Artigo en QPC (XLVII): «A Costa da Morte en tres exposicións temporais que se mostran en Compostela»

Veño de publicar unha nova colaboración en QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, desta volta para recomendar a visita a tres exposicións temporais que se están a desenvolver en Compostela. Velaquí o artigo que tamén se pode ler nesta ligazón.

A Costa da Morte en tres exposicións temporais que se mostran en Compostela

Coinciden na efervescencia cultural da cidade compostelá e nun intervalo de tempo aproximado tres magnas exposicións ou mostras de obrigada visita e nas que a Costa da Morte, en maior ou menor medida tamén está presente. Debruzámonos sobre todas tres dunha maneira cronolóxica, lembrando o seu contido e anotando esa presenza do noso territorio.

A primeiras delas, intitulada «Galicia universal. A arte galega nas coleccións de Abanca e Afundación», inaugurouse o 16 de Marzo e vai permanecer aberta até o 14 de Outubro de 2018 no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, onde se pode visitar todos os días, agás o luns que pecha o museo, en horario de 10 a 20 horas, mais é tamén moi recomendable facer unha visita comentada ou guiada, como a que fixemos nós e que foi unha marabilla, nas horas que sinala o sitio web da propia Cidade da Cultura.

No catálogo desta mostra afírmase: «Galicia universal. A arte galega nas coleccións de Abanca e Afundación» supón a maior exposición de pezas das coleccións privadas desas entidades reunidas ata o momento. Pintura, escultura, fotografías e instalacións compoñen este percorrido por 150 anos de arte galega. Nela pode contemplarse unha escolma de 192 pezas que abarcan desde o primeiro terzo do XIX ata a actualidade.

De feito, e pola primeira vez, unha mesma mostra reúne 119 dos artistas galegos máis relevantes dos últimos 150 anos, como Jenaro Pérez Villaamil, Fernando Álvarez Sotomayor, Urbano Lugrís, Francisco Lloréns, Serafín Avendaño, Laxeiro, Virxilio Vieitez, Manuel Colmeiro, Luís Seoane, Arturo Souto, Maruja Mallo, Eugenio Granell, Julia Minguillón, Francisco Leiro, Antón Patiño, Menchu Lamas, Xaime Quessada, Berta Cáccamo, Antón Lamazares, Pamen Pereira, Elena Colmeiro, ou Antía Moure, entre outros moitos.

No que atinxe á presenza da Costa da Morte, o propio vídeo de presentación que reproducimos ábrese coa escultura en madeira Mans de Álvaro de la Vega (Paradela, Lugo, 1954), quen viviu e mantivo o seu estudio durante moitos anos na vila de Corcubión e na actualidade tamén é profesor de Educación Plástica e Visual no CPI A Picota (Mazaricos) e mora en Noia. A súa peza é unha das primeiras que atopamos ao entrar na exposición.

E na última parte aparecen salientada a obra de dous dos nosos máis grandes fotógrafos memorialistas, con dúas imaxes da autoría do muxián Ramón Caamaño (cuxa posta en valor débese a persoas como Manuel Sendón e o Centro de Estudos Fotográficos de Vigo, mais que na súa propia vila debería contar cun espazo ou museo digno) e do laxés José Vidal, de quen recentemente se fixo unha recuperación que se pode ollar no derradeiro andar do Museo do Mar de Laxe.

A segunda é a Mostra «Terras de Salitre. Cristina Mittermeier», que se pode visitar na compostelá Sede Afundación Santiago de Compostela (Rúa do Vilar, 19) desde o pasado 4 de maio e até o día 2 de setembro de 2018, sempre de luns a domingo, de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 h, aínda que os domingos de xullo e agosto pecha por descanso do persoal. Tamén ofrece visitas guiadas, mais son previa cita e para grupos mínimos de 10 persoas.

Cristina Mittermeier, a gran fotógrafa dos océanos, percorreu coa súa cámara nos últimos anos espazos costeiros e lugares fascinantes que van desde a Columbia Británica en Canadá, até Hawai, a India ou Madagascar. O seu obxectivo chegou ás costas galegas e as imaxes escollidas para esta mostra testemuñan o seu convivio con mariscadoras, redeiras ou percebeiras. En cada fotografía percíbese a enorme paixón polo mar e polos océanos, pola fauna, na defensa do medio ambiente mais tamén na defensa e o respecto que amosa polas persoas que habitan estes espazos e os seus oficios.

Na escolla que se fixo para «Terras de Salitre» de Cristina Mittermeier hai imaxes de todo o litoral desde A Guarda e Baiona até Carnota. A representación da Costa da Morte estaría nas fotografías que retratan as mariscadoras de Lira e nas que se albisca a ría de Corcubión ou Fisterra ao fondo.

Finalmente, tamén é moi recomendable a exposición «Turismo e fotografía. Català-Roca en Galicia (1956-1976)», comisariada por Anxo Rabuñal e Agar Ledo, que se inaugurou o 9 de maio e que vai estar até o 7 de outubro, no Auditorio de Galicia, todos os días agás os luns, na que se recolle unha escolma de 116 instantáneas de Francesc Català-Roca (1922-1998), do fondo do Arxiu Històric do COAC (Col·legi d’Arquitectes de Catalunya) e que foron tiradas durante as sete campañas que realizou entre os anos 1956 e 1976 como fotógrafo de guías turísticas e postais, percorrendo coa súa moto vespa o territorio de boa parte do noso País.

Nesta escolla non figura ningunha imaxe explícita da Costa da Morte, aínda que si de mariñeiros de Muros e das súas rúas e o seu peirao, porén nalgúns dos paneis que historian a fotografía de viaxes antes de Català-Roca aparecen imaxes do noso territorio na cámara de Ruth Matilda Anderson.

Velaquí unha das imaxes que recolle Diana Pastoriza na súa bitácora Palabras da man ao corazón.

Esta entrada foi publicada en Arte, Exposicións, Fotografía, Historia, Tradicións. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta