Artigo en QPC (IX): «Saúde e Terra, irmá(n)s!. Exposición conmemorativa do Centenario das Irmandades da Fala (1916 – 2016)»



(As fotografías que acompañan esta anotación foron tiradas con dispositivo móbil. Premer para agrandar o tamañO)
Veño de publicar unha nova colaboración con QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, desta volta para escribir sobre unha importante exposición cultural, literaria e histórica e sobre a presenza costeira nela. Velaquí o texto que tamén se pode ler nesta ligazón.
«Saúde e Terra, irmá(n)s!». Exposición conmemorativa do Centenario das Irmandades da Fala (1916 – 2016)
A cidadanía que teña conciencia do que significa «Facer País», desde o seu espírito galeguista ou nacionalista, debe facer unha visita obrigada a «Saúde e Terra, irmá(n)s!». Exposición conmemorativa do Centenario das Irmandades da Fala (1916 – 2016), que estará aberta ao público no Museo do Pobo Galego deica o 31 de xullo, que xa estivo en xuño na Coruña e que logo vai xirar polas principais cidades galegas, en agosto Vigo, en setembro Pontevedra, en outubro Ourense, en novembro Lugo e en decembro Ferrol.
Razóns para coñecermos este legado hainas a moreas. O fermoso programa de man que recibimos ao entrar na mostra inclúe breves textos de presentación de Xesús Alonso Montero, presidente da Real Academia Galega, de Justo Beramendi González, presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego e da nacionalista Goretti Sanmartín Rei, vicepresidenta da Deputación da Coruña e responsable da súa Área de Cultura, quen na miña opinión explica axeitadamente os argumentos que poden encher o noso horizonte de expectativas con estas palabras:
«Chamamos ao conxunto da sociedade galega a visitar esta exposición para honrar a memoria das persoas que debuxaron a Galiza que hoxe coñecemos e para construíla cen anos despois. Porque unha parte do seu legado está por cumprir e pola modernidade que supuxo a idea de sermos universais desde o orgullo da identidade nacional expresada nunha lingua que ten dereito a ser transmitida de xeración en xeración. De aí vimos. Desde aí collemos impulso para tecer a Galiza do futuro. Por todo isto, saúde e terra, irmá(n)s!».
A creación do proxecto, deseño e coordinación da exposición correspondeu a Pepe Barro, que se presenta organizada en dez caixóns informativos con cadanseu título: «Da lingua á fala», «A nación galega», «A razón da causa galega», «Nós sós», «Letra a letra», «Subir á escena», «Arte e galeguismo», «Saber de nós», «Os medios necesarios» e «As mulleres erguen a voz». Neles realizamos unha viaxe histórica até o nacemento da primeira das Irmandades da Fala (A Coruña, 1916) e as posteriores delegacións, un movemento cultural e con posterioridade tamén político que fai parte da historia contemporánea do noso país. Neses dez habitáculos da mostraxe poden atoparse diversos documentos manuscritos e mecanoscritos, moitos deles autógrafos, fotografías e diversidade de obxectos, como a máquina de escribir de Valentín Paz-Andrade ou os óculos de Vicente Risco, e poderemos escoitar breves gravacións de discursos da oratoria dos galeguistas ou de pezas musicais da época.
E a Costa da Morte (ou Costa Brava como diría o poeta muxián que aborrecía aquel topónimo xurdido na prensa) está representada por Gonzalo López Abente, impulsor e mantedor da cativa Irmandade da Fala de Muxía, de quen se pode ollar unha primeira edición da súa novela curta Buserana, que editara Lar en 1925 (recuperada polo profesor Suso Sambade en 2012 na edición da obra A narrativa mariña), ou a súa presenza nunha pouco coñecida fotografía -imaxe inferior- que recolle a homenaxe que os irmandiños coruñeses lle renderon ao seu irmán Xohán Vicente Viqueira no día do seu soterramento na parroquia de Uces (Bergondo) o 30 de agosto de 1924 e noutra fotografía moito máis divulgada cos seus compañeiros do Seminario de Estudos Galegos.
Cómpre pois animar a cidadanía a contemplar esta exposición, así como parabenizar a Pepe Barro e á comisión organizadora: Margarita Ledo e Henrique Monteagudo pola Real Academia Galega; Carme Vidal e Uxío-Breogán Diéguez pola Deputación da Coruña e Justo Beramendi e Carlos García Martínez en representación do Museo do Pobo Galego. Mais tamén a aquelas persoas que a realizaron tan ben feitiña desde o punto de vista técnico: os documentalistas Segundo Saavedra e Carmen Martín (RdO Cultural), na montaxe Sebastián Rodríguez Outeda (expo.gal), na maquetación Susana G. Diz (Mazaira grafismo), na produción de son e audiovisuais Patricia Fernández e Gonzalo Corral Mahía (Quadrado verde), na gravación Kress music studio e nas voces Charo Pena e Luís Iglesia, así como a interpretación do himno das Irmandades por parte do cuarteto Os Rebentos. Unha xoia documental que non se debe perder, abofé. Saúde e Terra, irmá(n)s!

Esta entrada foi publicada en Poesía. Garda a ligazón permanente.