A Xanela. Suplemento cultural de «Betanzos y su Comarca». Edición facsímil (Xuño 1994-Maio 1995)

A A. C. Eira Vella de Betanzos, que edita A Xanela. Revista cultural das Mariñas, vén de recuperar en formato orixinal en papel, aínda que un chisco reducido, a histórica primeira etapa da publicación, daquela coa cabeceira A Xanela. Suplemento cultural de «Betanzos y su Comarca». Edición facsímil (Xuño 1994-Maio 1995), que desta volta recibiu unha axuda da Área de Cultura da Deputación da Coruña para a súa edición.

En xullo de 1997 viu a luz o segundo volume II. Publicacións periódicas do proxecto do Dicionario da Literatura Galega, que publicou Galaxia, coa coordinación da crítica e profesora de Literatura Galega na USC Dolores Vilavedra, no que fun colaborador como bolseiro de investigación e nesa altura traballei nas fichas dese tomo e tamén do III. Obras (2000).

Da miña autoría é a ficha sobre A Xanela, que chegaba até o número 2 da segunda etapa (que resistiu contra vento e maré e xa vai polo nº 41, converténdose nunha das revistas culturais máis lónxevas do País). Deseguida recupero a primeira parte daquela ficha, onde se fai referencia á etapa histórica da que o noso caro amigo o historiador Xesús Torres Regueiro nos agasallou cun exemplar. Velaquí.

XANELA, A

“Revista cultural das Mariñas” é o subtítulo desta publicación que aínda edita hoxe a asociación cultural Eira Vella de Betanzos. Principiou sendo un suplemento cultural, co mesmo nome, nas páxinas do periódico mensual Betanzos y su comarca. Esta primeira etapa tivo o seu primeiro núemro en xuño de 1994 e o 12, de maio de 1995. foi o último. Daquela tiraba catro páxinas, nas que tiveron acollida a creación literaria, a lembranza dos nosos escritores, a historia da nosa prensa, o patrimonio artístico, as priemiras letras de nenas e mozos, a música e as novas culturais da comarca. A experiencia truncouse por motivos alleos á asociación cultural Eira Vella. No que atinxe á nosa literatura, o suplemento cultural tiña unha importante sección intitulada “Escritores das Mariñas” na que o seu autor Xesús Torres Regueiro realizou glosas e breves biobibliografías de escritores como O Marqués de Figueroa, Manuel Lugrís Freire, Calviño de Castro, Xosé Ares, Salvador Golpe, Ramón Suárez Picallo, Ricardo Flores, Fernando García Acuña, Johán Vicente Viqueira e Florencio Vaamonde Lores. Ademais, a revista ocupouse no Día das Letras Galegas da obra de Seoane, con especial énfase na súa relación con Betanzos, e da de Rafael Dieste. No ámbito da creación, rexistramos poemas de Xurxo Nieves, Miro Villar, Emma Couceiro e Xabier López, así como catro panxoliñas de Nadal de Vicente Risco, Fermín Bouza-Brey, Manuel María e Juan Ponte Blanco. Un conto de Reis de Rafael Dieste e un relato do portugués Montezuma de Carvalho son os únicos testemuños narrativos. Polo demais, completan o contido da revista na súa primeira época unha conversa con Cebreiro, un artigo sobre o centenario deVeiga Roel, a sección “Escritores do mundo” de Xulio Cuns e as reseñas de libros e doutras publicacións.
(…)

A ficha continuaba coa segunda época, xa como A Xanela. Revista cultural das Mariñas. A edición facsímil da primeira etapa incorpora un «Limiar», sen asinar mais da autoría de Xesús Torres Regueiro, que fai un exhaustivo percorrido polas páxinas publicadas que vai alén do resumo da nosa anotación e uns «Índice de autores» e «Índice de contidos», de moita utilidade práctica, o primeiro na orde alfabética e o segundo porque fai unha cumprida listaxe de cada número.

Como poeta tamén participei naquela etapa, en concreto no nº 5, Outubro 1994, publiquei dous poemas do libro Abecedario da desolación, daquela inédito e que viña de ser finalista no xa desaparecido premio de poesía Martín Códax. Tres a nos despois publicouse o libro Abecedario da desolación (Espiral Maior, 1997. Premio Tívoli-Europa en 1998), que hai agora vinte anos foi recoñecido internacionalmente en Italia.

Estes eran os dous poemas publicados na revista betanceira A Xanela.

Tenho os olhos fechados de abertos de ternura.

António RAMOS ROSA.

XIX

teño os ollos pechados de abertos de tenrura
e dun amor de zume de flores e de abellas,
de meles e de labios, de xineceos de auga,
de lúbricos carpelos, de linguas de saliva,
de corpos de mareas das noites e dos días.

teño os ollos pechados de abertos de tenrura
pero este amor é soño de nada, que se espreme
no zume de laranxas dunha mañá calquera
mentres as flores murchan, esquecín deitar auga
nos xineceos secos desta veloz cidade.

teño os ollos pechados de abertos de tenrura
do mel que pousou a modo no vaso dos meus labios
e no café con leite dos meus amores breves
cos titulares frescos do xornal, mañanciña
lúbrica de chuvascos, de carpelos paraugas.

teño os ollos pechados de abertos de tenrura
de corpos que se cruzan sen rozar no desexo,
de mareas humanas que soben e que baixan,
de noites nas legañas, de semáforos verdes
na precipitación dos días da semana.

teño os ollos pechados de abertos de tenrura
pero nego o lirismo dun libro de neruda
ou dun cantar de cego, teño lixo nos ollos,
un corazón de laca, gomina nas palabras,
mírome nun espello no que están case todos.

*

Ni al mar, ni al cos ni al cel no hi ha camins
que ens recordin l’amor que hi hem deixat:
cal inventar un poema cada tarda
per retenir els colors que hem oblidat.

Olga XIRINACS.

XXIV

podo coñecer fácil a perfección da letra
ben garabateada no brancor e o silencio
do papel e da noite, caligrafía usada
e desgastada adrede para amarte de modo
despacioso nos textos, como única maneira

que teño polo de hoxe de posuirte e serche
grato e escribir pingas de amor nas túas formas.
podo coñecer fácil a perfección do verso
máis puro e traballado nas páxinas dunha ocre
ausencia reflectida, convoco deste xeito

a beleza do corpo no pulmón das palabras
que recito nas prazas e alamedas, nas salas,
nos cafés, nos teatros, lugares onde atopo
sempre a túa cadeira que me escoita, vacío
o respaldo, frialdade que aínda proporciona

máis frío nas estrofas do libro e na cabeza
despistada dun home que se pregunta o senso
de ler a intimidade de corazón e sabas.
podo coñecer fácil a perfección da escrita,
a exactitude no uso das palabras gastadas

pola literatura de centos de escritores
que xa cantaron versos de amor e desamor
pero nada no mundo retrata nos meus ollos
o sensitivo goce da harmonía dos breves
momentos onde tremo coa túa inmensidade.

Esta entrada foi publicada en Arte, Banda deseñada, Biografía, Contos, Efemérides, Ensaio, Entrevistas, Estudos literarios, Fotografía, Historia, Infantil, Lingua, Memoria Literaria, Narrativa, Poesía, Presentacións, Xornalismo. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *