Grazas, obrigado pola vosa solidariedade


Tamén onte, na altura que estaba a se celebrar a palestra de debate do I Simposium Monte Pindo. O Olimpo celta, a debate, que organizou a asociación Monte Pindo, Parque Natural, tiven que marchar ás carreiras para Cee. No Monumento ás Liberdades (da autoría do escultor Álvaro de la Vega, lugués afincado durante moito tempo en Corcubión) tiña lugar un acto, cuxa convocatoria saíu das redes sociais da internet, aínda que a iniciativa debeu partir de Federico López Santalla ou Federico de Lires, unha das persoas que participou na fundación do Batallón Literario da Costa da Morte. E por aló andaba tamén o escritor Luís Lamela García. Estaba na obriga de aparecer xa que se trataba dun acto de homenaxe popular á cultura da comarca, representado na miña persoa, por mor do silenciamento producido na Feira do Libro, que xa narramos aquí. Do punto de vista cuantitativo a resposta foi escasa, unha decena de persoas, mais do punto de vista cualitativo a convocatoria foi reconfortante para min, como tamén o foi ler ese mesmo día o último artigo de Xosé Luís Louzán no dixital quepasanacosta. No acto algúns dos asistentes quixeron ler poemas da miña autoría, uns escolleron pola súa brevidade algún texto do meu libro 42 décimas de febre (1994) e outros do último, As crebas. Fixen unha brevísima intervención para agradecer a solidariedade e lin este texto, tamén do poemario As crebas, que ten moito a ver coa liberdade.
O cárcere
dame tu mano
espera
debo ajustar mi cuerpo
hasta alcanzarte
«Dame tu mano», Saudade (1999), CLARIBEL ALEGRÍA
Máncaste como o Sol de febreiro dá en Gures e sentes o abandono na pel de Caneliñas, un lugar de cetáceos, confín da desmemoria que proe nos sentidos con reverberación.
Pensas de xeito inútil qué axustes no teu corpo son precisos agora no leito das baleas para non percibires arpóns cheos de dúbidas a desangraren lentos os solpores do invernos.
E soñas co panóptico dun cárcere distante, non é Reading, son outras as baladas e o canto fala de liberdade, sutil antimonía, e comungas cos presos os motivos da culpa, todos tan diferentes como as mans que descobres, semellantes ás túas no afán inaprensible.

Esta entrada foi publicada en Encontros, Poesía. Garda a ligazón permanente.