Adeus ao poeta masidao Víctor Campio Pereira


(Víctor Campio Pereira debuxado por Marcos de Abeleda no ano 1983 e portada da súa Poesía reunida)

A triste nova do pasamento no día de hoxe do poeta masidao Víctor Campio Pereira, que o pasado día 15 de xullo fixo os seus noventa anos, chéganos grazas a un chío na conta de twitter de Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de Cultura da Xunta de Galicia.

Que a Terra desta nación milenaria lle sexa leve ao caro Víctor Campio Pereira!

Na Ínsua dos Poetas e dos Artistas, cuxa Fundación preside o poeta Luís G. Tosar, e onde este sábado a «Festa da Palabra» ía renderlle unha homenaxe, teño partillado anos atrás varias lecturas poéticas con Víctor Campio Pereira e podo testemuñar a humildade da súa persoa e a calidade da súa poesía. Contra o final de 2008 o Pen Clube de Galicia publicou na súa colección «Arte de Trobar» o volume O aire, a luz e o canto. Poesía reunida 1987–2006, do que fixen unha recensión para Grial, 181 (2009).

Principiei por salientar certa imprecisión no subtítulo Poesía reunida (1987-2006), pois aínda que o primeiro libro é unha edición de autor de 1987, a maioría dos poemas foron escritos nas décadas 50 e 60, como anota o editor literario, o poeta e profesor Manuel Outeiriño. De O ar que nos leva (1987) salientan as imaxes existenciais e a temática memorialística. Por esa voz (s. d.) recolle 18 composicións dispersas de diferentes períodos. Perdida luz (2000) confirma o feitío clásico de Campio con notoria presenza da paisaxe e de versos relixiosos. En Exilio digno (2006) os “Sonetos da memoria” retoman o seu estro civil ao seren escritos para homenaxear os republicanos fusilados no Furriolo.

A recensión completa, que reproduzo deseguida, está recollida en poesiagalega.org

1 | Por referencia a esta publicación electrónica* Villar, Miro (2011 [2009]). “Unha poética heraclitiana”. Grial: 181, 110- 111. reedición en poesiagalega.org. Arquivo de poéticas contemporáneas na cultura.
2 | Por referencia á publicación orixinal Villar, Miro (2009). “Unha poética heraclitiana”. Grial: 181, 110-111.

Unha poética heraclitiana

O AIRE, A LUZ E O CANTO. Poesía reunida 1987–2006

Víctor Campio Pereira

Vigo: Pen Club de Galicia / Caixanova, 2008, 246 páxinas

Estamos perante un volume compilativo, que xunta toda a poesía galega completa do ourensán Víctor Campio Pereira (Garabás, Maside, 1928) baixo o epígrafe O aire, a luz e o canto. Poesía reunida 1987–2006, malia certa imprecisión no subtítulo, pois aínda que o primeiro dos libros de poemas na nosa lingua foi publicado en 1987 en Ourense, en edición de autor, o certo é que a maioría dos poemas desa opera prima foron escritos nas décadas dos 50 e 60, tal e como informa o editor en nota a rodapé. Daquela, este tomo xuntaría non as dúas décadas que van de 1987–2006, senón tamén a poesía do autor no último medio século, con afán totalizador.

A edición foi preparada por outro poeta ourensán, Manuel Outeiriño, quen ademais asina as doce páxinas do Limiar «Víctor, a luz e o canto», preñadas de sabia erudición, aínda que na nosa opinión emparenta a palabra de Campio con poéticas que lle son moi afastadas. Por parte, unha delas, moi apegada á biografía do poeta antologado, revélase como fundamental, é a voz franciscana do rianxeiro Faustino Rey Romero a quen coñeceu no seminario menor de Ourense o co que partillou lecturas como a de Curros. Outeiriño desvela os trazos biográficos de Campio que máis inflúen na súa poesía e fai un repaso por toda a súa produción, mesmo aquela escrita en castelán, alén de significar unha serie de poemas que considera ineludibles.

Moito máis ditirámbicas e entusiastas son as palabras do profesor Alonso Montero nas sete páxinas do epílogo, nas que coincide con Outeiriño á hora de gabar o soneto «Se chego ao solpor…». Alén diso, céntrase máis na vea civil da súa poesía, ao tempo que cualifica a Campio como un poeta puro e eleva a súa voz como imprescindible, malia recoñecer que se trata dun autor case descoñecido e, daquela, con escasa trascendencia pública, algo que viría a corrixir en parte este volume.

O ar que nos leva (1987) é o título do primeiro libro que aquí se compila, como xa se dixo foi publicado en edición de autor, o que reforza esa idea de marxinalidade á que fan referencia prologuista e epiloguista. Son 42 textos polimétricos, que inclúen un poema Prólogo e outro Epílogo e que se estruturan en catro partes: «Este ar que nos leva», «Palabra amante», «Calada morte» e «No mar levado». Todas catro teñen en común a preferencia polas imaxes e metáforas propias do existencialismo e, a pesar da aparente dispersión de asuntos e temas, tamén concordan na presenza dos fragmentos da memoria.

A primeira parte ábrese con ese soneto antolóxico «Se chego ao solpor…», que resume a intencionalidade de render contas co pasado. Alén dos versos existenciais que lle dan título a esta parte, tamén se rastrexan as pegadas dos devanceiros (como no magnífico «Antigo pobo meu»), a memoria dos obxectos, nunha sorte de etnografismo (como en «Perdémonos»), que acompaña a recordación dos afectos. Canda eles, poemas como «Forca alzada», no que se fala dos fuxidos polo monte, ou «Luz acoitelada», que agacha unha denuncia da represión franquista con palabras veladas e que naceu da paráfrase dun versos de Xosé Conde, o poeta de Barbantes exiliado na Arxentina. Tamén se parafrasea a Manuel Antonio no poema «Roubáronnos», aínda que sen mención explícita, ou aparece a mitoloxía clásica como o Polifemo de «Estou aquí».

Na segunda parte amplifícanse as voces dos devanceiros, que pairan sobre varios poemas, con especial tratamento da figura da Nai e da memoria do Pai, pois Campio foi desde moi cedo orfo de pai. Trátase da parte máis elexíaca do libro e na que a señardade non abandona ningún dos textos. Na terceira parte, alén do poema introdutorio, tan só outro, «Pranto», un longo texto de homenaxe ao citado Faustino Rei Romero e no que tamén se convocan Rosalía, Curros e Pondal.

E na última parte asombra a forte presenza do mar, salientando os poemas «A caída», que narra a épica mariñeira, e «Deus», que retrata a dor e o loito da morte no mar. Unha xeira de preguntas e respostas de xorne existencial dan cabo a este primeiro libro.

Por esa voz (sen data), recolle 18 composicións de diferentes períodos publicadas en libros colectivos e revistas. Da diversidade dá fe o feito de que o excelente soneto «Defensa do trigo» sexa a tradución do castelán «Soy contigo», que Campio escribiu en homenaxe ao poeta paraguaio Elvio Romero (1926–2004), militante comunista do PCP que vivíu moitos anos exiliado.

Sonetos a Rosalía, a Curros, a Otero Pedrayo, ao pintor Marcos de Abeleda, ao profesor Alonso Montero, ao escultor en barro Arturo Baltar, completan esta parte xunto con «Náufrago» e «Ese neno», dous brillantes sonetos sobre a morte da inocencia da infancia, o segundo parafraseando ao poeta berciano Antonio Pereira. Tamén salientan o soneto, con estrambote, «Labregos», adicado a Outeiriño, que é un canto aos traballadores da terra, e de novo o relembro do «Pai», primeiro nun dos poucos textos desta parte que non é soneto e finalmente no diálogo que se establece en «Ó pé do teu silencio», unha composición en seis sonetos de moita altura e de enorme carga emotiva. Algo que tamén está moi presente en «Ámparome no soño», que canta a perda da súa compañeira Isabel Nolasco.

Perdida luz (2000), foi editado por Follas Novas na colección «Libros da frouma», ao coidado de Teresa Monteagudo e Luís Alonso Girgado, e daquela incluía moitos dos poemas do primeiro libro. Canda eles, 22 novas composicións, nas que alén dos sonetos habituais, atopamos décimas (composición pouco presente na poesía galega moderna), dísticos en alexandrinos ou tercetos encadeados, que confirman o feitío clásico de Campio á hora de escribir os seus versos.

Xunto a temas xa debullados con anterioridade cómpre mencionar agora a presenza da paisaxe, do monte do San Trocado, no Ribeiro, ou do Casal de Soirexe, a paráfrase lorquiana en «O poeta baila coa lúa», os dous sonetos «A Blanco Amor. No seu pasamento», outro adicado a Laxeiro, o soneto «Portugal», que cita a António Nobre, ou o «Tríptico ourensán». Porén, sen dúbida o mellor poema desta obra é «Regreso a Ipalán», un longo texto polimétrico que canta as terras canarias de La Gomera e que nos fai lembrar poéticas como a de Avilés de Taramancos. Tamén neste libro sorprende a importante presenza de textos relixiosos.

Por último, o volume péchase con Exilio digno (2006), parcialmente inédito, no que os «Sonetos da memoria» retoman a poética máis civil e comprometida do autor e que foron escritos para homenaxear aos republicanos fusilados no alto do Furriolo. «Cantor da luz», que evoca a Avilés de Taramancos, «Trala porta do enigma», que o fai con Antón Tovar, ou «Primeira vista», de novo Lorca, serven para recoñecer poetas que exerceron o seu maxisterio sobre Campio. Máis sorprendente é a velada alusión a Rimbaud e o seu «Je est un autre» que atopamos no poema «Solidariedade».

E tampouco pode pasar desapercibido o poema final do volume «Pido un exilio digno», un testamento poético do propio Víctor Campio Pereira. Até aquí as experiencias plasmadas son as do autor, mais malia facer da propia vida unha pulsión lírica nunca se sitúa como personaxe central e protagónico, outro testemuño máis da humildade que o caracteriza como persoa e como Poeta, que o é.

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Estudos literarios, Memoria Literaria, Obituarios, Poesía, Recensións. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta