Recensión a Soneto no alfabeto, de Xoán Carlos Domínguez Alberte, en Grial 218

No último número, 218 (abril, maio, xuño do 2018) de Grial, Revista Galega de Cultura, que desde hai uns días xa anda polas librarías, e tamén se pode adquirir en edición dixital desde a propia páxina da Editorial Galaxia, asino na habitual sección intitulada «O espello das letras» unha recensión intitulada «Un sonetario para a mocidade» (aínda que o título que eu propuxera era un bocado máis longo «Un sonetario para achegarlle a poesía á mocidade»). para dar conta do libro de poemas Soneto no alfabeto (Galaxia, col. Costa Oeste, 2018), de Xoán Carlos Domínguez Alberte, que se basea no texto que proferín o día da súa presentación, o pasado 15 de maio, na compostelá Libraría Couceiro.

Por outra banda, este número 218 xira arredor do tema «No V Centenario da Reforma protestante, 1517-2017», con artigos sobre a cuestión da autoría de Pegerto Saavedra, Benito Méndez, Alfonso Novo e o poeta e narrador Xulio Valcárcel.

De especial interese para nós é o revelador artigo «Os testamentos de Ramón Otero Pedrayo» da autoría de Patricia Arias Chachero, unha das nosas mellores especialistas na súa obra e na súa biografía e membro do Consello de Goberno da Fundación Otero Pedrayo.

Tamén se publican na sección «Temas do noso tempo» o artigo de José Ramón Castro Frade «Feiras onte, feiras hoxe», e na sección «Historia e Memoria» os evocadores textos de Xoán Anllo «A Nosa Galiza e o asociacionismo galego en Xenebra» e «O Centro Gallego de Buenos Aires, 1879-2018», que asina Hugo José Rodino Lalín. Por parte, na sección «Ciencia e Técnica» Jorge Mira Pérez escribe sobre «A costa do solpor Europea» e Daniel Soutullo analiza «A gripe española a cen anos vista».

Alén doutras recensións, completan este novo número, as páxinas de creación narrativa de Lois Alcayde Dans e a dramaturxia de Vanesa Sotelo, así como unha ben fermosa e lúcida «Carta a Baldo Ramos desde a sombra da Árbore da Memoria» de Xosé María Álvarez Cáccamo; unha «Crónica de Kiev. Unha cidade en equilibrio tenso» que asina Xavier Queipo e os breves ensaios «Arte territorios. Lugares comúns» que asinan María Lois e Carme Nogueira, e finalmente «O contrafío das mulleres» da autoría de Carlos Lema que pecha o volume.

Velaquí a miña recensión ao completo:

Un sonetario para a mocidade

SONETO NO ALFABETO

Xoán Carlos Domínguez Alberte

Vigo: Galaxia, 2018, 62 páxinas

Non é este o lugar para unha panorámica sobre a sonetística na nosa lingua da que este libro herda o cultivo dunha estrutura que se adoita nomear como a arquitectura lírica perfecta. Xa desde os denominados Séculos Escuros, aos que os últimos estudos reivindican máis notoriedade, temos algúns sonetos marabillosos. De moita altura hainos tamén no Rexurdimento e sobrancean na época das Irmandades da Fala, de feito Gonzalo López Abente foi o autor do primeiro sonetario na nosa lingua, Do Outono (1924).

E xa nunca se deixaría de cultivar na nosa lingua. Son moitos os nosos sonetistas, moitos, na preguerra e na posguerra, tamén entre os poetas da emigración e do exilio republicano, e en todas as xeracións poéticas, con moita e notoria presenza na promoción dos oitenta. Até a autora a quen homenaxeamos nas Letras Galegas, Mª Victoria Moreno abre cun soneto e inclúe vinte e dous no libro póstumo Elexías de luz (2006), que compila toda a súa poesía en edición de Xabier Senín.

Será na década dos noventa cando a sonetística principie un certo declinio, mais aínda hai poetas que escriben sonetarios.

Esta feraz tradición na que se insire Soneto no alfabeto tamén ten algúns precedentes na nosa literatura infanto-xuvenil, poñamos por caso o póstumo Animal sen fel (1998), de Fiz Vergara Vilariño, constituído por vinte sonetos dedicados á súa cadeliña. Ou unha pedagóxica obra de Vicente Piñeiro González intitulada Sonetos á xeometría (1998). E tamén hai sonetos en Chove nos versos (2004) ou noutros libros do premiado Antonio García Teijeiro. Sen esquecermos, para rematar e novamente sen sermos exhaustivos, o espléndido Zoonetos (2017) de Antón Cortizas, protagonizado por animais.

Xoán Carlos Domínguez Alberte introduce este Soneto no alfabeto cun décalogo de «Intencións», como aquel coñecido poema de Manuel Antonio, que pretenden dar unha explicación precisa dos motivos que o levaron á elaboración deste sonetario e da que salientarei a sexta: «Tentáronse construír creacións que fosen válidas para a mocidade galega, quen é e debe ser protagonista da xeira de transmisión e universalización da nosa lingua».

E así achegámonos a vintedúas composicións que se presentan con cadansúa letra do alfabeto galego, do A até o Z. E en cada soneto esa grafía capital e o seu correspondente fonema serven para artellar continuadas aliteracións que propician unha forte musicalidade interna nos poemas, a xeito daquel fonosimbolismo que xa cultivou Rosalía de Castro: Non che teño medo moucho / moucho, non che teño medo. E que devén espléndido e fermoso en Uxío Novoneyra: O lobo! Os ollos o lombo do lobo! / Baixa o lobo polo ollo do bosco.

Pois velaquí un exemplo na poética de Domínguez Alberte: Zoa a uz na campaza / e acende luz na cabeza / en forza de natureza / que en moza ou mozo naza.

Repeticións, estruturas paralelísticas bimembres, anáforas, paranomasias… son diferentes recursos que redundan nesa musicalidade dos versos, que malia seren sonetos ás veces convidan a algo tan contemporáneo coma “rapear”.

Do punto de vista formal todos os sonetos procuran o metro máis clásico (hendecasílabo) e alternan estrofas en cuartetos ou serventesios cos tercetos, agás na nada doada composición dos textos X e Z, nos que se opta por sonetos de arte menor en octosílabos, nos que bota man das cuartetas e das redondillas. De quitado dalgún verso un pouco rengo, hai destreza e dominio da versificación.

E desde o punto de vista temático está a presenza xeórxica dos elementos da natureza, as aves, as herbas (que son namoradeiras case sempre), a república do mar…

Está o tempus fugit, que lembra o paraíso da infancia e os brinquedos, as fragrancias todas do mundo labrego, o pan de centeo, mais tamén o mundo dos soños, os seres míticos, as fadas…

Está o lirismo intimista, o sentimentalismo, e como non o amor, mais tamén hai lugar para a ética e os principios…

Está a reivindicación da nosa lingua “meiga”, mais tamén “lingua viva en labarada / luminosa e cálida coma o sol”.

Está o proceso da propia escrita (“Escribo, leo e releo palabras / e estouche facendo un diario / en que ti imaxinación abras / ao chou en follas leves de dicionario”), sempre desde a liberdade pois nunca pode haber ideas prohibidas…

E está a metaliteratura, coma nesa botella verde que lembra aquela «Botella ao mar» que cantou Mario Benedetti ou aquela colección de poesía que inventou o noso Arturo Cuadrado.

O contido sempre en función do continente, mais sen hermetismos, con abonda transparencia para que se poida producir ese case sempre difícil, ás veces imposible, punto de encontro entre a mocidade e a poesía. Nos versos de Xoán Carlos Domínguez Alberte hai sobradas intencións de provocar ese estado de ánimo propicio para o achado e a descuberta.

Esta entrada foi publicada en Poesía, Recensións. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta