Adeus ao docente Xoán Díaz García, profesor de Lingua e Literatura e impulsor da bitácora 'Son de Poetas'


(Última actualización de Son de Poetas)
Veño de coñecer nas últimas horas a noticia do pasamento de Xoán Díaz García, profesor de Lingua e Literatura e impulsor da bitácora ‘Son de Poetas‘, un blogue que funciona dende o curso 2007-2008 no IES David Buxán de Cambre como (re)compilatorio de versións musicadas de poemas galegos.
Non tiven trato persoal con Xoán Díaz, de quitado de coincidirmos en xornadas didácticas de Lingua e Literatura, a última nas XII Xornadas de Expresión Oral “Tíralle da lingua” da AS-PG, onde presentou o relatorio «Xogando co audio na clase de lingua». Presentación de pequenas experiencias co audio na clase de lingua e literatura: Recitando a Uxío, quebracabezas de audio, son de poetas…, mais sei por outras e outros docentes da súa capacidade de entrega e de traballo a prol da nosa cultura.
Porén son un dos docentes que lle está inmensamente agradecido pois botamos man a miúdo do seu proxecto para acompañar explicacións na aula. Desde a súa creación todo o meu alumnado coñece e visitou algunha vez a bitácora ‘Son de Poetas‘, que se presenta desta maneira:
«Esta antoloxía da poesía galega musicada é un proxecto dos grupos de lingua galega e literatura e do Equipo de Normalización do IES David Buján de Cambre, A Coruña. Ti, lector ou lectora, tamén podes participar deixando a túa opinión sobre o que aquí vexas ou escoites. Podes, tamén, subscribirte utilizando o teu lector RSS habitual.
A nosa única intención é aproximarnos á poesía galega desde a música. Trátase, polo tanto, dun material de aula ou para despois da aula.»
Tamén era responsable, en co-autoría con Pilar Tobar Conde, da tradución á nosa lingua da obra intitulada Represalia e desagravio dun médico lucense republicano: sementeira e memoria / José Luis Díaz Gómez. Sada: Ediciós do Castro, 2010.
A nosa mellor homenaxe é continuar a utilizarmos os materiais compilados en ‘Son de Poetas‘, que recolle a nosa tradición literaria dende a Idade Media até os nosos días. Nos últimos meses era notorio que non se actualizaba ao mesmo ritmo, mais a enfermidade de Xoán Díaz García era tamén unha doenza para o proxecto. E de non o coñecerdes fágovos unha persoal recomendación de seguimento e de utilización nas aulas no caso de serdes docentes. (http://sondepoetas.blogspot.com.es/)
Que a Terra (Nosa) lle sexa leve!

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Estudos literarios, Gravacións, Historia, Lingua, Literatura medieval, Memoria Literaria, Obituarios, Poesía. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *