Vídeo da presentación do libro Pico Sacro. Ferido polo lóstrego e a lenda na Libraría Ler (Santa Comba)

Reproduzo nesta bitácora un pequeno vídeo da presentación do libro Pico Sacro. Ferido polo lóstrego e a lenda (Alvarellos, 2017) na Libraría Ler (Santa Comba) o pasado venres, 27 de abril. Unha gravación que foi realizada por Diana Pastoriza, quen a dispoñibilizou para o público nunha anotación do seu poético e moi recomendable blogue Palabras da man ao corazón, o día 2 de maio, na súa crónica do acto baixo a epígrafe: «An Afternoon of Words: Book Launch of Pico Sacro. Ferido polo lóstrego e a lenda» e que o día antes xa tamén dispoñibilizara na súa canle de youtube Diana Pastoriza, a quen lle agradecemos inmenso o seu labor de poeta-reporteira.

Neste novo lanzamento de Pico Sacro. Ferido polo lóstrego e a lenda (2017) participamos a propia Diana Pastoriza, Xoán Xosé Fernández Abella, Xosé Manuel Lobato, Henrique Neira e eu propio. Esta gravación recolle a miña lectura do poema «depois do canto a viagem», da autoría de Gabriela Rocha Martins (Faro, Portugal, 1948) e a lectura do poema «Pico Sagro» na voz do seu propio autor, Xoán Xosé Fernández Abella, textos que reproduzo deseguida.

Tamén o poeta e xornalista Xosé Manuel Lema realizou unha crónica e outro vídeo no xornal dixital Adiante Galicia, do que é director e redactor. Velaquí a ligazón.

depois do canto a viagem

*
repouso sobre o arcaísmo das lendas que
o Sacro Pico me sugere para
nobilitar em verso livre
os mouros
as serpentes
os gigantes
que o tempo perpetua em
remansos populares
*
diligente
ouso descer a escada argêntea do túmulo
para exigir um pouco mais de silêncio
aos alaúdes mouros
*
timorata
atravesso séculos
re.desenho códices
re.invento Lupa

*
para na in.temporalidade
dos caminhos de San.Tiago
deslaçar-me em peregrino bordão
em deífica vieira ou
em fiandeiro sudário

Gabriela Rocha Martins (Faro, Portugal, 1948)

Pico Sagro

Pico Sagro, Pico Sagro,
tesouro da nosa Terra,
sempre sinalando ó alto,
como as almas auténticas
queren o alto, o mellor,
a prol da Patria galega!

Nunca xamáis se consintan
os perigos das canteiras,
nin aeroxeneradores
que contra a túa fauna atentan,
e incluso contra a túa flora
e a túa beleza inmensa.

Para ti a protección
permanente e máis intensa.

Pico Sagro, Pico Sagro,
tesouro da nosa Terra,
e milagre dos milagres,
e das máis fermosas lendas!

Pico Sagro, Pico Sagro,
tesouro da nosa Terra!

Xoán Xosé Fernández Abella (Monforte de Lemos, 1933)

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Gravacións, Historia, Lendas e mitos, Poesía, Presentacións. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta