herriot.

Xa  internados en territorio francés, o agasallo de pasar e ver a zona volcánica da Auvernia, ata chegarmos a Bordeos, cear, dar un paseo pola media lúa do porto coas luces escintilando nunha cálida noite de verán.

Cando saímos de Galicia non sabiamos que se ia facer a viaxe máis literaria e poética ata o de agora.

Como di Claudio Magris, o gran literato italiano contemporáneo: «Dende a Odisea, literatura e viaxe aparecen estreitamente vencelladas”. Foi un auténtico recital rodante. En latín, en italiano, en galego… Foron Virxilio, Catulo, Montale, Forcadela… Todo isto acompañado dunha selección de cine italiano, música de Fabrizio De André, historias de xentes comprometidas como o escritor apaixonado do montañismo Erri De Luca. En definitiva unha gran participación e diversidade temática nas  “chiacchieratas”, charlas ou parolas no bus desta viaxe. Historia, xeografía, xeoloxía. medio ambiente, mundo romano, arte románica ou literatura italiana e galega.

Foi sen dúbida unha viaxe de contrastes: alto e baixo, Alpes e Apeninos e a Chaira padana; o interior e o mar, a “pianura” e o mar Lígur; grandes “rollis”, estreitos “carruggis”. As altas torres permitiron ver a gran chaira a voo de paxaro. Moitos subiron ó “Campanone” de Bérgamo ou á “Lamberti” de Verona, ó bosque de pináculos do “duomo” milanés. O espectáculo sempre pagaba a pena.

Queda un pouso para a reflexión. Evitar que en Galicia e na Costa da Morte en particular un turismo descontrolado estrague paraísos naturais. Sempre se debe buscar e reivindicar o equilibrio entre ecoloxía e economía. Non todo debe ser produción. Deixar espazo natural para gozar de saúde e beleza. Preguntarse porque o noso rural esmorece. O Val de Susa e a subida o Mont-Cenis ensináronnos coas abas das montañas cubertas ata os cumes de vexetación o que levamos perdido no monte galego.

Pola defensa do patrimonio leva traballado arreo o SEMESCOM na Costa da Morte.

Para rematar, como di o escritor Javier Reverte, viaxar, ler, escribir, son tres maneiras de tentar deter o tempo e comprender o mundo no que nos movemos.

Na cabeza da directiva do Seminario, que tan bo traballo fixo todo o ano, e na preparación desta viaxe italiana, o ano novo quizais faga agromar novos destinos para futuras viaxes.
Esta foi suave como a seda artesanal que se produce en Como e en Lión.

A incorporación brillante ós discursos da moza estudante viaxeira Mariña Gándara, na derradeira cea en Bordeos, encheu de orgullo e ledicia a todo o grupo e xerou a esperanza de que a xente máis nova recolla o testemuño do traballo que o Seminario de Estudos Comarcais fai pola Costa da Morte e por Galicia no seu conxunto.

Por Xela Cid

Esta entrada foi publicada en Arte, Cinema, Estudos literarios, Exposicións, Fotografía, Historia, Lendas e mitos, Poesía, Roteiros, Versións ou traducións. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta