As crebas, unha breve crónica da presentación en Muxía


(Na foto de Xesús Búa, para La Voz de Galicia, de esquerda a dereita, o escritor Rivadulla Corcón, eu, o alcalde de Muxía no uso da palabra, a concelleira de Cee e deputada provincial Zaira Rodríguez e o poeta Alexandre Nerium).
Na fermosa praciña do Cabo da Vila, de Muxía, fíxose o pasado venres a presentación do meu poemario As crebas, concorrida malia a fresca da tardiña que se foi convertendo en friaxe nocturna pouco a pouco e coa presenza de amigas e amigos, algún deles magníficos representantes do mundo da cultura na Costa da Morte. Por razóns protocolarias abriu o acto o alcalde co Concello de Muxía e presidente da Fundación Gonzalo López Abente, Félix Porto Serantes e continuou Zaira Rodríguez Pérez, concelleira de Cee, que asistía en nome da Deputación Provincial, un dos patronos da Fundación. Deseguida o escritor muxián e vicepresidente da entidade, Xosé Henrique Rivadulla Corcón realizou unha análise detallada do libro, da que daremos conta noutra ocasión, e o poeta fisterrán Alexandre Nerium, que antes xa explicara o concepto de “crebas” a petición de Corcón, fixo unha paráfrase do libro e un emocionado recordo da nosa amizade que se xestou hai ben anos por motivos literarios, lembrando a nosa primeira coincidencia nunha revista fisterrá chamada O Berrón, que dirixía Roberto Traba Velay aló polos anos oitenta e cuxa historia lembra Iván Fraga Moure nesta publicación. Na miña intervención lembrei a memoria do editor Ánxel Casal, do que xa falamos aquí, e tras os pertinentes e sentidos agradecementos e unhas brevísimas notas sobre o libro (o frío ía in crescendo), convidei aos poetas Rosalía Fernández Rial, Modesto Fraga e Xaime Trillo a leren cadanseu poema e rematou o acto coa miña lectura doutros textos, entre eles este:
As sabas a clareo
Recordar sempre doe, porque aínda que laves con lexivia as sabas nunca branquea a dor que impregna cada engurra do algodón dos abrazos e segues os consellos que escoitaches da nai para a roupa encoirada, darlle xabón lagarto e logo deitar na herba as sabas a clareo.
Agardas unha tarde, non de sol formigueiro, de sol de primavera nunha herba soalleira e deitas os recordos de manchas amarelas, prendidos entre as sabas como piolla vella.
E observas con asombro que a túa nai coñece os segredos da vida e agora no tendal penduras a memoria branca e o seu recendo asolaga os recantos dos teus espazos íntimos.

Esta entrada foi publicada en Historia, Poesía, Presentacións. Garda a ligazón permanente.

1 resposta a As crebas, unha breve crónica da presentación en Muxía

  1. Pingback: As crebas » As crebas, presentación o vindeiro sábado na Confraría de Malpica de Bergantiños

Os comentarios están pechados.