Presentación de Adagio por outono, de Modesto Fraga na Feira do Libro de Cee (domingo 14 de agosto, ao mediodía)

FeiraLibroCee2016
Adagio-Cee2016
Onte fíxose público o programa dunha nova Feira do Libro de Cee, a celebrar entre o 11 e o 15 de agosto e que abrirá un pregón do profesor e divulgador baiés Jorge Mira, e que nesta edición recobra os actos de presentación e lanzamento de obras, que nalgunha ocasión deixaron de se facer como eu propio denunciei neste texto.
Pola miña vila de nacenza andarei este vindeiro domingo 14 de agosto, ao mediodía, para presentar Adagio por outono, o novo libro de poemas do fisterrán Modesto Fraga que gañou a XLI edición do Certame Literario de Vilalba que se convoca na capital chairega, nos últimos anos en parcería con Alvarellos Editora que publica os textos premiados.
Non vou adiantar agora o texto que escribín para a ocasión, mais con licenza do seu autor velaquí van dous dos sonetos de Adagio por outono. O primeiro deles figura na primeira parte do poemario, «Sinfonía do corpo» (que consta de 14 sonetos), e o segundo aparece na cuarta e última parte, «Adagio ma non troppo» (7 sonetos).
Tamén a propia Alvarellos Editora dispoñibilizou no seu sitio web un documento (en formato ISSUU) no que se poden ler as primeiras páxinas do libro.
Agardamos a vosa presenza para acompañarmos a Modesto Fraga neste lanzamento da súa nova obra.
TI + EU: NÓS
Aquela luz de outubro clandestina
leva forxada en nós desde as orixes,
buscámola na ausencia das vertixes
a carón dos silencios, na retina.
Eu digo que na ardora adamantina
habita a esencia, a apócema que elixes,
a luz á que has volver sen que te fixes
acesa, ou apagada, que ilumina.
Acesa ou apagada a luz, eu digo
quero volver sentirte, acaso quero
mil noites existir, mil veces sós.
En medio desa luz quero e reitero
ollar contigo o mar, sempre contigo
ser simplemente ti mais eu, ser nós.
 
DA AUSENCIA (E DE NÓS)
Non deixes de soñar por mais que a vida
te leve a algúns lugares sen retorno,
que o teu alento sexa vigoroso
e o tránsito emprendido escuma fértil.
Non permitas que a ausencia, con sixilo
intente seducirte e acaso sexa
a aurora boreal quen te sorprenda
coa humidade de todos os eclipses.
Non deixes de soñar. Nin tan sequera
de devorar a terra cos teus ollos
que son luz e crisálida, caricia
á que nunca me entrego pero adoro;
á que regreso ás veces mentres vivo
na que me perdo sempre que te soño.
De Adagio por outono (Santiago de Compostela: Alvarellos Editora, 2016)
Modesto Fraga
Adagio-por-outono

Esta entrada foi publicada en Poesía, Premios, Presentacións. Garda a ligazón permanente.