Recensión a Díaz Castro: poeta en formación (1914-1939), de Emilio Xosé Ínsua López, en Grial 217

No último número, 217 (xaneiro, febreiro, marzo do 2018) de Grial, Revista Galega de Cultura, que desde hai uns días xa anda polas librarías, e tamén se pode adquirir en edición dixital desde a propia páxina da Editorial Galaxia, asino na habitual sección intitulada «O espello das letras» unha recensión intitulada «Desmitificando os retratos haxiográficos» para dar conta do libro Díaz Castro: poeta en formación (1914-1939) (Laiovento, 2017), de Emilio Xosé Ínsua López, que se basea no texto que lin o día da súa presentación, o pasado 1 de febreiro, na compostelá Libraría Couceiro.

Por outra banda, este número 217 xira arredor do tema «Ciencia e tecnoloxía. Para unha nova comprensión do mundo», con artigos sobre a cuestión da autoría de Cibrán Santamarina Ríos, Jaime Gómez Márquez, Javier Mar Solé e Carme Ruíz González.

Tamén se fala «Sobre o igual recoñecemento das linguas nunha Cataluña independente», un artigo de Albert Branchadell; unha «Conversa con Oliver Laxe», que realiza Grial Parga; os traballos literarios «A singularidade de Martín Codax», que asina Henrique Monteagudo, e «A censura e a antoloxía Os novísimos da poesía galega, de María Victoria Moreno» de Montse Pena Presas, así como «Carlos Casares, 1966», de Ricardo Gurriarán e «Da reforma luterana á reforma protestante», de Xosé Luís Barreiro Rivas, así como unha «Carta de Vic. No corazón do procés», que asina Francisco Castro. Xosé Ramón Barreiro Fernández analiza «O retrato do socialista Rubio Heredia, obra de Castelao» e Andrea Álvarez Pino realiza unha «Reflexión a partir da montaxe Elisa e Marcela, da compañía de teatro A Panadaría».

Alén doutras recensións, completan este novo número, a creación poética de Paula Antía Rei e a narrativa de Iago Méndez.

Velaquí a miña devandita recensión ao completo:

Desmitificando os retratos haxiográficos

Díaz Castro: poeta en formación (1914-1939)

Emilio Xosé Ínsua López

Santiago de Compostela: Laiovento, 2017, 134 páxinas

A profusión de estudos críticos que xera o Día das Letras derredor do autor ou da autora a quen o plenario da RAG decide homenaxear non esgota as liñas de investigación, como sucede con Xosé María Díaz Castro, lembrado en 2014, ao cadrar co centenario do seu nacemento.

Ampliando de forma considerable un relatorio presentado a finais dese mesmo ano nas Xornadas “Xosé Mª Díaz Castro. Poeta chairego no Salnés”, Emilio X. Ínsua asina o ensaio Díaz Castro: poeta en formación (1914-1939) co obxectivo, plenamente acadado, de desmitificar os retratos sobexo haxiográficos que nos deixaron as diferentes biografías, sempre ben intencionadas, do poeta nado en Vilariño, na parroquia de Os Vilares (Guitiriz).

A liña seguida por Ínsua traza fíos argumentais que seguen outras obras máis xenéricas, poñamos por caso Os poetas galegos e Franco (Akal, 1997) ou Os escritores galegos ante a Guerra Civil Española (1936-1939). Textos e actitudes (Galaxia, 2007) do académico Xesús Alonso Montero, ou monografías que tamén desmitifican a dous autores homenaxeados nas Letras (en 1969 e 2015), ambas da autoría do profesor Xosé Ramón Freixeiro Mato, A cara oculta de Noriega Varela (Laiovento, 1992) e A poesía oculta de Filgueira Valverde (Baía, 2015).

A achega de Ínsua recolle a súa investigación sobre o primeiro cuarto de século da vida de Díaz Castro, ata o intre preciso no que abandona de maneira definitiva o Seminario de Mondoñedo (en xaneiro de 1940), orixe dun enfrontamento co seu pai que o levará a Vilagarcía de Arousa onde vai ser profesor e onde vai reeencontrarse co poeta Aquilino Iglesia Alvariño, quen tanto o influíu.

Son dezasete capítulos breves e de doada lectura malia a abundancia de datos, que se enmarcan entre un primeiro “A xeito de xustificación” e un derradeiro “A xeito de conclusións”. Nas dúas primeiras páxinas Ínsua critica os “pecados de ocultación interesada ou involuntaria” verbo da obra e da vida das figuras lembradas no Día das Letras, estratexia que describe como “empobrecedora” e que tampouco se xustificaría no caso de Díaz Castro, xa que os seus biógrafos andaron con pés de la á hora de citar o seu ferreño filofranquismo que foi moito máis que unha fraqueza propia dos seus anos de mocidade.

De feito, os seguintes capítulos percorren os cimentos nos que asenta a ideoloxía do poeta guitiricés, de primeiras por mor do seu contexto familiar, labregos con facenda e criados e un pai implicado no agrarismo católico, e dos xornais que eran lectura diaria na casa: o madrileño El Debate, o coruñés El Ideal Gallego e o lugués La Provincia, todos tres de liña confesionalista e dereitista e monárquica, cuxos contidos e colaboradores máis entusiastas compila Ínsua.

Porén estas lecturas xuvenís habían ser pouca cousa de as compararmos co que deitan as vinte e dúas páxinas dos catro capítulos seguintes: “Díaz Castro, seminarista”, que relata o seu ingreso aos quince anos e como era a institución naquela época; “O Seminario de Mondoñedo: contra o demo, a carne e o mundo”, que describe a formación regrada dispensada, orientada polo integrismo católico e o conservadorismo político, malia a feraz escola literaria que deu desde Pastor Díaz a Leiras Pulpeiro, Noriega Varela, Iglesia Alvariño ou Crecente Vega, entre outros; unha ampla listaxe que se completa co “Perfil de moitos compañeiros de Díaz Castro seminaristas”, coma o foi o poeta Daniel Pernas Nieto, autor de Fala d’as musas (1936), colección de versos francófilos desmedidos, e finalmente “A cara ideolóxica oculta de moitos profesores do seminario mindoniense”, dos que se cita unha boa restra, caracterizados por comungar co ideario do nacional-catolicismo, aínda que algún deles fose un extraordinario latinista que lles facía ler versos das Xeórxicas de Virxilio ou das Odas de Horacio.

Evidentemente este humus non era unha singularidade mindoniense senón que ía na dirección subliñada por Ínsua no capítulo “O posicionamento abertamente antirrepublicano e antigaleguista das xerarquías episcopais da Galiza nos anos 30”, que había incidir tamén no uso escaso da lingua galega, só para representar aspectos da vida rural tradicional e, por suposto, afastada da liturxia. Neste contexto nos primeiros poemas de Díaz Castro o uso da nosa lingua é anecdótico, predominan os textos en castelán e con topónimos deturpados, mesmo o do seu propio lugar de nacenza.

A seguir faise unha análise fulcral sobre “Os inicios e primeiras admiracións literarias”, coa pegada que recibiu de Iglesia Alvariño e de Crecente Vega, mais tamén das súas lecturas políglotas (francés, inglés…), entre as que sorprende atopar a Baudelaire e a Valéry e non tanto a poetas de forte contido relixioso coma Francis Jammes.

O completo “Perfil ideolóxico das publicacións en que colabora Díaz Castro neste seu período de formación” tampouco deixa lugar a dúbidas, do estudo de todas elas dedúcese que estamos perante un poeta (ultra)católico militante, que fai propaganda en moitos dos seus versos e que moitas veces converte en diatribas contra o laicismo da nova sociedade republicana que se está a construír.

Este camiño seguido polo poeta guitiricés é moito máis significativo cando Ínsua analiza polo miúdo o “Carácter significativo dalgunhas ausencias” ao testemuñar que a súa sinatura non apareza nas publicacións galeguistas da altura, nin sequera no boletín católico Logos.

De especial interese son os “Contidos ideolóxicos reveladores dalgunhas poesías do inédito Follas verdes“, pois tanto este libro composto en 1934 coma o tamén inédito Follas ó aire de 1935, recuperados postumamente por Alfonso Blanco Torrado, testemuñan ben ás claras a súa belixerancia contra o laicismo, o materialismo e o racionalismo imperantes. Ínsua cita varios dos seus poemas, abondo esclarecedores, coma aquel que se inicia co verso: “Cerra ese libro, estudiante”.

Nos catro seguintes capítulos o investigador realiza unha serie de calas na obra poética de Díaz Castro. A primeira delas dá fe, nunca mellor dito, da “mística do martirio” nos versos do aínda daquela seminarista, versos que combaten contra as leis republicanas laicistas, e que serían do agrado da maioría da sociedade mindoniense da época, onde as dereitas conservadoras arrasaran os contrincantes da esquerda progresista. A segunda testemuña a reacción contra a bandeira “tricolor” republicana e como Díaz Castro tamén se posicionou a prol da “rojigualda”. A terceira demostra como o poeta defendeu incluso o caos e o desastre da guerra para facer xermolar a nova orde e mesmo chegou a renegar dunha anterior actitude poética menos confesional. E a cuarta, intitulada de maneira significativa “O seminarista colle o fusil” sinala diversos aspectos biográficos e tamén literarios do Díaz Castro que se mobiliza e que se identifica plenamente coa causa franquista, como xa ten sinalado o profesor Alonso Montero.

O ensaio péchase, antes das conclusións co capítulo “Unha voz máis na escola da poesía bélica profranquista galega”, no que Ínsua engade o nome do Díaz Castro das primeiras décadas nunha demasiado ampla listaxe de autores e algunha autora que saudaron a vitoria de Franco na guerra (in)civil e que abrazaron o réxime totalitario que instaurou na posguerra.

E ao concluírmos a lectura constatamos que as arestas menos coñecidas e divulgadas do poeta guitiricés trazan un retrato moito máis poliédrico e tamén moito máis polémico do que revelou o Día das Letras, sen que iso veña a desmerecer, como ben conclúe Ínsua, a poesía “magnífica, insubstituíbel, irrenunciábel!” de Xosé María Díaz Castro.

Miro Villar

Esta entrada foi publicada en Biografía, Efemérides, Ensaio, Estudos literarios, Historia, Lingua, Memoria Literaria, Poesía, Recensións. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *