Artigo en QPC (VIII): #Efeméride «A vinte anos do I Encontro de Escritores e Escritoras da Costa da Morte, primeira actividade do Batallón Literario»

Cam
(Cartaz do I Encontro de Escritores e Escritoras da Costa da Morte celebrado na Fundación Fernando Blanco de Cee)
Na nova colaboración con QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, evoco unha efeméride importante na creación literaria costeira no texto intitulado «A vinte anos do I Encontro de Escritores e Escritoras da Costa da Morte, primeira actividade do Batallón Literario», que tamén xa se pode ler nesta ligazón. Este texto foi artellado con notas tiradas dos arquivos de prensa da época e tamén da memoria dos poetas fisterráns Alexandre Nerium e Modesto Fraga, quen foron presidente e secretario da entidade nalgún momento da súa existencia, e da miña propia. Velaquí.
A vinte anos do I Encontro de Escritores e Escritoras da Costa da Morte, primeira actividade do Batallón Literario
1. A previa
Nun tempo de efervescencia cultural prodúcense dous acontecementos que van resultar definitivos para a posterior creación do Batallón Literario da Costa da Morte. Dunha banda, en marzo de 1996, a asociación «Arre-Sentelha» organizou un recital de poesía no Castelo de Vimianzo. Na convocatoria participaron os irmáns Rafael e Xosé Manuel Lema, Modesto Fraga, Rafa Villar, Xandra Tedín, Abel Mendes, Xavier Rodrigues Fidalgo, Alberto Lema Suárez, César Carracedo, Manuel López Martínez (hoxe, Alexandre Nerium) e Roberto Traba Velay. Aínda que non todos, unha boa parte deles entraría a formar parte do Batallón Literario. Doutra banda, a publicación dun caderno poético en abril de 1996, organizado por membros do colectivo antimilitarista «Último Reemprazo», que levaba por título As armas da solidaridade, no que se incluían textos de autores da Costa da Morte, tamén afortalou a idea que se podían realizar moitas actividades en común. Recolle textos de César Carracedo, David Creus, Estevo Creus, Modesto Fraga, Frederico López Santalla, Xavier Rodrigues Fidalgo, Xandra Tedín, Miro Villar e Rafa Villar e Roberto Traba Velay, poeta fisterrán e único dos últimos citados que nunca participaría do espírito do Batallón.
2. A constitución formal
Deste xeito, o Batallón Literario da Costa da Morte vai quedar formalmente constituído nun data simbólica, o 1 de Maio de 1996, logo dunha longa reunión nunha cafetería de Cee, á que asistiron unha vintena de autoras e autores. O nome suxeriuno o poeta Frederico L. Santalla, inspirándose na inscrición que ocupa as pedras da Quintana, onde se fai referencia ao histórico Batallón Literario santiagués. A súa primeira xunta directiva, ou xestora, pois a entidade aínda non estaba legalizada nin contaba con estatutos, estivo formada por Miro Villar, presidente; Frederico L. Santalla, secretario; e Rafa Villar, Xandra Tedín, Modesto Fraga, Xavier Rodrigues Fidalgo e Estevo Creus. Como se pode observar varios dos seus membros proviñan ben do desaparecido colectivo ceés «Un medio», ben da aínda activa agrupación soneirá «Arre Sentelha». A única premisa era que os autores fosen nados ou tivesen unha forte vinculación coa Costa da Morte, franxa costeira que vai de Malpica de Bergantiños ata Fisterra (aínda que de maneira circunstancial chegaron a colaborar co BLCM autores de Carnota, de Muros ou de Noia). Xurdiu co obxectivo de dar a coñecer as súas actividades e inclúe narradores, investigadores e, sobre todo, poetas. Configurouse como un movemento cultural asembleario, de carácter democrático e non elitista, que buscaba a comunicación directa cos lectores, ata o punto de que os poetas teñen realizado ducias de recitais en locais pechados ou en espacios abertos, como o palco da Festa das Carrilanas de Esteiro.
3. O I Encontro de Escritores e Escritoras da Costa da Morte
A primeira das actividades que programou o Batallón Literario da Costa da Morte foi o «I Encontro de Escritores e Escritoras da Costa da Morte». Unha rolda de prensa, realizada o martes 25 de xuño do 1996 na cafetería Rúa Nova de Santiago de Compostela e que foi amplamente recollida polos medios, serviu como presentación pública do BLCM e deste primeiro encontro literario que se ía celebrar co lema Reescrevendo a Costa da Morte. Os organizadores propuxeron os seguintes temas de debate:
a) Poesía, narrativa e investigación na Costa da Morte.
b) O negocio das editoriais, alternativas.
c) A lingua arma fundamental da creación, identidade e normalización.
d) A política cultural das institucións e dos movementos alternativos.
e) Resolucións e futuro.
O sábado 29 de xuño, ás 10.00 h. da mañá, tivo lugar, no Café-bar Macondo de Cee, que rexentaba o poeta fisterrán Modesto Fraga, a recepción previa na que estaban varios membros da corporación do Concello de Cee, entre eles o edil de Cultura, directivos e membros do Batallón e outros convidados, para pasar pouco despois á sala magna do Instituto da Fundación Fernando Blanco de Cee, onde diferentes autoras e autores foron expoñendo os seus relatorios.
Rafa Villar, de Cee, falou das súas experiencias para sacar á luz os seus traballos como a edición de autor, publicación en revistas como Dorna ou a de presentarse a premios e ter a sorte de que cho concedan e recordou que en 1995 soamente se publicaron cen libros en galego.
Un dos convidados foráneos, o poeta compostelán, de orixe arxentina, Eduardo Estévez falou tamén das súas experiencias editoriais na Arxentina e en Venezuela. Alí tan só publicaban textos de clásicos coma Borges, Pizarnik… Explicou coma un grupo de escritores novos puxeron uns cartos conxuntos e publicaron un libro dun deles, cos cartos que ían sacando publicaban outro e así sucesivamente. Esta foi a maneira de que as súas obras viran a luz. Curiosamente, anos máis tarde, desta idea xurdirá en Galiza a editorial «Letras de Cal» cun sentido aínda máis altruísta, pois o que fixo esta cooperativa foi principiar por editar textos de xente nova que non tiña nada publicado ou que tiña dificultades para o facer.
O estudoso e escritor corcubionés Luís Lamela, especialista en temas históricos, falou do seu labor de investigación e sobre as súas recentes Crónica de una represión en la Costa da Morte (Edicións do Castro, 1995) e tamén de que había que recuperar moitos dos documentos que pertencían a esta zona e que estaban en organismos nos que era case imposible ou moi dificultoso acceder a eles.
O historiador de Bamiro (Vimianzo) Xosé María Lema Suárez centrou a súa intervención na necesidade da formación duns arquivos que tiñan que estar a disposición daqueles que os quixeran utilizar para a súa posterior investigación.
Finalmente, os poetas do Batallón, Frederico L. Santalla, de Lires (Cee), e Xavier Rodrigues Fidalgo, de Castrelo (Vimianzo) fixeron senllas análises sobre a política institucional referida á literatura e á cultura en xeral e sobre os atrancos que as autoras e os autores teñen por escribiren en normativas diferentes da norma oficial do idioma galego.
Alén do poeta Eduardo Estévez, tamén foron convidados a ese «I Encontro» Yolanda Castaño, Olga Novo, Chus Pato e Paco Souto. Tamén asistiron ao acto a crítica literaria, Teresa Seara, e outros escritores e investigadores como o antropólogo muxián Manolo Vilar ou o filólogo malpicán Xosé Manuel Varela.
O «I Encontro de Escritores e Escritoras da Costa da Morte» finalizou ás 20:00 h. do serán cun recital poético a cargo de todos membros do Batallón Literario e dos poetas convidados.

Esta entrada foi publicada en Efemérides, Encontros, Ensaio, Estudos literarios, Historia, Infantil, Lendas e mitos, Lingua, Memoria Literaria, Narrativa, Poesía, Teatro, Xornadas, Xornalismo. Garda a ligazón permanente.