Adeus ao poeta Lois Antón (Escudeiros, Ramirás, 1931 – 2018)


(Portada do volume de homenaxe Voz da terra, arela do pobo)

Os últimos días de xullo están a ser días ben tristes para a poesía ourensá (e galega), se hai escasas dúas semanas nos deixou o poeta masidao Víctor Campio Pereira, o pasado sábado día 28 de xullo finaba o poeta e militante nacionalista Lois Antón (Escudeiros, Ramirás, 1931 – 2018) e a nova do seu pasamento chegounos coa publicación no dixital Sermos Galiza do artigo «Morre Lois Antón, poeta popular», dispoñible nesta ligazón, un obituario da autoría do noso común amigo, tamén poeta e tamén nacionalista, Xoán Carlos Domínguez Alberte, cuxo primeiro parágrafo dita así:

«Nado en Escudeiros en 193, labrego, autodidacta, emigrante en Holanda, poeta popular, decote comprometido coa causa da poboación traballadora. Dende agora fica, inmorrente, a súa palabra, a escrita da súa obra. A súa influencia excede amplamente o seu eido vital. Días da Patria Galega e outros moitos actos de celebración da nosa cultura, de vindicación da nosa lingua non foron alleos, xa non só á súa presenza, senón á súa verba viva por toda a nación. Expandida en ceiba labarada no verbo inflamante dos seus versos.»

E xa logo facer unha breve análise da súa obra literaria e das outras facetas da súa vida.

Tamén o crítico e escritor vigués Ramón Nicolás, con casa de seu tamén en Escudeiros (Ramirás) escribía onte mesmo outra sentida necrolóxica na súa bitácora Caderno da crítica, intitulada «Na morte do poeta Lois Antón», dispoñible na ligazón, na que alén doutras consideracións sinala:

«Nas páxinas que deixou escritas como Pequeno poemario para xente pequena, A máis fermosa roseira, Aos bos e xenerosos, Vellos e novos cantares e mesmo nunha edición da súa obra dramática publicada baixo o título de Lembranzas dun tempo esquecido -moitos deles feliz realidade grazas á teimosía de Xoán Carlos Domínguez Alberte, quen tamén coordinou o libro de homenaxe Voz da terra, arela do pobo– transloce sempre a ferreña vontade de transmitir a memoria colectiva, mais tamén a individual e a que falaba da propia experiencia. Lois Antón sabía quen era, sabía quen eramos e cara a onde debiamos camiñar; sabía que o futuro repousaba na infancia e nunha sociedade que crese máis en si mesma e nas súas propias posibilidades.»

Tanto Xoán Carlos Domínguez Alberte coma Ramón Nicolás fan referencia nos seus artigos ao volume Voz da terra, arela de pobo. Letras para o Lois Antón: recoñecemento a un nacionalista galego de base, editado pola Asociación Cultura e Xuvenil de Ramirás, que coordinou o primeiro por volta de 2009 cando o BNG de Ramirás e Celanova lle tributou unha homenaxe.

No volume colectivo, con ilustracións en acrílico e papel de Mané Boán, e logo do Limiar da autoría de Xoán Carlos Domínguez Alberte e dun texto de autorecoñecemento do propio Lois Antón Pérez Pérez intitulado «No documento de identidade e no pasaporte Luis Antonio», veñen unha colectánea de textos de diversa xinea, memorialísticos, políticos, narrativos ou poéticos na súa homenaxe. Velaí: «Vontade de nación para autogobernarse», de Anxo M. Quintana González; «Vinte anos de nacionalismo no concello de Ramirás», de Xosé Manuel Méndez Gayo; «Lois Antón e o valo do exemplo na política nacionalista “provincial” na Galiza», de Alfonso Grande Pérez; «Lois Antón: poeta do pobo, defensor da nosa lingua», de Xosé Manuel Pérez Bouza; «A militancia como factor decisivo no avance do nacionalismo», de Alberte Ansede Estraviz; «O nacionalismo galego como esperanza de futuro», de Alfredo Suárez Canal; «No tempo aquil…», de Carlos Pereira Pérez; «Unha mirada nova», de Uxía Vázquez Rodríguez; «Brindis para o Lois Antón, compañeiro poeta», de Xosé Manuel Beiras Torrado; «A Terra misteriosa desvelada», de Francisco Rodríguez Sánchez; «Reconstruír a identidade. Reconstruír a nación», de Bieito Alonso Fernández; «O silencio das palabras», de Susa Blanco Montecelos; «Un home a facer terra», de Marica Campo; «O fistor de Ramirás», de Delfín Caseiro Nogueiras; «Aurora borela», de Xoán Carlos Domínguez Alberte; «Suite paisaxe», de Bieito Iglesias; «Lois Antón: epifanía da cultura popular. Un fistor que atopa a súa voz», de Ramón Nicolás Rodríguez; «Patria primeira», de Baldo Ramos; «Soneto da causa derradeira», de Xurxo Sierra Veloso e «(Sen título)», da miña autoría e que pecha o volume.

Para esta homenaxe, a solicitude do caro amigo Xoán Carlos Domínguez Alberte, fíxenlles chegar dous haikus do meu libro daquela inédito e aínda a se escribir Breizh (Noia. Toxosoutos, 2012), intitulados «Max Jacob. Autoportrait, 1938» e «Diwan», aos que lle engadín unha dedicatoria. Velaquí aquela humilde homenaxe. E que a Terra desta nación milenaria lle sexa leve ao poeta Lois Antón!

Con Lois Antón Pérez
e coas arelas do antifascismo e da independencia dos pobos,

Con Lois Antón Pérez
e coas linguas e as voces das Nacións sen Estado.

I
MAX JACOB. Autoportrait, 1938

De profecías
endúrecese o rostro.
Drancy e Auschwitz.

II
DIWAN

Golpes de mar
erosionan a lingua,
nas gorxas mor.

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Estudos literarios, Memoria Literaria, Obituarios, Poesía. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta