Limiar (acaso innecesario) a Zapatos máxicos, de Fernando González Graña


O pasado venres 29 de xuño, mentres andaba eu polas XIII Xornadas de Pesca «Feitos de mar», que organiza a Confraría d’O Pindo, para presentar Dorna saudal. Poemas do mar e léxico mariñeiro de Antón Zapata García (Edicións Fervenza, 2018), non puiden acompañar ao amigo de Cuntis (ou da Vila do Baño coma por aló din) Fernando González Graña na presentación do seu poemario para crianzas intitulado Zapatos máxicos (Edicións Fervenza, 2018), do que me responsabilizo dun Limiar (acaso innecesario).

Reproduzo aquí o devandito prólogo que non deixa de ser un convite a achegarse aos versos de Fernando González Graña, que foron ilustrados por Alberto Piñeiro Gonzalvos, Alfonso Uzal Montero, Álvaro Fernández Barreiro, Amalia López Brea “Luchi”, Carlos Uzal Cabanas, Francisco Ameijeiras Sánchez, Gabriela Lusquiños Santos, Manuel Fragoso, Manuel Riveira Rendo, María Rubio Pardo, Mario Touceda Torres, Puri Togariños, Ramiro Cimadevila, Rebeca Solla Maquieira, Regina Touceda Rey, Susana Perol Caldelas e Xaquín Blanco Chao. Velaquí:

LIMIAR

(ACASO INNECESARIO)

«Xa sexa nun conto de fadas ou nun poema, ás nenas e aos nenos gústalles a repetición, os refráns e os motivos universais porque poden recoñecerse unha e outra vez; danlle regularidade a un texto. O mundo adquire unha orde preciosa».

Inese Zandere, escritora letona: Mensaxe do Día Internacional do Libro Infantil 2018 (Traducido por Ana Luna e Antía Marante.

Até hoxe a escrita de Fernando González Graña (Cuntis, 1962) estaba nomeadamente envorcada na dramaturxia cun bo feixe de obras teatrais, pequenas no formato, enormes na súa concepción, que se publicaron na colección «A Pinguela. Teatro escolar para ler e representar» das Edicións Fervenza, unha iniciativa xa centenaria que inaugurou a obra Pelexa no souto (2001) do finado e lembrado Olimpio Arca e que teño asinada da súa man grazas á súa filla Maka.

Na polifonía autorial de Fernando, sen desmerecemento para outras pezas, habería que salientar Clave Rosa por ser escolleita en 2004 para o catálogo que se presenta cada ano na prestixiosa Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña co título de Children’s Book of Galicia.

Para alén dunha breve incursión narrativa, chega a nós o primeiro libro de poemas de Fernando, intitulado Zapatos máxicos, e faino case petando na porta, case coma un rapazolo inocente e temesiño que sente certa inseguridade. Xa se sinceraba con Carlos Loureiro nunha conversa no dixital Noticieiro Galego cando definía a poesía como «esa roupa interior que te deixa espido» ao tempo que recoñecía a súa débeda cos versos de Rosalía de Castro.

Nesa nudez lírica de Fernando están unha parte significativa dos temas universais e que xa teñen sido cultivados na nosa literatura, como ben lembra a excelente Antoloxía da poesía infantil galega compilada por Xosé María Álvarez Cáccamo e Marisa Núñez (Espiral Maior, 2002), na que os seus autores falaban de cinco grandes núcleos temáticos.

1º) o mundo animal

E neste libro atopamos poemas como «A galiña Felisa», que non come fariña; «O niño», onde dormen tres paxariños; «As ovelliñas», branquiñas como a neve; «A formiga» que moito traballa e traballa; «Os paxariños»; «O moucho»; «A miña arac-amiga», esa araña que xoga co neno; «O mel» que elaboran as abellas e que o neno desexa roubar ou «Quen son?», un texto para adiviñarmos a presenza dun sapoconcho, ou non era iso? Quen o sabe?

2º) a natureza e os fenómenos naturais

E aquí tempos poemas como o que abre o libro «Rosa, roseira»; «Lúa»; «Sol, soliño»; «Chove», «Vento»; «Arrecendos»; «O Arco da Vella»; «A auga»; plantas como «A mimosa» que nace na primavera do inverno ou «O xirasol», mais tamén «Mar mareiro».

3º) a vida cotiá das crianzas

Con poemas como «O meu amigo libro», unha fermosa defensa da lectura para abrir a imaxinación; «O meu idioma» para a defensa da utilidade da nosa lingua, que tamén está presente no poema «Os paxariños» ou «O reloxo de parede» coa súa onomatopea Tic, tac, tic, tac, tic, tac.

4º) os xogos e as festas

Con textos como «Charco», nun delicioso texto cheo de musicalidade e asociado a ese fascinio que de sempre tiveron as pozas para as crianzas; a «Risa», os «Xogos» ou as «Tolemias».

5º) as lendas e fábulas

Con poemas como o xa mencionado «O Arco da Vella» ou «Nace un neno», no que aparece a figura mítica de Pedro Chosco a querer facer durmir un neno esperto polo nacemento de seu irmanciño; «Eco» ou «A Candeloria», ese día no que casan os paxariños, que tamén podería ser unha festa ou un poema sobre a natureza.

Así pois, a reflexión sobre as grandes revelacións humanas comparte espazo coa atenta observación das pequenas cousas que nos arrodean, mesturando a trascendencia coa retranca, a alegría, a felicidade e o sentido gozoso e lúdico da vida. Sempre coa preocupación do poeta por aquelas crianzas, como salienta na dedicatoria, que acaso non poden gozar do paraíso da infancia, como acontece coas persoas refuxiadas e vítimas de calquera dos conflitos e guerras.

Do punto de vista formal atoparemos aliteracións, repeticións e rimas case sempre consonantes, así como sinxelas estruturas paralelísticas, ou chiscadelas á literatura oral do pobo e que en harmónico conxunto serven para reforzar o carácter musical dos versos.

Tampouco o léxico resulta rebuscado, senón que Fernando acode ás formas patrimoniais da nosa lingua, aquelas que aínda sobreviviron nesta nación atlántica e milenaria, porque como escribía o noso poeta nacional Manuel María no libro Os soños na gaiola (1968), considerado o primeiro poemario infantil da nosa literatura contemporánea galega: «Galicia somos nós: / a xente e mais a fala. / ¡Si buscas a Galicia / en ti tés que atopala!».

E creo que xa lles falei demasiado, porque a poesía, tamén estes Zapatos máxicos de Fernando González Graña, é para ler e escoitar, para ler para si ou en voz baixa e para ler en voz alta, aínda que sexas ti a única persoa nun cuarto da casa ou nun eido ou nun cabo do mundo ou nunha montaña.

Miro Villar, 1 de marzo (Día da Cero Discriminación) de 2018

Esta entrada foi publicada en Estudos literarios, Infantil. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *