Manifesto de apoio


(Na foto de esquerda a dereita, o escritor Rivadulla Corcón, eu, o alcalde de Muxía no uso da palabra, a concelleira de Cee e deputada provincial Zaira Rodríguez e o poeta Alexandre Nerium. Na fermosa praciña do Cabo da Vila, de Muxía, o pasado venres 29 de agosto na presentación do meu poemario As crebas. Premer na imaxe para a súa ampliación)
Na altura de estarmos a principiar a nosa viaxe a Cornualles fíxose público un manifesto das xentes da cultura da Costa da Morte (con algunha ausencia significativa, por certo) de apoio á miña persoa por mor do silenciamento na Feira do Libro de Cee do que xa falamos aquí e acolá. Os diarios La Voz de Galicia e o dixital quepasanacosta fixéronse eco do texto que reproduzo deseguida, ao tempo que lle fago chegar unha sentida aperta a cada un dos asinantes. Até hoxe non puiden coñecer o seu contido, mais a miña gratitude é e será sempre inmensa. Saúde, camaradas da palabra.
Manifesto
Os e as abaixo asinantes, na nosa calidade de escritores/as, investigadores/as e demais integrantes do amplo espectro cultural da Costa da Morte, queremos manifestar publicamente a nosa absoluta solidariedade e apoio para co profesor, escritor e poeta Miro Villar (Cee, 1965), autor dunha exitosa e prolixa obra de creación literaria en lingua galega.
Asemade, queremos manifestar a nosa sorpresa pola ausencia do referido escritor ceense no programa de actividades da XIII Feira do Libro de Cee celebrada a pasada semana, así como lamentar o silenciamento a que foi sometido por parte dos e das organizadores e organizadoras da devandita feira nun ano especialmente prolífico para a creación literaria do recoñecido poeta.
Finalmente, cremos que de se confirmar que este silenciamento é consecuencia da súa actitude crítica para cos poderes políticos locais, que tivo expresión na recente renuncia ao galardón Faro Nerio a pasada primavera, trataríase dunha intolerable acción impropia dun contexto democrático coma o actual.
Asinan o texto: Marilar Aleixandre (escritora), Miguel Vázquez Freire (escritor), Luis Lamela García (escritor e investigador), Xavier Vilhar Trilho (profesor e ensaísta), María Lado (poeta), Chisco Fernández Naval (escritor), Alexandre Nerium (poeta), Xelucho Abella (escritor), Julio Castro (director de Paradores), Xan Fernández Carrera (escritor), Xoán S. Pazos (poeta), David Creus (poeta e profesor), Germán Martínez Traba (actor), Vicky Rivadulla (técnico de cultura), Fernando Cabeza Quiles (escritor), Paco de Tano (poeta), Miguel Anxo Mato Fondo (escritor e profesor), Xaime Trillo (poeta), Tomás Lijó (actor), Rosalía Fernández Rial (poeta), X. H. Rivadulla Corcón (escritor e xornalista), Manuel Vilar Álvarez (historiador), Mónica Góñez (poeta e filóloga) e Modesto Fraga (poeta). Este último foi a alma mater da iniciativa e tamén dá conta dela na súa páxina persoal.

Esta entrada foi publicada en Manifestos, Poesía. Garda a ligazón permanente.

3 respostas a Manifesto de apoio

  1. xeiteiro di:

    Prezado Miro:
    Coma un dos asinantes do manifesto, síntome na obriga de comunicarche que, amais das persoas que figuran no texto que enviamos aos medios de comunicación, fóronse sumando co paso dos días outros colegas. É o caso do poeta ceense Estevo Creus, do xornalista de El Correo Gallego Luís Pousa Meréns ou da historiadora corcubionesa Teresa García.
    Así mesmo, manifestaron a súa vontade de asinar o manifesto moitísimas outras persoas, de diferentes xeografías e ámbitos sociais, que me (nos) transmitiron a súa total solidariedade e apoio.
    Xa che comentarei en privado -e de viva voz- a “avalancha” de solidariedade con Miro Villar.
    Apertas fondas e benvido ao país, irmán.

  2. Caro amigo Modesto.
    Ben sei que sen a túa man esta iniciativa sería moito máis “modesta”. Agradezo tamén eses novos apoios que me afortalan no convencemento de que outra Costa da Morte é posible, lonxe de alcalde e concelleiros “corruptos” e/ou ineptos.
    Saúde e apertas.

  3. Pingback: As crebas » Entrega dun «Faro Córnico»

Os comentarios están pechados.