Versión galega dun fragmento orixinal en castelán de «El Monte-Sacro de Galicia» (1868), de Antonio López Ferreiro


Tal día coma hoxe, o 20 de marzo de 1910 finou o escritor e historiador Antonio López Ferreiro, nado en Santiago de Compostela o 9 de novembro de 1837, como ben lembran na bitácora «O Almanaque das Irmandades» (en andamento grazas á coruñesa A. C. Alexandre Bóveda e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) ou tamén o útil hashtag ou cancelo #efemeridesgalegas no twitter do caro amigo Carlos Rodríguez Pér‏ez (@xcarlosrope).
Como sinala o Almanaque «cultivou a novela histórica, xénero de enorme vixencia no Romanticismo e que, até o momento, non fora tratado na literatura galega».
No pasado ano botamos man da súa obra na antoloxía intitulada Pico Sacro, ferido polo lóstrego e a lenda (Escolma de textos literarios éditos e inéditos na literatura galega contemporánea), coordinada por min propio e por Xosé Manuel Lobato, escritor e presidente da A. C. Mestre Manuel Gacio de Boqueixón, entidade que promoveu a súa publicación, e que editou de maneira ben coidada Alvarellos Editora.
Nesa escolma publicamos a versión galega dun fragmento orixinal en castelán de «El Monte-Sacro de Galicia» (1868), de Antonio López Ferreiro, tirado de Compostellanum, V (1960). Reedición realizada baixo a supervisión de Fermín Bouza Brey.
Velaquí o extracto:
É tamén digno de atención un terraplén de pouco máis de dous metros de alto, sostido pola parte da vertente por unha escarpa formada de pedra e terra que rodea o Pico dende o punto en que se levanta sobre a serra. A este terraplén chámaselle a “horta da raíña Lupa”.
Prestóuselle tamén atención aos dous túneles perforados no monte que se coñecen co nome de “buratos dos mouros”. Dun deles dicíase que puido ser parte dunha mina romana.
(…)
Sobre a cima deste pico gózase dunha das máis belas vistas que pode ofrecer o noso país, tan rico en fermosas perspectivas, que remunera ben o cansanzo da súa agre e difícil subida. Inmenso é o horizonte que desde alí se descobre; grande a variedade de decoracións que desde alí ostenta a fecunda naturaleza. Pola parte do N.E. vense paradas as espidas montañas; pero o espectador non ten máis que volver as costas e aos seus pés descobre o risoño val do Ulla e o fértil terreo das parroquias veciñas, cuberto de cereais, cinguido pola estrada, sombreado por pequenos soutos e piñeirais, e gorecido de brancas habitaciónes; máis adiante a elevada terra de Tabeirós e máis á dereita o ameno val do Vea. Pola parte do E. limitan o horizonte as xigantescas e nebulosas moles das serras de Campelo, Farelo e Faro; polo O. a prateada superficie do mar. Cara ao N. destacan as elevadas cúpulas da cidade veciña; un pouco máis abaixo resalta o rico país da Amaía.
Antonio López Ferreiro (Santiago de Compostela, 1837 – Vedra, 1910)

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Efemérides, Estudos literarios, Historia, Narrativa. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *