Artigo en QPC (XXXVII): «A prensa de Corcubión ao servizo da Costa da Morte desde 1890 (1ª parte)»


Veño de publicar unha nova colaboración en QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, desta volta para divulgar «A prensa de Corcubión ao servizo da Costa da Morte desde 1890 (1ª parte)», un texto que haberá ter continuidade. Velaquí esta primeira parte que tamén se pode ler nesta ligazón.
A prensa de Corcubión ao servizo da Costa da Morte desde 1890 (1ª parte)
A conmemoración da primeira década do xornal dixital Que pasa na Costa, a quen parabenizamos, é un bo momento para realizar unha lembranza dos diferentes xornais que foron publicados desde a pequena e nobre vila de Corcubión, como capitalidade de Partido Xudicial, e que por esta razón tiveron como unha das súas liñas de actuación a defensa dos intereses da nosa comarca.
Está por realizar un profundo estudo sobre esta prensa histórica corcubionesa, malia as sempre interesantes achegas de historiadores como Luís Lamela García, Xesús Torres Regueiro ou Manuel Vilar Álvarez. Porén, aínda hai outra eiva máis grande, pois a monumental base de datos do proxecto Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia (http://biblioteca.galiciana.gal/gl/inicio/inicio.do) aínda non posúe ningún exemplar dixitalizado das cabeceiras que imos mencionar. E é unha tarefa que se debería realizar antes de que desaparezan os escasos exemplares que se conservan a día de hoxe en mans de particulares.
O historiador betanceiro Xesús Torres Regueiro, que foi mestre no Sardiñeiro e que nesa altura residía en Corcubión, escribiu unha primeira aproximación no seu artigo «A prensa corcubionesa», que viu a luz en Nerio. Boletín Informativo do Concello. Segunda Época. Número 1. Corcubión, abril de 1985, páxs. 4-5. Neste texto fala de catro cabeceiras: El Adelanto (1890, que por grallas no artigo aparece referenciado como El Adelantado e datado en 1980?); La Verdad (1903), El Canta-Claro (1905) e Nerio (1920), alén de citar a revista Alborada da ABC de Corcubión realizada en Bos Aires polos emigrantes, publicación e entidade que aínda subsisten hoxe en día, e tamén cita o único número doutra revista denominada Perrachica que apareceu en 1982. Torres Regueiro non tiña constancia nesa altura de ningunha outra cabeceira e non cita El Celta (1901).
Deseguida, por orde cronolóxica, vai unha compilación informativa sobre estes xornais e revistas de Corcubión.
El Adelanto (1890): Pouco se sabe desta tentativa xornalística, da que non se debeu conservar ningún número e só está rexistrada en fontes documentais polos testemuños dos seus protagonistas. O propio Torres Regueiro escribe no seu interesante artigo: «Así, podémonos enterar através do Nerio que xa en 1980 (gralla por 1890) apareceron en Corcubión 3 números da publicación. Os “manuscritores” eran Antonio Porrúa e Jerónimo Figueroa Domenech, que ademais dunha chea de paciéncia debian ter boa letra. Figueroa contou anos despois no Nerio a extraña e precursora aventura periodística. Ao parecer o periódico iase facer con “policopy” e tiñan as planchas a secar nun tellado. Choveu e… molláronse, a xelatina disolveuse e a plancha ficou derramada. Un inglés mandarialles desde Londres unha pequena imprensa que non se usou por descoñecer o funcionamento. Mais estaba visto que os fallos técnicos non facian recuar a estes homes.»
Pouco sabemos dos contidos e da orientación deste xornal, aínda que recentes artigos do historiador Luís Lamela García sinalan que Jerónimo Figueroa Domenech sería natural d’O Pindo e que publicou os dous volumes da Guía general descriptiva de la República Mexicana (México: Ramón de S. N. Araluce, 1899); así como La revolución y sus héroes; crónica de los sucesos politicos ocurridos en México desde octubre de 1910 á mayo de 1911 (México, Herrero hermanos, 1911) e Veinte meses de anarquía: segunda parte de “La revolución y sus héroes.” Crónica de los sucesos políticos ocurridos en México desde julio de 1911 a febrero de 1913; el interregno político, la administración Maderista, D. Félix Díaz y la decena trágica (México, Herrero hermanos, 1913).
E tamén polo infatigable labor de pescuda e de divulgación histórica do propio Luís Lamela sábese que Antonio Porrúa, hoxe no rueiro corcubionés, foi médico da vila e mesmo chegou a ser alcalde entre 1863 e 1865.
El Celta (1901-1902): O artigo, sen asinar, «Prensa histórica corcubionesa» da enciclopedia dixital Galipedia lévanos a esta información:
Foi un semanario publicado en Corcubión entre 1901 e 1902.
Apareceu no verán de 1901. Dirixido por Salvador Ramón Carrera. Mantivo polémicas con El Eco de Mugía.
En efecto, así debeu ser, pois El Correo Gallego. Diario político de la mañana. Año XXIV. Número 7771, do 27 de agosto de 1901 na súa segunda páxina publica o seguinte breve: «Hemos recibido el núm. 1 de El Celta, periódico semanal que empezó a publicarse en Corcubión.» e algo semellante publica La idea moderna. Diario democrático en Lugo. Num. 3208 (28/08/1901) tamén na segunda páxina: «Ha empezado á publicarse en Corcubión un periódico semanal titulado El Celta
E na emigración bonaerense, El Eco de Galicia. Órgano de los gallegos residentes en las Repúblicas Sud-Americanas. Num. 358 (Buenos Aires, 30/09/1901) tamén dá conta da súa aparición: «Ha comenzado á publicarse en Corcubión un periódico semanal con el título de El Celta
Por parte, Luís Lamela na súa imprescindible biografía do deputado republicano corcubionés fusilado polo franquismo Pepe Miñones. Un crimen en la leyenda (1900-1936) (Edicións do Castro: 1991, páx. 49), de obrigada lectura como moitos outros traballos que levan o aval da súa sinatura, engade: «En el “miñonismo” hay un precedente en 1902 cuando el patriarca de la familia funda un periódico independiente, llamado El Eco de Mugía, defensor también de los intereses generales del partido judicial de Corcubión. Manuel Miñoñes, aunque oriundo del ayuntamiento de Muxía, ya residía en Corcubión. Sin embargo, el periódico tenía su Redacción y Administración en Muxía. La publicación era quincenal y en octubre de 1903 ya había salido el número 25. Sin lugar a dudas era éste un instrumento para contrarrestar la influencia del periódico semanal El Celta, dirigido por el conservador Salvador Ramón Carrera, en el que, también, como objetivo, figuraba el de “defensor de los intereses de este Distrito.»
(ha continuar)

Esta entrada foi publicada en Estudos literarios, Historia. Garda a ligazón permanente.