«Contra a Inxustiza», unha autopoética antifranquista de Xervasio Paz Lestón

XervasioPazLestón
O poeta Xervasio Paz Lestón (Moraime, Muxía, 1898 – Bos Aires, 1977) é autor de varios textos que se poden considerar autopoéticas por reflexionaren sobre o seu propio proceso de creación liletaria. Con todo, unha das autopoéticas máis impresionantes é o poema «Contra a Inxustiza», un texto ben significativo por dúas razóns, a primeira por estar datado en agosto de 1936 (moi pouco despois do triunfo do alzamento franquista), hai agora 80 anos, e a segunda polo seu significativo título.
O poema principia sinalando «Despóis de emudecer por algún tempo / vou tanxer novamente a homilde lira / que ficaba entre os trastos do alfaiado», para engadir que perante o ascenso do fascismo tivo que quitarlle o po e as arañeiras á lira que tiña tirada no faiado para convertela en fusil e teimar por arrincarlle as rexas e rebertes harmonías de Brañas, Pondal, Añón, Curros, Lamas Carvajal e Rosalía, e tamén dos poetas da xeración de Cabanillas, López Abente e Taibo, porque «Cada verso ha de ser coma un disparo / contra a fera e sangrenta tiranía».
Na miña Tese de Licenciatura, A poesía galega de Xervasio Paz Lestón. Edición e estudo, publicada pola desaparecida Edicións do Castro en 1998, recuperei o texto dun Manuscrito que lle fornecera a meu irmán Rafa Vilar o chorado e finado doutor Juan Gervasio Paz Narbaiz, fillo do poeta, quen nos acompañara na presentación da mentada obra na compostelá Galería Sargadelos en xuño de 1999.
No Manuscrito aparece, da man do autor, a data «Agosto de 1936». Anteriormente fora reproducido por Rafa Vilar en «Novas de América: a poesía de Paz Lestón», Revista das Letras, O Correo Galego, 2 / marzo/ 1995. Velaquí o poema:
Contra a Inxustiza
Despóis de emudecer por algún tempo
vou tanxer novamente a homilde lira
que ficaba entre os trastos do alfaiado
como cousas de máis, que non se estila.
______
Arrumbeina nun intre en que pensaba
que se foran os tempos da poesía
botado pol-o cheiro dos bandullos
arrotantes de afáns sensualistas.
______
En tal mundo fedente de podremias
culminou a maior da inomiñas:
o feixismo mundial fundío a Hispania
nos horrores da guerra “fratricida”,
______
e, único e feroz, chantoulle as poutas
entre verbas de gozo ou cobardía,
aloubando aos ministros “salvadores”
ou lixándoa con hordas asesiñas.
______
Arde agora en rencor a patria amada
e famenta entre ferros agoniza;
cumprindo meu deber de irlle en axuda
cantarei sen delor en agres rimas.
_______
Para elo fun buscar ao alfaiado,
entre telas de araña e polvo, a lira,
pois será meu fusil cando combata
pol-a causa sublime da xusticia.
______
¡Quén pudera arrincar das suas cordas
as rexas e rebertes armoñías
de Brañas e Pondal, de Añón e Curros,
de Lamas Carvajal, de Rosalía!…
______
Sí, quixera emular dos precursores
os cantos en defensa de Galicia,
dos tempos que aturaba de Castela,
noxenta i aldraxante tiranía.
______
E quixera emular tamen aos bardos
da gran xeneración de Cabanillas,
López Abente, Taibo e moitos outros
que honoran nosa patria nestes días…
______
Tal deseo, sei ben, é un imposible,
mais, con todo, terán as cousas miñas,
si non esa luz que irradia o xenio,
fervor de indiñación contra inxusticia.
______
Cada verso ha de ser coma un disparo
contra a fera e sangrenta tiranía;
cada estrofa de epítetos violentos,
andanada total de bateiría.

Esta entrada foi publicada en Historia, Manifestos, Poesía. Garda a ligazón permanente.