«Don Ramón del Valle Inclán y Montenegro», un poema de Antón Zapata

valleinclan-castelao-1912
(Caricatura de Valle-Inclán por Castelao, datada en 1912. Esta e moitas outras figuran recollidas no artigo «A icona Valle-Inclán» publicado no sitio web do Consello da Cultura Galega)
Este ano de 2016 é dobremente importante na biografía do dramaturgo, poeta e novelista, membro da española Xeración do 98, Ramón María del Valle-Inclán. De primeiras porque hoxe mesmo conmemórase o 150 aniversario do seu nacemento en Vilanova de Arousa o 28 de outubro de 1866 e tamén a principios deste ano foi o seu 80 cabodano pois faleceu en Santiago de Compostela o 5 de xaneiro de 1936.
O poeta Antón Zapata dedicoulle un singular poema, pois é o único «sonetillo» de versos trisílabos da literatura galega, que titulou «Don Ramón del Valle Inclán y Montenegro» e que apareceu no xornal Correo de Galicia (Bos Aires, nº 1325, 14 de xuño de 1931). Publicouse precedido dunha caricatura sen asinar de Valle-Inclán. Unha copia mecanografada do poema foille enviada a Filgueira Valverde para a súa fanada Escolma consultada de poesía galega de 1936. Nela o título é «Valinclán» e despois da rúbrica engade «1931».
No tocante ao contido sorprende o ton sarcástico de Antón Zapata, pois Valle-Inclán relacionouse cos galeguistas:
«Se falarmos da relaçom que Valle-Inclán mantivo com o galeguismo devemos constatar, por um lado, que a crítica tem sobradamente documentados os estreitos laços de amizade e admiraçom mútuas que Valle-Inclán mantivo com figuras míticas deste movimento, como Manuel Martínez Murguía (pai do regionalismo galego e amigo da família do escritor, quem havia de prologar o seu primeiro livro, Femeninas), Alfredo Brañas (máximo representante do galeguismo tradicionalista e profesor do Valle-Inclán estudante de Direito em Compostela) ou Daniel Rodríguez Castelao (fundador do Partido Galeguista em 1931, quem colaborou com Valle-Inclán em várias ocasions)». Cfr. Mascato Rey, Rosario (2005). «Valle-Inclán e a Galiza: um estado da questom». Actas do Ciclo de Conversas sobre Literatura Galega, que decorreu entre 15 de Abril e 4 de Maio de 2005, na Faculdade de Letras da Universidade de Lisboa.
Deseguida reproduzo o poema de Antón Zapata García que se pode ler tamén na miña tese de doutoramento, dirixida polo profesor Xesús Alonso Montero, cuxo título foi A poesía galega de Antón Zapata García. Edición e estudo, en acceso libre nesta páxina de poesiagalega.org, proxecto dirixido polo poeta e profesor Arturo Casas e no que traballa arreo o seu equipo do GAAP (Grupo Alea de Análise Poética). O traballo académico xa estaba a dispór de quen tivese interese na propia USC, aínda que nun espazo escasamente divulgado. E tamén en googlebooks, porén neste caso con moitas páxinas en branco como adoita suceder neste buscador. Velaquí:
DON RAMÓN DEL VALLE INCLÁN Y MONTENEGRO
Ramón
do Val,
nasón
barbal,
sen don
n-é tal
nin dual
brasón;
mais tên
un ben
sin par:
ó lêr,
facer
chorar!…

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Banda deseñada, Efemérides, Estudos literarios, Poesía. Garda a ligazón permanente.