Dous comunicados pola continuidade do Diario Cultural #SalvemosODiarioCultural #SalvemosARadioGalega


Dúas entidades das que fago parte como asociado veñen de facer público cadanseu comunicado, que comparto plenamente, pola continuidade do espazo radiofónico Diario Cultural da Radio Galega, dirixido pola poeta, xornalista e axiña académica de número Ana Romaní.

Reproduzo ambos e dous, asinados polo poeta Cesáreo Sánchez Iglesias como presidente do Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) e polo tamén escritor Mario Regueira, en datas recentes nomeado presidente da Xunta directiva da Asociación Galega da Crítica (AGC).

Comunicado da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) diríxese á Dirección da Radio Galega e ao conxunto da cidadanía, para demandar a continuidade do Diario Cultural e quere mostrar o seu apoio a toda a equipa do programa dirixida pola poeta e xornalista Ana Romaní. Sen plataformas culturais publicas coma o Diario Cultural, as escritoras e escritores galegos perderíamos a xa minguada  visibilidade social que temos nos medios de titularidade pública. Eliminan un recoñecido programa, emblemático, e diminúe deste xeito a xa cativa programación sobre a nosa cultura e a nosa literatura

Mais, a clausura do único programa diario de información cultural que existe na actualidade na Radio Galega, e do mellor xornalismo cultural que ao longo de 28 anos se ven facendo na radio, pública e galega, levase a cabo ao tempo que os cambios que se anuncian a partir de setembro afectan gravemente ao conxunto dos contidos informativos, entre os que están os culturais.

Anunciase tamén a desaparición dos dous informativos diarios, cos seus contidos culturais, que se producían e emitían desde as delegacións locais da Coruña, Vigo, Lugo e Ourense (hai uns anos xa fixeran desaparecer as delegacións de Ferrol e Pontevedra), contidos que agora se van diluír nunha programación xeral tutelada desde a redacción central en Compostela. As realidades locais, nas que se incardina tanta da nosa cultura, e os creadores e creadoras que dan forma e voz á nosa biodiversidade cultural, ficarían minorizadas.

Parece obvio que esta mudanza empobrece de xeito determinante o conxunto da Radio Galega e pode comportar o control político pleno de todo o que se emita pola Radio Galega en detrimento do plural da realidade cultural galega e do irrenunciable dereito xeral da cidadanía a obter dos medios públicos unha información obxectiva, próxima, plural e veraz, que respecte tamén os distintos ámbitos onde acontece a creación cultural.

#SalvemosODiarioCultural, #SalvemosARadioGalega

O Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)

Cesáreo Sánchez Iglesias

Comunicado da Asociación Galega da Crítica (AGC)

A Asociación Galega da Crítica, tras facerse públicos os planos para o desmantelamento e perda de identidade do Diario Cultural da Radio Galega, quere manifestar a súa preocupación pola deriva tomada polo medio público, así como polo papel que parece reservarse, dentro deste, á información cultural. O Diario Cultural representaba o único espazo radiofónico diario dedicado á información do mundo da cultura, un traballo que viña avalado por 28 anos de traxectoria na que a visibilidade de persoas creadoras, da crítica e da axenda cultural galega, brillou sempre pola súa representatividade e por ofrecer unha perspectiva ampla e diversa.

Non perdemos de vista, porén, que o feito de que un eido cultural tan amplo, vivo e dinámico como o galego contase cun único programa destas características nos medios públicos representaba, por si, unha grave anomalía que sería intolerábel en calquera dos nosos contextos veciños. A súa reestruturación, de forma que quede diluído entre a programación diaria, confirma a decidida tendencia de reducir ao mínimo a visibilidade da cultura galega, e supón tamén a virtual destrución da identidade do programa e unha manipulación da súa historia e do seu pasado.

Como asociación orientada á crítica, debemos destacar tamén que esta decisión supón a desaparición dunha tribuna para o noso labor, das poucas que restaban para este no contexto dos medios públicos galegos. Non consideramos que sexa unha casualidade.

Unha sociedade acostumada ao pensamento crítico é unha sociedade perigosa, especialmente para aqueles que acreditan que a uniformidade dos discursos é un ideal que poden acadar empregando medios e instrumentos que son de propiedade pública e deberan estar ao servizo de toda a sociedade.

Enviamos o noso decidido apoio a todo o equipo do Diario Cultural e reivindicamos unha xestión dos medios públicos que deixe de instumentalizalos para un programa político determinado e cumpra os fins para os que foron creados, e que non son outros que ofrecer unha información obxectiva e plural, centrada na nosa realidade e constituíndo un apoio para a visibilidade da nosa cultura.

Xunta directiva da Asociación Galega da Crítica (AGC)

Mario Regueira

Esta entrada foi publicada en Arte, Banda deseñada, Cinema, Ensaio, Entrevistas, Estudos literarios, Exposicións, Fotografía, Gravacións, Historia, Lingua, Narrativa, Poesía, Premios, Presentacións, Radio, Teatro, Versións ou traducións, Xornalismo. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta