A quebra económica e técnica da entidade Neria na voz dos concelleiros nacionalistas de Fisterra

Kuka-Sar
Nos cinco anos de existencia desta bitácora non figurou entre os seus obxectivos preferentes dar publicidade a textos de política local, porén desta volta abro esta xanela para partillar coa cidadanía unha moción do grupo municipal do BNG de Fisterra coa que concordo plenamente e que ten a ver coa entidade supramunicipal Neria (que na miña opinión debería ser sometida a unha autoría externa e/ou desaparecer de vez) en relación coa súa ineficaz e nefasta xestión de espazos que deberan ser públicos e sempre ao servizo da cidadanía. Velaquí o texto presentado por Kuka Sar:
D. Xan Carlos Sar Oliveira, portavoz do Grupo Municipal do BNG de Fisterra, presenta para a súa consideración a seguinte
MOCIÓN PARA QUE O PLENARIO DO CONCELLO DE FISTERRA ACORDE SOLICITAR A BAIXA COMO SOCIO DA ORGANIZACIÓN NERIA
Exposición de motivos
A Asociación Neria é unha entidade de carácter privado á que hai que recoñecer que por un tempo mantivo unha función recoñecida e valiosa na representación dos intereses de promoción e desenvolvemento turístico da Costa da Morte. Dita asociación inclúe e/ou incluíu (Mazaricos cursou baixa fai uns meses) coma membros da organización a totalidade das administracións locais da Costa da Morte, que no seu momento delegáronlle boa parte da representación dos intereses turísticos locais.
Na actualidade é coñecida a dificultade na que está envolta e percibíndose xa como un ente que persiste a duras penas pero que se resiste a desaparecer, nunha situación de quebra económica e técnica e imposibilitada para cubrir cos obxectivos orixinarios polos que se constituíu e traballou durante anos. Hoxe desprovista dos recursos económicos necesarios para ser viable, precariedade no cadro de persoal, falta de credibilidade como un referente no seu eido, e da notoria perdida de confianza na súa capacidade por parte dos seus socios integrantes, subsiste cunha mínima actividade coa que trata de manter a xestión das cesións de monumentos cos que aínda conta.
Con tódalas dificultades polas que atravesa foise producindo a súa descapitalización, desmantelamento técnico, e orixinando que o seu principal cometido, a xestión de determinados elementos patrimoniais (museos comarcais, oficinas de información turística, dependencias de faros, etc) entrara nunha situación de empeoramento e xeneralizada desatención, incluso levando a pechar varios destes recintos por períodos prolongados.
Dende o BNG entendemos que nestas condicións resulta aconsellable reverter as cesións destas instalacións para poñelas de inmediato a un nivel de funcionamento coa calidade que merecen, e que Neria asuma que xa non é o seu momento.
No caso do Concello de Fisterra esta situación afecta a dous elementos patrimoniais estratéxicos para a promoción e imaxe turística e cultural, pero tamén económica, do municipio. Trátase do Museo da Pesca do Castelo de San Carlos e parte do edificio do Faro de Fisterra destinado á atención de turistas e salas expositivas. Son lugares de capital importancia para os intereses de Fisterra. Porén existe un descontento xeneralizado, á vista de todos, da precariedade coa que se veñen xestionando ultimamente.
No caso do Museo da Pesca Neria optou recentemente polo seu peche sen ofrecer ningunha outra posibilidade. As reaccións dos departamentos de Cultura e de Turismo do propio Concello, da Confraría de Pescadores como propietarios do mesmo, acompañadas posteriormente polo clamor de indignación de veciños e veciñas e xente do mundo da cultura, forzou á entidade a reconsiderar o peche e optar por mantelo aberto, pero en condicións totalmente insuficientes mediante unha atención ao público por medio dun voluntario sen poder garantir nada máis. Tanto o edificio, como a colección presente nel, precisa de mantemento e coidados e os seus visitantes dunha axeitada atención explicativa dado o seu valor, polo que as condicións ofrecidas dende Neria resultaban claramente inaceptables.
No caso das instalacións do Faro de Fisterra tamén vén arrastrando graves problemas de xestión, no que o peches da instalación cara o público é recorrente por períodos prolongados, e no que por varias veces o propio Concello xunto coa Deputación teñen tentado corrixir a mala imaxe e xestión feita das instalacións sen ter chegado a unha solución.O Faro non pode estar pechado durante a maior parte do ano, e tampouco pode descoidarse a súa imaxe que se ten vulgarizado, incluso dentro do edificio coa instalación de máquinas expendedoras de souvenirs, cartalería e reparto de publicidade caótica, materiais turísticos desactualizados, problemas de mantemento e conservación das instalacións, baixa dinamización das posibilidades e oferta das salas do Faro, etc.
Para o Concello de Fisterra resulta unha responsabilidade enorme velar pola protección e bo funcionamento do Faro, un dos lugares máis visitados de Galiza, e do seu xenuíno Museo da Pesca que é todo un referente da nosa idiosincrasia, e isto significa que debemos poñer o máximo empeño en garantir o aproveitar tódalas súas posibilidades coa esixencia de ofrecelo coa maior calidade que sexa posible. Esta claro que hoxe isto a entidade Neria xa non o pode garantir e dubidamos, dada súa maltreita situación, que no futuro poida conseguilo.
Dado o que representan para todos os veciños e veciñas de Fisterra estes dous importantes lugares, un patrimonio fisterrán incuestionable, consideramos que debe ser o propio Concello o que asuma a responsabilidade da súa xestión pública.
Polo que dende o BNG de Fisterra entendemos que dende o Concello non podemos pararnos e agardar a solucións que non chegan, e tampouco ten sentido continuar como socios dentro dunha entidade privada que xa non proporciona vantaxes para poñer en valor o noso patrimonio e intereses turísticos, e que a vista das súas dificultades non está claro o seu futuro inmediato, cando ademais supón detraer das arcas municipais uns recursos (a modo de cuotas) que poden ser destinadas directamente polo Concello en accións de promoción e divulgación turística de Fisterra.
En virtude desta exposición de motivos propoñemos ao PLENO DE FISTERRA que adoite o seguinte ACORDO:
1) Solicitar a baixa do Concello de Fisterra coma socia integrante da Asociación Neria, dada a súa manifesta dificultade para manter os seus obxectivos orixinarios de defensa, promoción, divulgación e dinamizado dos intereses turísticos e patrimoniais presentes en Fisterra.
2) Comunicarlle a dita asociación este Acordo e que de inmediato se efectúe o expediente e actos administrativos necesarios para facer efectiva canto antes a desvinculación do Concello con dita entidade.
3) Iniciar as accións necesarias para que o Concello de Fisterra se poña á fronte da dinamización e promoción das instalacións e actividades que a organización Neria conta en Fisterra.
Fisterra, 30 de xuño de 2016.
Xan Carlos Sar Oliveira
Portavoz BNG Fisterra.

Esta entrada foi publicada en Poesía. Garda a ligazón permanente.