«Castelo de San Carlos», unha asisada anotación de Francisco Fernández Naval

maribel longueira
(A escritora mexicana Elena Poniatowska, que chegou a Fisterra na compaña de Francisco Fernández Naval, escoita a Alexandre Nerium, Fotografía de ©Maribel Longueira. Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
O escritor Francisco «Chisco» Fernández Naval é a nova voz que se vén de engadir á xente da cultura que se está a pronunciar sobre o peche do Museo da Pesca de Fisterra coa publicación dunha ben fermosa anotación intitulada «Castelo de San Carlos» na súa bitácora A noite branca (que recolle o nome da súa fermosa novela co mesmo título). Velaquí:
«Castelo de San Carlos»
Díxomo a semana pasada Alexandre Nerium. Este ano (con Alexandre Nerium) non abrirá o Museo do Castelo de San Carlos de Fisterra. Museo ou centro de interpretación da pesca que, con tanto amor, Alexandre amosou durante anos.
O Castelo, construído durante o reinado de Carlos III e situado sobre a praia da Ribeira, é un dos que mellor se conservan, de entre todos aqueles pensados para defender as vilas do litoral e hoxe case desaparecidos. Foi doado á vila por Plácido Castro del Río, fillo de Plácido Castro, quen llo mercara ao estado. A doazón expresaba o desexo do propietario de facer nel un museo. Ese destino chegoulle 58 anos despois da doazón, cando no ano 2006 abría as portas como Centro de Interpretación da Pesca, nunha vila de tanta tradición pesqueira como Fisterra. Ese momento coincidiu coa inauguración da lonxa nova, proxecto de Covadonga Carrasco e Juan Creus. A Confraría de Pescadores recibiu a encarga de xestionar os dous centros.
Porén, coa chegada da crise, a Confraría non foi quen de manter a xestión do Castelo, cedéndolla a Asociación Neria. Hoxe, Neria está en bancarrota, circunstancia que castiga de maneira particular o Museo.
Non son moitas as pezas que se expoñen no interior, pero son suficientes para que o visitante marche cunha idea do que é e foi a vida do mar. Alexandre Nerium ou Manolo de Fisterra, poeta e mariñeiro retirado, é quen de explicar con cariño os misterios das ondas, o valor das buguinas nos días de borraxeira, o funcionamento das nasas, a práctica do xeito. El fala das augas tintas, dos cetáceos, de naufraxios ou de versos, deses miles de versos, de poetas de todas as latitudes, que falan de Fisterra e que el se ocupou de recompilar. Nesta imaxe eu poso diante da caixa onde cada mes el expoñía un poema. Coincidiu na visita con Elena, que dentro estaba o meu Mar de Lira, no que son varios os poemas que falan do Cabo.
Conta, tamén, como dende as rochas que serven de base á pequena fortaleza, os nenos facían a guerra ao mar.
De visita ao Museo fun moitas veces, algunhas como guías a persoas ilustres, como cando levamos a Elena Poniatowska, ou ao escritor hindú Sudeep Sen, ou ao senegalés Abdoulaye Bilal Traoré. Tamén acompañamos a Yolanda Castaño, ao fotógrafo Francesc Torres, a artista norteamericana Terry Berkowitz. O resultado foi sempre o mesmo, unha revelación, a de escoitar a Alexandre contar con paixón o seu mundo, sen lle importar a lingua, porque el sabe que hai linguaxes que transcenden a fala, o corpo, e forman parte da emoción compartida.
Este verán os turistas italianos, franceses, alemás, ingleses, portugueses ou de calquera das comunidades do estado, ou de calquera provincia ou vila de Galicia, atoparán pechada a porta do Castelo. É mágoa, porque o Centro de Interpretación da Pesca e o seu guía, formaban parte, xa, do noso patrimonio, dese que amosamos con orgullo.
Eu confío en que o concello sexa quen de asumir e facer posible a apertura desta referencia principal da vila e da Costa da Morte.
Francisco Fernández Naval

Esta entrada foi publicada en Historia, Lendas e mitos, Narrativa, Roteiros, Tradicións. Garda a ligazón permanente.